Novas | 2371 a 2380 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

27/09/2010
Rodar é promover

Hoxe celébrase o Día Internacional do Turismo. Unha efeméride que aproveitamos para falar doutro tipo de turismo, o que motivan os profesionais do audiovisual. Son dúas direccións, dunha banda atrae a equipos de rodaxe, actores, directores. Antonio Banderas, Pedro Almodóvar, Elena Anaya, Pilar Rubio… son algúns dos nomes de actores e directores que nos últimos meses estiveron por aquí. Da outra, o resultado atraerá a turistas tradicionais. E no medio, as Film Comision, oficinas para facilitar e promover as rodaxes. Das que existen en Galicia só a de Santiago está plenamente operativa neste momento. . Amplía a nova>>

27/09/2010
AEGA propónlle a Feijóo privatizar parcialmente a Televisión de Galicia

A dependencia entre o sector empresarial audiovisual e a Televisión de Galicia é unha relación sabida e constatada en numerosos informes. Agora, o sector representado en AEGA (A Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual) acaba de poñerlle sobre a mesa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, unha proposta que implica a privatización parcial. Tal e como publica hoxe El País, ese documento contempla que os servizos informativos, a xestión e o control seguirían sendo públicos, mentres que privatizaría o resto da produción. . Amplía a nova>>

27/09/2010
Un informe constata a recuperación do sector audiovisual galego

O 2009 non foi un ano tan malo para o sector audiovisal galego. Así o din as cifras que cuantifica a Federación de Productores Audiovisuais de España (FAPAE) relativas a Galicia. Segundo esta fonte, a facturación das produtoras galegas ascendeu ao 4.4% (no 2008 foi do 3.2%) recuperando o terceiro lugar no total do Estado. Ademais, ese mesmo documento indica un incremento do emprego do sector (sitúase no 8%, un punto máis que en 2007). Ademais, este mesmo informe apunta que no 2009, o sector audiovisual recibiu da Administración da Xunta maís de cinco millóns e medios (case un millón máis que no 2008). . Amplía a nova>>

24/09/2010
Varias producións galegas exhíbense no marco do Festival de Cine San Sebastián

O Festival de Cine de San Sebastián entra nas últimas horas antes de que o xurado desvele o gañadores da Cuncha de Ouro. Pola cidade vasca paseáronse estes días algunhas producións galegas. No marco da sección Made in Spain presentouse a exitosa Cela 211 e Estigmas; na chamada “Zabaltegui-Perlas” o ourensá Rodrigo Cortés exhibiu Buried coa que foi premiada no Sundance. A coprodución entre a galega Tic-tac con varias empresas iberoamericanas, Auga Fría de Mar, presentouse no marco da sección Horizontes Latinos. Completa a listaxe de películas galegas na 58 edición, un avance de Holy Night. Noite de ¿paz? de Dygra, que se encadraba no Encontro Internacional de Estudantes de Cinema. . Amplía a nova>>

24/09/2010
Pinzás presenta en Vigo o documental que coprotagoniza con Gurruchaga e Paul Naschy

“That´s life” asegura Javier Gurruchaga nun momento do documental As imaxes perdidas. A otura mirada, o último proxecto cinematográfico de Juan Pinzás. O realizador vigués non abandona o dogma, xa que incorpora algunhas características deste estilo cinematográfico ao xénero documental para presentar un filme que busca “unha viaxe física e introspectiva cara o interior dos protagonistas”. Ademais do coñecido e polifacético Javier Gurruchaga, o proxecto conta como actores co finado Paul Naschi e co propio Pinzás. O filme distribuirase en Vigo, Lugo, Ferrol, Santiago, Ourense, Madrid, Barcelona e Valencia.. Amplía a nova>>

23/09/2010
Lugo prepárase para a súa 32 Semana Internacional de Cine de Autor

É a antesala do San Froilán e a cita de referencia do audiovisual en Lugo. A Semana Internacional de Cine de Autor cumpre a súa 32 edición presentando as tendencias, novidades e a realidade dos creadores e a creación. Ajami, A Caixa de Pandora, Déixame entrar, Cidade de vida e morte e Noite transfigurada conforman a sección oficial dun certame que mantén os seus tradicionais ciclos (infantil, muller curtametraxes…) aos que este ano se lle une un sobre o Xacobeo e outro sobre cine histórico ou de aventuras (peplum). O certame organizado polo clube fotocinematográfico lembra a figura a Enrique Muíño cunha exopsición de fotografía, conferencias e un ciclo de cinema.. Amplía a nova>>

22/09/2010
Ourense acollerá un congreso para promover a literatura histórica

Autores, profesionais e lectores da literatura histórica teñen unha cita en Ourense do 10 ao 17 de outubro en Ourense. Auria, Semana de Literatura historica é o congreso que pretende promover este xénero coa presenza de autores como Juan Eslava Galán, Luis García Mañá, Manolo Rivas, Carlos Reigosa, Xosé Carlos Caneiro ou César Vidal. Ademais das conferencias e os encontros, esta semana tamén contará cun oco para o cinema cun ciclo (versión orixinal subtitulada) sobre personaxes históricos como Genghis Khan ou El Greco.. Amplía a nova>>

17/09/2010
Música e cine únense no festival Filminho

O domingo comezará en Tomiño unha nova edición do festival de cine galego e portugués, Filminho. O encontro, organizado pola Asociación Morraceira celebra a súa terceira edición con numerosas actividades complementarias: unha retrospectiva do cineasta Carlos Velo, un concerto de Víctor Coyote e a celebración dos primeiros obradoiros de cine para escolares. O encontro terá, ademais das seccións competitivas, unha homenaxe á directora e guionista portuguesa Noemia Delgado.. Amplía a nova>>

17/09/2010
O cine e a cultura árabe volven a Compostela da man do VIII Festival Amal

Amal continúa a facerse grande. O festival especializado en temática árabe proxecta este ano 45 filmes procedentes de 22 países que seguen fieis á súa filosofía: promover o diálogo e a comunicación intercultural. Máis coproducións europeas cos países árabes na sección oficial e máis filmes dirixidos por mulleres, nun encontro que se desenvolverá do 23 ao 30 de outubro. Como xa é habitual nesta programación, Amal tamén dará a coñecer a cultura árabe cun interesante programa de actividades paralelas: o ciclo de cine infantil, obradoiros (danza, cociña ou música árabes), e unha nova edición do concurso Amal Express, que propón a realización dunha curtametraxe de ata 5 minutos de duración en 96 horas. Ademais de actividades musicais, haberá un punto de encontro entre profesionais internacionais como cineastas como Liana Saleh e Pela del Álamo, o ex director do ICAA Fernando Lara, os xornalistas Óscar Abou Kassem e Nayla Abdul-Khlalek e programadoras como Marie-Claude Benha e Chusi Riveira.. Amplía a nova>>

15/09/2010
Cela 211, preseleccionada pola Academia de Cine para os Óscar

Lope, Cela 211 e Tamén a chuvia son os tres filmes que a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas acaba de anunciar como precandidatas a representar a España nos Óscar. Non será ata o vindeiro 28 de setembro cando se coñeza cal das tres é o filme elexido para representar a España (a Academia hollywoodiense escollerá despois cinco títulos entre os filmes presentados polos diferentes países de fala non inglesa). A produción da factoría coruñesa, Vaca Films, tamén deberá agardar ata o vindeiro 15 de decembro para saber se está entre as cinco finalistas aos globos de Ouro, despois de superar a primeira peneira.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org