Amal continúa a facerse grande. O festival especializado en temática árabe proxecta este ano 45 filmes procedentes de 22 países que seguen fieis á súa filosofía: promover o diálogo e a comunicación intercultural. Máis coproducións europeas cos países árabes na sección oficial e máis filmes dirixidos por mulleres, nun encontro que se desenvolverá do 23 ao 30 de outubro. Como xa é habitual nesta programación, Amal tamén dará a coñecer a cultura árabe cun interesante programa de actividades paralelas: o ciclo de cine infantil, obradoiros (danza, cociña ou música árabes), e unha nova edición do concurso Amal Express, que propón a realización dunha curtametraxe de ata 5 minutos de duración en 96 horas. Ademais de actividades musicais, haberá un punto de encontro entre profesionais internacionais como cineastas como Liana Saleh e Pela del Álamo, o ex director do ICAA Fernando Lara, os xornalistas Óscar Abou Kassem e Nayla Abdul-Khlalek e programadoras como Marie-Claude Benha e Chusi Riveira.