O Museo dos Naufraxios de Camariñas dá un paso decisivo para a súa creación

Deputación da Coruña e Concello asinan o convenio para a restauración estrutural da antiga lonxa

Deputación da Coruña e Concello asinan o convenio para a restauración estrutural da antiga lonxa
Lonxa vella de Camariñas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deron onte un paso en firme para levar a bo fin o proxecto do Museo dos Naufraxios na localidade costeira que leva sobre a mesa varios anos con tímidos avances. O convenio de colaboración asinado onte entre ambos mandatarios pon xa en negro sobre branco o financiamento das obras de reforma da envolvente exterior da antiga lonxa de Camariñas para este fin e da sala de exposicións que levará o nome "Beti Donosti". O investimento total ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación achega o 76,7 %, cunha contribución de 330.000 euros, mentres que o Concello asume o resto do financiamento con fondos propios. O proxecto, redactado polo arquitecto Jorge Roura Traseira, contempla a reparación e consolidación estrutural do inmoble, así como a reforma integral da súa envolvente exterior, actuando fundamentalmente sobre cubertas, fachadas e carpinterías co obxectivo de frear o deterioro do edificio, mellorar a súa eficiencia enerxética e garantir condicións adecuadas de salubridade e conservación.

O proxecto mantén o volume xeral do edificio e a súa integración no entorno portuario, apostando por unha imaxe renovada pero respectuosa coa edificación orixinal e co seu carácter industrial e mariñeiro. Así mesmo, esta primeira fase non condiciona as futuras actuacións de musealización interior, que se desenvolverán nunha etapa posterior, unha vez consolidada a estrutura e protexida a envolvente do inmoble. As obras, unha vez finalizadas, permitirán dispoñer dun edificio estruturalmente consolidado, protexido fronte aos axentes meteorolóxicos e listo para afrontar a seguinte fase de acondicionamento interior e musealización do futuro Museo dos Naufraxios, un ambicioso proxecto chamado a converterse nun novo símbolo cultural do municipio e da comarca. A actuación permitirá recuperar un edificio emblemático situado no peirao do Curbeiro, actualmente en estado de abandono tras décadas sen uso nin mantemento, e constitúe o primeiro paso para a posta en valor dun espazo público chamado a converterse nun referente cultural vencellado á memoria mariñeira e aos naufraxios da Costa da Morte.