A Xunta e a Fundación Rosalía de Castro acometerán melloras na Casa da Matanza

Veñen de asinar un convenio bianual por 120.000 euros para esta fin

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo. Con estas intervencións búscase que tanto as actividades da Fundación como as visitas á Casa poidan desenvolverse nas mellores circunstancias posibles. As arcas públicas, a través da Secretaría Xeral de Cultura, invisten neste proxecto 120.000 euros, distribuídos de xeito alícuota durante as anualidades de 2017 e 2018, cun monto para cada período de 60.000 euros. As actuacións contemplan a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía. En concreto, o reacondicionamento da envolvente exterior, incluídas cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes, do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio. Así mesmo, acometerase a reforma da planta baixa da antiga Casa Maruxa Villanueva, para dar acubillo ás novas oficinas da Fundación Rosalía; e a rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.