Novas | 2251 a 2260 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

21/03/2011
Aulas a ritmo de cine

Estudantes, audiovisual e materia de estudo. Esta é a combinación sobre a que se asenta “Audiovisual Escolar Galego”, unha iniciativa persoal dun profesor do IES de Porto do Son, David Pérez, que nunha semana agrupou nun portal máis de 1.500 vídeos. Todos responden a unha mesma premisa: ser traballos feitos en clase por escolares de Primaria ou Secundaria, malia que non é unha materia obrigatoria no currículo. Ademais, teñen convocada en maio unha cita para analizar e tentar converter esta inciativa persoal nun proxecto máis organizado.. Amplía a nova>>

17/03/2011
Galicia perdeu 450.000 espectadores de cinema en 2010

O pulo dos filmes 3D deixou de se notar na asistencia ás salas galegas de cinema. Se en 2009 se dera un lixeiro incremento na venda de entradas, atribuíble a este fenómeno, en 2010 perdéronse 450.000 espectadores no noso país. Así o revela a explotación que realizou o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega de datos do Instituto da Cinematografía y de las Artes Audiovisuales. A cifra supón un descenso de espectadores o 11% interanual, moi superior á perda dun 7,5% que se deu no Estado de media. A nivel de recadación, no entanto, os 24,5 millóns de euros que se obtiveron este ano son só 2% menos que en 2009, o que se explica polo incremento no prezo da entradas, que quedaron en 6,62 euros de media no noso país.. Amplía a nova>>

17/03/2011
Importante presenza galega no Festival de Videoarte Latina de Nova York

A comunidade de artistas latinos ten unha cita importante coa videocreación do 24 a 27 de marzo no Centro Rei Juan Carlos I da Universidade de Nova York. É as datas nas que se desenvolve Region O, o festival de videoarte latina de Nova York. Un encontro que ten unha importante presenza galega por dúas bandas. Dun lado, a comisaria e encargada da selección das pezas é a galega Eva Mendoza Chandas e, polo outro, que varios artistas do noso país figuran na lista de convidados. Féliz Fernández, Vicente Blanco, Mal Caldas ou Lois Patiño son os nomes galegos presentes nun encontro que representa as tendencias actuais da creación audiovisual.. Amplía a nova>>

16/03/2011
O documental de Carlos Núñez abrirá unha nova edición do Play Doc

Alborada no Brasil é o título do último traballo musical de Carlos Núñez, que xurdiu en paralelo a Brasil somos nós, o documental que conta como vai na procura do seu bisavó desaparecido en Brasil, supostamente asasinado por outro músico. Alí, descubrirá parte das súas orixes e sentirá os vínculos que o atan á tradición musical galaico-portuguesa que se poden apreciar no último traballo do músico. Este documental abre unha nova edición de Play Doc, o festival deste xénero, que se desenvolve en Tui do 30 de marzo ao 3 de abril.. Amplía a nova>>

15/03/2011
18 comidas é a gran favorita dos Mestre Mateo con 16 candidaturas

Era unha aposta arrisacada por múltiples motivos: non tiña guión, os actores só tiñan breves indicacións do que tiñan que facer en cada rodaxe…. Sen embargo, o público respondeu á aposta “improvisada” de Jorge Coira. Agora, os académicos acaban de convertelo no gran favorito destes Mestre Mateo. Os premios do facé un filme improvisado e tivo gran éxito entre o público. O filme de Jorge Coira, 18 comidas conta con 16 candidaturas, entre as que destaca mellor longametraxe, mellor dirección e cinco para a interpretación (Luís Tosar, Federico Pérez e Antonio Mourelos a mellor actor de reparto; e Camila Bossa e Cristina Brondo a mellor interpretacón feminina de reparto). Séguenlle de preto, a ópera prima de Luis Baquero Avilés, Retornos, con 15 candidaturas e a comedia de Enrique Otero Crebinsky , con 12. A película para televisión Mar Libre, de Dani de la Torre, suma dez candidaturas. A gala dos Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 17 de abril no Auditorio Municipal de Ourense.. Amplía a nova>>

15/03/2011
Ignacio Vilar rodará en 3D a súa vindeira película

Celtia, filla do vento é o título do próximo proxecto cinematográfico do realizador ourensá Ignacio Vilar (Pradolongo, Ilegal). Un filme que contará a historia de amizade entre unha nena e unha potra salvaxe que o levará a rodar en Sabucedo a tradicional festa da Rapa das Bestas. A particularidade deste proxecto, que ten un orzamento estimado de 5 millóns de euros, é que se rodará en 3D e buscará financiamento internacional.. Amplía a nova>>

14/03/2011
O CGAI celebra o seu vinte aniversario cun ciclo especial de proxeccións cinematográficas

Ten 3.000 copias en soporte cinematográfico, 7.500 DVD, unhas 10.000 fotografías e unha pequena sala (110 butacas) na que programa máis de 300 sesións ao ano. Son algunhas das cifras do Centro Galego de Artes da Imaxe que cumpre neste 2011 dúas décadas de vida. Do 15 ao 18 de marzo celebrará a efeméride cun ciclo especial de proxeccións que inclúe a estrea de Todos vós sodes capitáns de Ólive Laxe, premiada en Cannes, así como imaxes inéditas de Galicia no NO-DO. O CGAI continuará neste 2011 coa actividade de estender a súa programación fóra da súa sede da Coruña, con ciclos en Santiago, Vigo, Lugo e Ourense.. Amplía a nova>>

10/03/2011
A asociación de actores concede a Xan Cejudo o seu premio de honra

O actor Xan Cejudo é o novo Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A decisión da Xunta Directiva da entidade quere recoñecer a longa traxectoria e a singular contribución de Xan Cejudo á profesionalización do teatro en Galicia. O Premio de Honra Marisa Soto naceu no 1997 como galardón que distinguise a especial traxectoria de persoeiros no marco dos Premios de Teatro de María Casares o primeiro en recibilo foi Agustín Magán e no pasado ano 2010 foi recaer en Gonzalo Uriarte. Nado na Coruña en 1947, a carreira de Xan Cejudo comezou a mediados dos anos 60 no grupo de teatro O Facho e ten un extenso percorrido teatral como actor, director e autor. No audiovisual, Xan Cejudo tamén amosou o seu talento en diversas longametraxes e series de televisión, galegas (Pratos Combinados, Mareas Vivas, Rías Baixas, Galicia Express, As leis de Celavella) e españolas (El Comisario, Periodistas, Policías, Cuéntame). O actor coruñés recibirá o seu galardón durante a cerimonia de entrega dos XV Premios María Casares, o vindeiro 23 de marzo.. Amplía a nova>>

10/03/2011
Play Doc vence os recortes e exhibe a influencia da ficción no documental

É a cita de referencia do documental en Galicia e este ano, cun recorte orzamentario que chegará ao 50%, Play Doc seguirá fiel aos seus principios: documental de corte social, independente e con moito protagonismo da música (exhibirase o documental de Carlos Núñez Brasil somos nós). Nesta sétima edición, o proxecto que preparan ángel Sánchez e Sara García, revisará como o a ficción inflúe no documental. Canda isto, o convidado desta edición será Marcel Lozinski, recoñecido realizador polaco. . Amplía a nova>>

10/03/2011
Exhíbese por primeira vez a copia completa da Galicia de Carlos Velo

Ata hai uns meses dábase por perdida a versión final de Galicia, a lendaria cinta do cineasta galego Carlos Velo. Foi a finais de 2010 cando o profesor ruso Vladimir Magidov, decano de Humanidades atopou, por casualidade, a montaxe final da mítica cinta de Velo. Hoxe, no marco do Congreso da Asociación de Historiadores que versa sobre o cinema da Segunda República (considerada a época dourada do cinema español), exhibirase este traballo que ten 18 minutos de cinta, dez máis da que ten a montaxe coñecida e conservada ata entón. A proxección terá lugar hoxe ás 22:00 horas, xusto despois dunha mesa redonda sobre a cultura republicana no noroeste no que participan os profesores de Arte, María Luisa Sobrino, e Historia do Cine, Xosé Nogueira e o historiador Emilio Grandío.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org