Aulas a ritmo de cine

Un portal agrega 1.500 vídeos elaborados por alumnos de Primaria e Secundaria

Estudantes, audiovisual e materia de estudo. Esta é a combinación sobre a que se asenta “Audiovisual Escolar Galego”, unha iniciativa persoal dun profesor do IES de Porto do Son, David Pérez, que nunha semana agrupou nun portal máis de 1.500 vídeos. Todos responden a unha mesma premisa: ser traballos feitos en clase por escolares de Primaria ou Secundaria, malia que non é unha materia obrigatoria no currículo. Ademais, teñen convocada en maio unha cita para analizar e tentar converter esta inciativa persoal nun proxecto máis organizado.

“Isto pode pescar xurelos, pero non é unha rede” asegura David Pérez, profesor de galego do IES de Porto do Son que leva unha semana peneirando por Vimeo e Youtube para localizar e agrupar todos os traballos audiovisuais que existen en Galicia. Unha iniciativa que noutras comunidades como Cataluña desenvolve a consellaría de Educación e que neste caso responde ao voluntarismo deste docente que anos atrás teimou en converter o audiovisual nunha materia máis. Como é unha iniciativa persoal “non hai criterio, nin unha constancia, nin unha vontade por agrúpalo todo” asegura David, que emprega ratos libres para peneirar vídeos entre as redes sociais e múltiples portais. “Hai iniciativas de centros como as do Pintor Colmeiro de Silleda que coñezo porque tiveron éxito, outras como as do Barbanza é porque me quedan de preto”, asegura este docente que tampouco se sinte obrigado a continuar este traballo. “Chegará un día que me canse e aí quedará todo o que estea, se alguén o continua fantástico, pero non é a nós a que nos compete”. En todo caso, o vindeiro mes de maio hai convocado un encontro no que alén de proxección se falarán de cómo canalizar todo o seu traballo.

Un día de encontro
O IES de Porto do Son no que traballa David está a organizar un encontro Audiovisual Escolar Galego que pretende varias cousas. Primeiro, dar a coñecer as actividades que se desenvolven nos centros que asistan. En segundo lugar, a entrega do Premio Leixaprén a Manolo González polo seu traballo a prol dun audiovisual en galego (por iniciativas como Flocos ou CInemas Dixitais…). En terceiro lugar, contará con obradoiros, charlas, conferencias dos rpaces con profesionais dos medios audiovisuais. Neste aspecto, David afirma que teñen confirmada a súa presenza “o director de Retornos Luis Avilés Baquero, do guionista Daniel Domínguez, Mara Fernández e María Yáñez para falar do contexto web”. Por último, este encontro organizará unha asemblea de docentes que traballamos no audiovisual para sentar as bases dunha asociación, ou proxecto común. A cita terá lugar o vindeiro venres 27 de maio na Casa da Cultura desta localidade e á que David anima a todos a participar porque “cantos máis sexamos máis enriquecedora será a experiencia”.
Materia “optativa”
Desde que sacou a súa praza en propiedade como profesor de galego do IES de Porto do Son, David Pérez pensou que o audiovisual podería ser unha materia máis, tendo en conta que o sistema educativo é anacrónico. Pensou que “ oaudiovisual nas aulas é unha maneira útil (e traballosa) de vivir a aprendizaxe”. Foi así como elaborou unha programación, presentouna no centro e a Consellaría de Educación acabou validándoa como materia optativa. Desde entón conta con preto de 45 alumnos ao ano (o centro ten preto de 400) que acaban facendo unha curta ao ano. “Este ano cada curso decidiu traballar por separado e así temos unha curta documental sobre a invasión dunha alga chinesa nas praias, un musical e un traballo de ficción” explica Pérez.

¿Con qué medios? Nese sentido, David explica que “foron os que conseguimos con premios e vendas”. Os traballos realizados no marco da materia de “Produción Audiovisual” levaron numerosos premios como o primeiro Premio de Innovación Educativa da Xunta (2007), o Educa Compostela, o segundo premio do certame Off Escola, máis dúas achegas económicas que lle facilitaron desde a Secretaría Xeral de Medios e desde a antiga Axencia Galega Audiovisual. “Canda isto, tamén recibimos cartos das vendas dos traballos como, por exemplo, o que nos pagaba Televisión de Galicia polos dereitos de emisión dos nosos traballos nalgún dos seus programas de televisión (principalmente o extinto Onda curta). Grazas a eses ingresos dispuñan de cámaras compactas e un par de computadores (hoxe xa desfasados) cos que facer os seus proxectos audiovisuais.

Tamén é certo, que este centro se integraba dentro dalgunhas iniciativas que mesturaban cinema e educación, como era o caso do programa Audiovisual nas aulas que promove o Consorcio Audiovisual. Pero, “tal e como acontecía na película Bienvenido Míster Marshall, porque de repente chegaban uns tíos cuns equipos que envexabas, cuns medios que facían abrir a boca e logo recollían todo aquel manxar e marchaban polo mesmo sitio que chegaron” comenta David.