Novas | 211 a 220 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

03/05/2023
O Festival de Cans celebra "20 anos de agroglamour" con 40 filmes a concurso

Co lema "20 anos de agroglamour" o Festival de Cans presentaba na mañá deste 3 de maio a súa nova edición. A conmemorar dúas décadas de existencia o encontro audiovisual que se celebra nesta aldea do Porriño daba a coñecer un programa que incorpora unha reforzada sección infantil e eventos especiais para o Día das Letras Galegas. Honeymoon, de Enrique Otero protagonizará a sesión inaugural do certame, o xoves 18 de maio, antes de chegar ás salas de cinema.. Amplía a nova>>

02/05/2023
O Play-Doc premia o filme 'Devociones' de Ángel Montero e María Serna

A 19ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, rematou facendo público o seu palmarés oficial. O filme 'Devociones', dos realizadores Ángel Montero (Lugo, 1984) e María Serna (Bilbao, 1979) fíxose co premio da sección Galicia. O xurado composto pola artista e cineasta francesa Joséphine Derobe, o crítico de cine e programador da Filmoteca de Galicia, Jaime Pena e pola produtora Andrea Queralt, decantouse por esta película que ofrece unha viaxe sensorial por rituais curativos e de coidados. Unha historia de amor e enfermidade que explora a aceptación dunha perda e a posibilidade real da morte. O xurado premiou o filme "por explorar os límites do sensorial tanto a nivel plástico como sonoro e retratar de xeito carnal e sutil os rituais de sanación". Nesta sección tamén se fixo unha mención especial do filme 'Los Saldos' de Raúl Capdevila, "polo retrato honesto e sincero da realidade familiar e interxeracional do mundo rural aragonés".. Amplía a nova>>

28/04/2023
Hoxe chega aos cines FATUM de Juan Galiñanes

Hoxe chega aos cines o filme FATUM, a nova producción de Vaca Films e a primeira longametraxe do director Juan Galiñanes (Pontevedra, 1980) que tamén é responsable do guión, xunto con Alberto Marini. O filme, rodado na Coruña, ten no papel protagonista a Luis Tosar, ademáis de contar no reparto con outros intérpretes galegos como , Xabier Deive, Isabel Naveira, Ricardo de Barreiro, Miquel Insúa, Xavier Estévez, Paula Morado, Nacho Castaño, Machi Salgado, Fran Paredes, Fran Nogueira, Adrián Castiñeiras, Alberto Medeiros, Roi da Costa, Silvia Lorenzo ou Valentín Estévez. FATUM é unha película de intriga que conta unha historia na a personaxe de Sergio (Luis Tosar) que ten graves problemas coa adicción ao xogo, vese inmerso nun atraco nunha sala de apostas que leva a cabo Alejo (Aron Piper)o que fai intervir á policía, corpo no que está Pablo (Alex García) francotirador do GEO, e a comisaria Costa (Elena Anaya). O destino fai que Sergio e Pablo teñan tamén outros cruces máis alá desa situación. O filme poderá verse hoxe en 239 salas de cine de toda España, segundo comunica FilmAffinity, 13 delas en Galicia. Vaca Films, que este ano celebra os seus 20 anos de actividade, produce esta longametraxe en colaboración con Amazon Prime Video, Playtime Audiovisuales, RTVE e Televisión de Galicia (TVG).. Amplía a nova>>

28/04/2023
As axudas da Agadic a festivais audiovisuais manteñen os seus beneficiarios

Malia ao incremento en 15.000 euros do seu orzamento para 2023, as subvencións a festivais do sector audiovisual repiten a listaxe de beneficiarios na súa nova edición. A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo pública este 25 de abril a resolución desta convocatoria, que achega 225.000 euros a once eventos deste tipo. . Amplía a nova>>

27/04/2023
A Biblioteca Municipal de Tui incorpora o fondo Daniel Domínguez

O Concello de Tui asina na tarde deste 27 de abril o acordo polo que a biblioteca municipal recibirá o fondo bibliográfico e videográfico de Daniel Domínguez, guionista local falecido en 2020. O legado inclúe unha colección de 2.000 títulos especializados en cinema ademais de cincocentos filmes en formato DVD. . Amplía a nova>>

26/04/2023
AGADIC convoca as axudas para a promoción do talento audiovisual

As subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego veñen de ser convocadas hoxe no Diario Oficial de Galicia pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) repetindo a contía dos dous anteriores exercicios. Desta liña de axudas públicas galegas nutríronse no pasado algúns dos realizadores que hoxe están a destacar no audiovisual galego, desde Oliver Laxe ata Lois Patiño, Juan Galiñanes, Olga Osorio, Anxos Fazáns ou Diana Toucedo, entre outros. O goberno galego destina 194.000 euros, con cargo ao orzamento da AGADIC para o ano 2023, para esta modalidade de axudas á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais, e a posprodución de curtametraxes e realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras. Este investimento distribuirase entre 17 proxectos, oito deles para a realización ou posprodución de curtametraxes, seis para a escrita de guión e tres para a produción de longas de dirección novel.. Amplía a nova>>

25/04/2023
'Acero.5' de Gonzalo Suárez acada dous premios no festival Ibicine

A longametraxe documental autobiográfica 'A cero.5', de Gonzalo Suárez (Vigo, 1979) chegou esta fin de semana da 6ª edición do Festival Internacional de Cine de Ibiza, Ibicine, con dous galardóns. O filme, que conta a súa propia historia desde a súa intención de ser director de cine ata a situación vivida tras quedar en cadeira de rodas por unha lesión medular accidental, protagonizou, segundo a organización do evento, o momento máis emotivo da gala de entrega de premios ao recoller os galardóns Astarté do xurado á Mellor Longametraxe Documental e Astarté do Público á Mellor Película do festival. 'A cero.5' estreouse no ano 2021 na Seminci de Valladolid, na película Suárez narra a súa biografía con material audiovisual doméstico de arquivo e na disciplina deportiva do baloncesto en cadeira de rodas. A pelícUla está dispoñible na plataforma dixital Filmin.. Amplía a nova>>

24/04/2023
O festival Play-Doc comeza este mércores en Tui a súa 19ª edición

Este mércores, 26 de abril, dará comezo a 19ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc. Un total de 13 títulos conforman o programa de cine galego este ano, entre os que poderán verse tres estreas. Ángel Sánchez, responsable do certame xunto con Sara García Villanueva, co-fundadora e Directora Artística, presentou os contidos da programación, e desvelou o contido do programa de cine galego desta edición. Sánchez estivo acompañado por representantes institucionais do Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.. Amplía a nova>>

24/04/2023
Luís Zahera gaña o Premio Platino por 'As bestas'

O actor santiagués Luís Zahera segue a colleitar recoñecementos polo seu traballo na longametraxe "As bestas", de Rodrigo Sorogoyen. Nesta ocasión foi na Xª edición dos Premios Platino do cine iberoamericano, que celebraron a súa entrega de premios en Madrid. O actor recibiu o galardón ao mellor traballo masculino de reparto pola súa actuación na cinta hispano-francesa, que tamén acadou o premio de Mellor Dirección para Sorogoyen, de Mellor dirección de montaxe (Alberto do Campo) e Mellor dirección de son (Aitor Berenguer, Fabiola Ordoyo, e Yasmina Pradarías). Os Premios Platino buscan recoñecer aos profesionais da industria cinematográfica iberoamericana, que comprende nacionalidades europeas, suramericanas, norteamericanas e caribeñas, coa condición de que a versión orixinal dos filmes sexa en castelán ou en portugués. Están organizados pola Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) en colaboración coa Federación Iberoamericana de Productores Cinematográficos y Audiovisuales (FIPCA), Federación Iberoamericana de Academias de Artes y Ciencias Cinematográficas (FIACINE). Zahera non puido acudir a recoller o galardón, que suma aos anteriormente gañados polo mesmo papel en 'As Bestas': o premio Feroz e o Goya.. Amplía a nova>>

19/04/2023
O HUB Audiovisual adxudica as axudas á preprodución de 17 novos filmes e series

A Xunta de Galicia acaba de facer públicas as dúas últimas adxudicacións de axudas ao abeiro do seu Hub Audiovisual, a través das que achega máis de 550.000 para contribuír á preprodución de 17 novos proxectos de filmes e series e á programación de 12 salas galegas de cine. En concreto, as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais distribúen 380.000 euros entre 13 empresas para a fase de preprodución de futuros títulos galegos de cine e televisión cara á súa produción e rodaxe en anos posteriores. Subvenciónanse os traballos previos relacionados coa escrita do guión, o financiamento, a venda e a distribución, a xestión de dereitos, a investigación ou a elaboración de materiais promocionais, entre outros. Estas liñas, manexadas desde o Hub Audiovisual están financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org