Novas | 1821 a 1830 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

15/02/2013
Invasor e O Apóstolo son as gran favoritas dos Mestre Mateo 2013

Son os premios do audiovisual galego e, en tempos de crise, vólvense máis fortes que nunca. A TVG emitiu en directo o acto de lectura dos candidatos que optan a ser os mellores traballos do sector. E como reclamo, abriron os sobres dúas caras moi populares: Luís Tosar e Camila Bossa. Os favoritos son Invasor, que parte con 11 candidaturas, e O Apóstolo con dez. Agora, os socios da Academia Galega do Audiovisual votarán e o resultado saberémolo o 6 de abril na Coruña.. Amplía a nova>>

14/02/2013
Historias de corte social gañan esta edición de Animacan

Os filmes premiados nesta quinta edición de Animacam (a primeira de carácter presencial) teñen un marcado carácter social. O galardón a mellor película foi para Rising Hope, do director Milen Vitanov, cunha historia de superación persoal e amizade. O premio do director, que deciden as votacións en rede, foi para o realizador vasco Gregorio Muro coa súa película Zeinek Gehiago Iraun / ¿Quen Aguanta Máis?, que narra a historia de Ander, un chico que xogando cos seus amigos nas vías do tren sofre un accidente que cambia a súa vida e a da súa familia.. Amplía a nova>>

14/02/2013
Arraianos participa na terceira edición do FICUNAM

Ten só tres edicións, pero o FICUNAM (Festival Internacional de Cine da UNAM) conta cunha traxectoria firme na busca de cintas innovadoras a nivel mundial. Na historia do certame houbo sempre presenza galega (Todos vós sodes capitáns en 2011 eVikingland en 2012) e este ano tamén. Desta volta, será Arraianos de Eloy Enciso na que participe neste encontro que organiza a Universidade Autonoma de México entre o 21 de febreiro e o 3 de marzo. . Amplía a nova>>

13/02/2013
Óliver Laxe impartirá en Tánxer un obradoiro cinematográfico

Un obradoiro estético de carácter teórico-práctico para estudantes, docentes, artistas ou cinéfilos en xeral. "Imaxes fráxiles" desenvolverase do 5 ao 10 de marzo na Cinematheque de Tanger. O realizador galego Óliver Laxe (París, 1982) será o encargado de impartir este seminario que parte da consideración da imaxe como ferramenta de transmisión e do cine como vehículo de expresión artística. Esta cita organízaa o festival Márgenes do Cine Español, un espazo que pecha esta mesma semana a exposición en liña na que pretendía adentrase nas orixes cinematográficas do gañador do premio Fipresci na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Os experimentos de Óliver Laxe exhibe tres traballos de Laxe anteriores ao seu multipremiado Todos vós sodes capitáns.. Amplía a nova>>

12/02/2013
O Xabarín Club recibirá o premio de honra da Academia Galega do Audiovisual

Son moitos os motivos polos que a Academia Galega do Audiovisual decidiu darlle o seu premio de honra, Fernando Rei, a un programa de televisión como é o Xabarín Club. Primeiro porque foi “un espazo pioneiro no concepto imitado posteriormente pola maioría de canles”, segundo porque “conseguiu espallar a lingua galega polos fogares da nosa comunidade dando nome a toda unha xeración: A xeración do Xabarín”. Pero tamén porque “foi plataforma de base para actores, actores de dobraxe e incluso músicos” e mesmo chegou a xerar un xénero musical propio: o bravú. O programa, que chegou a ter cen mil socios, pervive mantendo a súa esencia e por iso a Academia lle concede este premio de honra. Entregarase no marco da Gala dos premios do Audiovisual Galego que terá lugar o 6 de abril no Pazo da Ópera da Coruña baixo a dirección de Dani de La Torre. Os finalistas saberanse este venres 15 de febreiro da boca de Luis Tosar e Camila Bossa.. Amplía a nova>>

12/02/2013
Catro producións galegas finalistas no II Festival online Márgenes

Márgenes é un espazo que ofrece a posibilidade de acceder a filmes de calidade e de autor que saen da industria cinematográfica convencional. E para facelo organiza obradoiros, cursos, ciclos de proxeccións e un festival en liña. Precisamente desta última actividade acaba de publicar a relación de finalistas. Dos 11 seleccionados, entre un centenar de filmes, hai catro títulos galegos: Piedad de Otto Roca, ElectroClass, de María Ruído, Nacional VI de Pela del Álamo e Vikingland de Xurxo Chirro. Aínda que o certame se desenvolve en Internet, ten unha edición presencial entre o 7 e o 16 de marzo na Cineteca Matadero de Madrid.. Amplía a nova>>

11/02/2013
Unha asociación roda unha mediometraxe ambientada na Gallaecia do ano 53 A.C.

A asociación sen ánimo de lucro Cool Films, e o grupo de reconstrucción histórica Tarani están a buscar financiamento para a mediametraxe Eternia. Ambientada na Gallaecia do ano 53 antes de Cristo, recolle mitoloxía, lendas e historia. Para a rodaxe desta produción de baixo orzamento precisan 2.000 euros e acaban de recorrer ao crowdfunding para conseguillos. A través de Verkami, buscará conseguir o financiamento para a rodaxe dunha produción que agardan rematar para o Arde Lucus, a festa romana lucense. . Amplía a nova>>

11/02/2013
Albert Maysles, un dos pioneiros do cine en directo, estará no Play Doc

Era 1969, a xira dos Rolling Stones daba os últimos coletazos e os irmáns Maysles (Abert e David) acaptaron unha petición da banda para gravar o seu concerto en directo. Aquel material, que lle serviu de pretexto para reflexionar sobre o fenómeno do materialismo e da obsesión pola fama, acabou converténdose en Gimme Shelter, unha das películas máis populares sobre a mítica banda de rock. O filme puido verse en sección non competitiva no marco do Festival de Cannes de 1971. Desde entón os Maysler aceleraron unha carreira documental que os levou a traballar cos Beatles, Truman Capote e mesmo gravar a Kennedy. Malia que David xa morreu, o seu irmán, Albert estará presente en Tui, no marco do Festival Play Doc para falar da súa forma de entender o cine en directo. Unha conferencia e a proxección dos seus traballos conforman parte da programación deste certame que se celebrará do 13 ao 17 de marzo.. Amplía a nova>>

07/02/2013
Telecinco rodará en Vigo parte da súa miniserie Hermanos

Hermanos é unha historia de amor a tres bandas, protagonizada por Álvaro Cervantes, Antonio Velázquez e María Valverde. A nova producción de Telecinco, contada en seis capítulos, comezou hoxe a súa rodaxe en Guadalaxara. Ademais desta localización, Vigo está no calendario de rodaxe a onde se despraza un dos protagonistas. Alí, logo de coñecer as condicións laborais dos traballadores, iniciará unha carreira como líder sindical.. Amplía a nova>>

06/02/2013
A produtora Portocabo grava unha serie para o mercado internacional

Unha produtora da Coruña adapta unha serie italiana para o mercado internacional rodando en Madrid e en inglés. Portocabo, firma que fai parte do grupo Boomerang está a abordar a realización de The Avatars, unha serie xuvenil de 52 episodios coa que se fixo no pasado MIP de Cannes. A iniciativa, que conta coa participación de dúas produtoras italianas, comeza a se gravar a un ritmo de dous capítulos por semana o vindeiro mes de marzo. Fosco Blanco dirixe esta produción que busca chegar ao mercado de Estados Unidos e pola que xa se interesaron cadeas televisivas italianas. A serie conta a historia dun grupo de adolescentes que manteñen unha dupla vida ao teren unha banda de música virtual de grande éxito.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org