28/11/2023
Premio para a webserie 'A arte de ser (mal) pai' no festival internacional Serializados
O Festival Internacional de Series [Serializados] celebrado en Barcelona, Madrid e a través da plataforma Filmín, ven de premiar á webserie "A arte de ser (mal) pai", dirixida por Jorge Boquete para Miraveo co galardón do xurado DAMA ao "Mellor episodio piloto", de xeito
ex aequo coa produción 'Trippieconte', de Santa Penya. A webserie de Jorge Boquete, gravada integramente en galego suma este recoñecemento aos acadados na pasada edición do Carballo Interplay, onde resultou a elixida polo público do Carballo Interplay e tamén recibiu o recoñecemento do xurado que a distinguiu como mellor serie en galego, de xeito
ex-aequo tamén nesa ocasión con Pringadas. 'A arte de ser (mal) pai' narra os tres últimos días que pasa un home coa súa filla de 10 anos antes de separarse para sempre, ofrecendo unha perspectiva conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade da adolescencia no mundo actual. Westá protagonizada por Xosé Manuel Esperante e Jacoba de Llano.
.
Amplía a nova>>
28/11/2023
AUGAL volverá levar o audiovisual galego ás aulas da Universidade
Hoxe dá comezo na Facultade de Comunicación do Campus A Xunqueira (Pontevedra) a ´decima terceira edición de AUGAL, Máster Class do Audiovisual Galego. Esta actividade promovida pola facultade, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector audiovisual e aberta ao público en xeral. As oito sesións que compoñen o programa desta edición de Augal, desenvolveranse entre este martes 28 de novembro e marzo de 2024, combinando a proxección dos filmes cun coloquio coas persoas responsables da súa dirección ou produción. Arranca hoxe martes, coa proxección de 'O Corpo Aberto', de Ángeles Huerta, presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón. .
Amplía a nova>>
27/11/2023
Cineuropa pecha a 37ª edición repartindo galardóns
A trixésimo sétima edición do Festival Internacional de Cinema Cineuropa, de Santiago, baixou o pano este sábado nunha cerimonia de clausura na que se deron a coñecer os ditames do Xurado Oficial e o Xurado Novo do certame sobre os mellores traballos proxectados nas seccións competitivas así como o premio do público ao mellor filme. 'Riddle of fire', primeira longametraxe do estadounidense Weston Razooli, foi distinguido co premio á mellor película, mentres que 'Inside the Yellow Cocoon Shell' (Bên trong vỏ kén vàng) lle valeu ao cineasta vietnamita Phạm Thiên Ân o recoñecemento como mellor director. No seu ditame, o xurado premiou ademais a grega Sofía Exarchou polo guión de Animal (película da que tamén é directora) e as interpretacións do actor alemán Jan Bülow, en 'A teoría universal' (Die Theorie von Allem), de Timm Kröger, e da actriz británica Mia McKenna-Bruce no filme 'How to have sex', de Molly Manning Walker..
Amplía a nova>>
24/11/2023
Ángel de la Cruz premio honorífico do 7º CityBlue Film Festival de Vigo
O vindeiro luns dá comezo en Vigo a 7ª edición do CityBlue Film Festival, un evento audiovisual organizado pola empresa distribuidora City Blue que ofrece un espazo de encontro entre público, creadores e profesionais da industria cinematográfica. O festival, que ten carácter internacional, proxectará ata o vindeiro día 2 de decembro 5 longametraxes e 30 curtametraxes de produción independente e de ámbito internacional. O Auditorio do Concello de Vigo acollerá as proxeccións, que teñen entrada de balde. O programa está estruturado en catro seccións: Longametraxe Internacional, Longametraxe Galicia, Curtametraxe Xeral e Curtametraxe Galicia. Hai tamén unha sección dedicada ao cine infantil e outra á realización de estudantes en formación, que terán lugar Auditorio do Colexio Jesuitinas Miralba e na Escola de Imaxe e Son de Vigo. O director Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963) recibirá o Premio Honorífico do 7ºCBFF, en recoñecemento "á súa destacada contribución ao mundo cinematográfico e o seu apoio a talentos emerxentes". Dentro do festival tamén se exhibirá a súa película máis recente, 'O home e o can' e o realizador participará nunha conferencia xunto con Delia Guerra, directora de Movibeta. Na sección de longametraxes galegos tamén se exhibirán as películas "Tralos pasos de María Casares", de Isabel Blanco e Sabela Hermida (2023) e o documental "O médico dos pobres", de Federico A. Rioboo. .
Amplía a nova>>
23/11/2023
Unha ampla programación presenta a longametraxe Casa do Silencio de Jon Jost
O cineasta estadounidense Jon Jost coñeceu en 2022 Galicia e botou a andar o proxecto do que sería a longametraxe
Casa do silencio. O filme, rodado integramente en galego, está protagonizado por Quico Cadaval e Paula Ballesteros e aborda con ton poético os tabús dunha familia galega emigrada en Venezuela a partir dunha casa de aldea. .
Amplía a nova>>
17/11/2023
Bruno Arias debuta na longametraxe con Os espazos en branco
O festival Cineuropa acolle na tarde deste 17 novembro a estrea de
Os espazos en branco, unha longametraxe sobre Xela Arias que supón o debut na dirección do sobriño da poeta, Bruno Arias. O proxecto de Serea Films preséntase como "unha crónica do intento de Bruno de ir máis alá da figura pública de Xela Arias e atopar nela unha persoa: a súa tía"..
Amplía a nova>>
17/11/2023
Culturgal reformúlase co foco no público
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía este 16 de novembro a presentación da décimo sexta edición de Culturgal, primeira con Camilo Franco como director. O encontro renoméase Feira das Culturas Galegas coa intención "de recoller o carácter plural do sistema e da oferta cultural do país", segundo explicou a organización. Co foco posto no público, a iniciativa quere nesta xeira pór o foco nos públicos e medrar no seu poder de convocatoria. "As culturas precisan públicos e Culturgal quere loitar por el", sintetizou Camilo Franco na presentación..
Amplía a nova>>
16/11/2023
O Sellier Film Festival recoñecerá o traballo de Olga Osorio
A directora Olga Osorio recibirá o vindeiro 5 de decembro o premio que outorga anualmente o Sellier Film Festival. Este evento coruñés quere recoñecer así o traballo da directora de
Salta!, longametraxe de debut co que colleitou un importante éxito..
Amplía a nova>>
15/11/2023
O bo momento do audiovisual galego é económico alén de artístico
Nos últimos dez anos o audiovisual galego xerou máis emprego, obtivo máis ingresos de explotación, acadou máis asistencia a salas e incrementou o seu consumo televisivo. E, ademais, acadou cotas nunca vistas de recoñecemento internacional en canto a premios e crítica. Estas son algunhas das conclusións do informe
O audiovisual en Galicia 2023, que realizou o Observatorio da Cultura Galega e que se pode descargar desde o web do Consello da Cultura..
Amplía a nova>>
14/11/2023
O sector audiovisual demanda máis fondos á Xunta
As asociacións vinculadas ao audiovisual galego remitiron un comunicado conxunto no marco do I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA, que se celebrou entre o 9 e o 10 de novembro da nova Cidade das TIC da Coruña. No comunicado difundido hoxe as entidades reclamaron "un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción de talento nos orzamentos da Xunta", un apoio "ás iniciativas de exhibición, entre as que destacan os festivais audiovisuais, acordes ao seu impacto", e a "dotación de recursos económicos, técnicos e humanos á Filmoteca de Galicia que, se ben realiza traballos de difusión que valoramos positivamente, non presta a atención necesaria á misión para a que foi creada". As asociacións tamén demandaron á TVG que manteña a aposta por "proxectos de ficción propia" e anunciaron a constitución da Mesa do Audiovisual Galego, que reunirá a distintos representantes das entidades que participaron na redacción deste comunicado, é dicir: a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o Clúster Audiovisual Galego, a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA)..
Amplía a nova>>