13/11/2023
A Deputación da Coruña licita a construción dun estudio audiovisual virtual
Coruña Estudio Inmersivo é o nome do que será o "maior estudo audiovisual virtual de España", segundo anunciou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Rodríguez Formoso. A entidade provincial licitou este 10 de novembro o proxecto de construción do edificio que acollerá esta instalación, proxecto para o que destinou un total de 2.539.108 euros..
Amplía a nova>>
13/11/2023
A Asociación Senunpeso recibiu o premio José Sellier
O premio José Sellier, co que a Academia Galega do Audiovisual recoñece cada ano "o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual" foi nesta xeira para a Asociación Senunpeso de Vedra. A entidade, que organizou durante anos o coñecido LAV.mov e que anunciou en setembro a súa disolución, recibía este recoñecemento o venres 10 de novembro na Coruña..
Amplía a nova>>
09/11/2023
María Vázquez candidata ao Premio Forqué por 'Matria'
A 29ª edición dos Premios José María Forqué convocados pola Entidad de Gestión de los Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) ven de dar a coñecer a lista de nomeados aos seus galardóns e entre lese están presentes algunhas das achegas feitas desde o audiovisual galego. Na lista curta, xurdida das votacións de máis de dous mil seiscentos produtores audiovisuais, centros educativos e profesionais de medios de comunicación especializados, aparece a actriz María Vázquez, como candidata ao Premio a Mellor Interpretación Feminina polo seu papel en Matria, o filme de Álvaro Gago. A outra presenza galega destacada nesta lista finalista é a de Lois Patiño que con 'Samsara' entra entre as catro finalistas ao premio a Mellor Longametraxe Documental, no que competiron 90 cintas este ano. Ademais deles, a segunda tempada da serie Rapa (Portocabo e Movistar +), filmada en Galicia e con numeroso elenco galego, entrou tamén entre as producións finalistas do Premio a Mellor Serie. Os gañadores desta 29ª edición dos Premios Forqué daranse a coñecer o vindeiro 16 de decembro no Palacio Municipal Ifema Madrid..
Amplía a nova>>
07/11/2023
A RAG presenta unha serie sobre as mulleres das Irmandades da Fala
A Fundación Seoane, na Coruña, acollía este 7 de setembro a presentación de
Irmás na Fala. Esta serie documental, que produciu a Real Academia Galega e foi realizada por Nós Televisión co apoio do concello herculino, retrata en catro episodios cinco figuras que participaron do movemento das Irmandades da Fala a comezos do século XX..
Amplía a nova>>
07/11/2023
O audiovisual aborda os desafíos da IA
A Academia Galega do Audiovisual xa ten todo preparado para estrear este xoves a primeira edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), no que durante tres días xuntarase ao sector audiovisual, produtores, exhibidores, intérpretes, técnicos, guionistas, asociacións e unha longa lista arredor de mesas, encontros e ponencias. Neste caso a primeira edición céntrase en abordar "os desafíos e oportunidades que presenta a irrupción da Intelixencia Artificial no sector audiovisual". O tema será tratado contando coa participación de máis de 20 especialistas en IA e experimentados profesionais da industria audiovisual, facendo 12 conferencias e encontros sobre o impacto da IA no sector audiovisual: dende o guión á produción pasando pola interpretación, a composición de bandas sonoras ou as cuestións éticas e legais derivadas do emprego da IA. A cidade das TIC , na Coruña, acolle este foro entre os días 9 e 11 deste mes de novembro. O programa está dispoñible na web da Academia..
Amplía a nova>>
06/11/2023
Roberto Vilar fará unha xira en solitario por toda Galicia co espectáculo 'Clebreixon'
O popular humorista e presentador de televisión Roberto Vilar (Xove, 1971), conmemora e festexa os seus trinta anos de traxectoria en televisión con 'Celebreixon', un espectáculo co que percorrerá a xeografía galega. Esta supón a primeira xira de Roberto Vilar en solitario por teatros en toda a súa carreira tras das que fixera como parte do dúo cómico Os Tonechos. O 20 de xaneiro estrearase Lugo e unha semana despois, o día 27, está programada unha función en Ourense. O 3 de febreiro chegará a Santiago de Compostela, e despois estará en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo, Cangas do Morrazo e Ferrol. Son os primeiros destinos dunha xira que prevé ampliarse. Actualmente Vilar produce, dirixe e presenta 'Land Rober Tunai Show', co que conseguiu os máis prestixiosos premios televisivos e presenta o magazine de tarde 'Quen anda aí', ambos para a TVG. Comezou a súa carreira televisiva fai xa trinta anos no programa 'Café Café' da Televisión de Galicia. Máis adiante chegaron 'Supermartes' e 'Con Perdón', no que coñece a Víctor Fábregas e crean o histórico dúo cómico Os Tonechos, que durante varias temporadas son fixos no Luar e que desembocou na creación dun formato propio: 'O show dos Tonechos'. Vilar gañou durante dous anos consecutivos o premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual..
Amplía a nova>>
06/11/2023
'Carraxe' de Muriel Pernas gaña a sección galega do festival Curtas de Vilagarcía
A 51 edición de Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa rematou este sábado presentando o seu palmarés tras 9 días de proxeccións nos que puideron verse 23 longametraxes e 95 curtas a concurso nas súas tres seccións oficiais. O filme 'Carraxe' dirixido por Muriel Pernas e protagonizado por Mabel Rivera (Goya por 'Mar adentro') e Roberto Leal, fíxose co galardón á mellor curtametraxe galega. A longametraxe española 'La mesita del comedor', de Caye Casas foi a seleccionada polo xurado para o premio absoluto da sección oficial á mellor cinta, acadando tamén os premios de interpretación para David Pareja e Estefanía de los Santos. O premio para mellor realización galega foi parar a Jorge Morais Valle pola curta de animación 'In Half'..
Amplía a nova>>
03/11/2023
O 37 Cineuropa chega coa comedia por bandeira
Un total 117 películas e dous concertos conforman a proposta do festival Cineuropa, que celebra en Santiago a súa 37 edición entre o 9 e o 25 de novembro. O Concello compostelán acollía na mañá deste día 3 a presentación da cita, que nesta ocasión pon de relevo o cinema de comedia baixo o lema "Unha edición tola, tola, tola". O programa contará cun ciclo temático a reunir doce dos filmes deste xénero máis singulares da historia..
Amplía a nova>>
03/11/2023
O IV Cormorán Film Fest enche de cinema A Coruña
Desde este 3 de novembro e ata o vindeiro día 12 os Cines Cantones da Coruña acollen a cuarta edición o Cormorán Film Fest. Este encontro internacional de cinema achega nove longametraxes e once curtas a un programa que inclúe a estrea en Galicia da premiada
Samsara, de Lois Patiño, director que participará no evento este venres 3 a conversar co público..
Amplía a nova>>
31/10/2023
A VIª Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está preparada para partir
Quince filmes de once países, seleccionados de entre os máis de 2000 que se ofreceron, competirán na sección oficial da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, de Outes (A Coruña). Entre o 1 e o 5 de novembro este festival centrado na temática mariña celebrará a súa sexta edición. Unha das novidades desta edición é a liña temática que atravesa toda a programación, marcada pola relación que establecemos os seres humanos cos mamíferos mariños, especialmente a conexión histórica cos cetáceos nas nosas costas. A través das distintas seccións de proxeccións (Proa, Popa, Competición Oficial), e tamén da nova actividade paralela "Crónicas do mar", propoñen unha mirada crítica que promove a reflexión sobre a relación dos habitantes dos pobos costeiros con estes mamíferos. Dentro da competición oficial participan as cintas galegas 'Bloom', de Helena Girón e Samuel Delgado, e "Mmrrssmm... Xeosónica #1 Atlántico", unha exploración dos ruídos do mar, dirixida por Andrés Mahía. .
Amplía a nova>>