21/08/2013
O XVIII Festival de Ourense desenvolverase do 16 ao 24 de novembro
Despois da incerteza creada trala disolución do Consorcio para o Festival de Cine de Ourense que mantiñan entre a deputación e o concello ourensá, finalmente haberá festival de cine. Será do 16 ao 24 de novembro e seguirá fiel á súa temática de filmes comprometidos temática e formalmente. O prazo de recepción de películas estará aberto ata o 25 de setembro e a sección oficial a competición continuará reducida ás longametraxes de ficción. Con todo, o programa manterá diferentes ciclos non competitivos. Entre as novidades recupera o Premio Cidade de Ourense, que recoñecerá a unha figura do sector audiovisual e á que se lle dedicará unha restrospectiva. O OUFF tamén reservará un espazo para a cultura do viño, o documental e para as producións chegadas desde diferentes partes do mundo..
Amplía a nova>>
21/08/2013
As Xociviga cumpren trinta anos coa intención de recuperar o seu papel
Hai trinta anos comezaron no Carballiño unhas xornadas de cine e vídeo que foron un punto de encontro do audiovisual feito no país. As Xociviga sufriron numerosos vaivéns co paso do tempo, e foron perdendo ese papel central. Agora, ao celebrar unha data tan redonda, os seus organizadores quixeron recuperar parte da súa esencia incial cunha programación na que hai oco para o cinema galego, pero sobre todo con seccións e actividades que permitan ver a creación audiovisual galega realizada desde os oitenta. Alén da sección "Curtas á carta", conta tamén cun apartado especial dedicado á historia da filmografía e do documental galego, coa proxección de imaxes de Elixio González, coa presenza do Súper 8, unha exposición e dúas homenaxes: unha a Manuel Iglesias Nanín, anterior director dos encontros e a Manuel González, pola súa dedicación ao audiovisual de Galicia e apoio ás Xociviga..
Amplía a nova>>
20/08/2013
Agadic convocará axudas a desenvolvemento e produción audiovisual con importantes reducións
A principal liña de axudas seguirá a ser a de produción audiovisual, cunha contía de 1,1 millón de euros repartidas en tres anualidades (150.000 euros para este ano, 380.000 en 2014 e 570.00 euros para 2015). Canda esta, o organismo público Agadic recuperará a liña de axudas a desenvolvemento cun importe de 150.000 euros en dúas anualidades (50.000 para 2013 e 100.000 para 2014). As convocatorias, que se engaden ás axudas a talento xa convocadas en xuño (cun importe de 66.000 euros), sairán publicadas no DOG en setembro. En total, as liñas de axuda suman 1.316.000 euros, cifra inferior á convocada en 2012 que sumou 2.900.000 euros nunha única liña de axudas a produción audiovisual. .
Amplía a nova>>
20/08/2013
Documéntate (e II)
Crowfundings, traballos escolares e produción profesional. Son moitas as vías de financiamento dos proxectos documentais. Desta volta pasaremos polas historias dunhas mulleres na India que reciben a visita de Luís Tosar para impartir un obradoiro de teatro, ou a historia da Chocolateira, o único tren mineiro de Galicia; ou como traballa o artesán Arturo Álvarez que vende as súas lámpadas de vidro feitas a man. .
Amplía a nova>>
19/08/2013
Lois Patiño premiado no Festival de Locarno pola súa primeira longametraxe Costa da morte
A carreira de Lois Patiño segue unha liña ascendente a un ritmo vertixinoso. Logo de participar en coñecidos festivais cos seus traballos anteriores, de carácter breve e sempre nun formato experimental, a súa primeira longametraxe,
Costa da morte (Zeitun Films), acaba de resultar premiada no prestixioso Festival de Locarno, unha das cita imprescindibles do cinema de autor. No marco da sección Cineastas do presente, un espazo reservado para os máis arriscados e os nomes máis novos, recibiu o premio ao mellor realizador emerxente. A súa primeira longametraxe que ofrece unha visión romántica e monumental da natureza que empequenece a figura do home. Rocas, olas, lums, mar e a paisaxe centran esta obra dixital moi influenciada pola pintura. .
Amplía a nova>>
14/08/2013
Tres longametraxes galegas recibirán axudas do Fondo de Protección á Cinematografía
O produtor ourensán Ignacio Vilar ven de acadar 209.000 euros para a produción da longametraxe
A Esmorga baseada na coñecida obra de Eduardo Blanco Amor de entre as axudas concedidas polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) para 2013. Entre as películas que este ano reciben máis axuda do ICAA está tamén
Lobos Sucios de Simón Casal de Miguel con 452.020 euros), longametraxe de espías ambientada nas minas de wolframio galegas que extraían o mineral para a industria militar nazi, a cinta estará producida pola empresa galega Agallas Films xunto con outra produtora andaluza. O filme de animación
Psiconautas de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, baseado na banda deseñada do mesmo título acadou así mesmo unha axuda de 204.480 euros para a súa produción. .
Amplía a nova>>
02/08/2013
Riós acolle o seu VI Festival das Artes Escénicas
Con proxeccións comeza, ás sete desta tarde, a sexta edición do Festival das Artes Escéncias de Riós. Esta pequena aldea de Ourense acollerá hoxe a estrea mundial do documental
A última viaxe do afiador, ademais do filmes como
Las brujas de E'Lente ou
Caravana Vilamor. Mañá é a quenda da música, cunha gala de contará con Robert Ramírez, Rosa Cedrón, Tony Lomba ou Malvela entre outros. A organización do evento sinala o seu compromiso co desenvolvemento do rural e o fomendo da cultura nas "pequenas vilas"..
Amplía a nova>>
19/07/2013
Jorge Algora protagoniza a XIII Semana de Cine de Betanzos
A Semana Internacional de Cine de Betanzos chega á súa XIII Edicion co director Jorge Algora como protagonista. O director presenta nesta cita o seu filme
Inevitable e estará acompañado na cita por profesionais do sector audiovisual como Chete Lera, Nani García ou a actriz Deborah Vukusik, entre outros. Con ocasión do evento reabrirá as súas portas o veterano cine Alfonsetti, que acollerá diferentes proxeccións do evento..
Amplía a nova>>
17/07/2013
Documéntate (I)
O documental segue de moda. Son numerosas as producións deste xénero que se presentaron en Galicia nos últimos meses. De carácter histórico, social ou cultural teñen un fin divulgativo para dar a coñecer historias ao gran público. Revisamos nunha serie de dúas reportaxes algunhas das propostas recentes..
Amplía a nova>>
16/07/2013
Os profesionais da cultura denuncian por contratacións
A Asociación Galega de Empresas Musicais acaba de emitir un comunicado denunciando a contratación de artistas foráneos. En concreto é a contratación de Melendi por segunda vez en cinco meses para actuar as festas de Vigo a situación que denuncia este colectivo. Segundo sinalan desde AGEM "non resulta comprensible que nun momento de escaseza de recursos económicos das distintas administracións e da sociedade en xeral, ó Concello aposte pola repetición con recursos públicos dun mesmo espectáculo", e lembra a importancia de Vigo como motor da música galega. .
Amplía a nova>>