As Xociviga cumpren trinta anos coa intención de recuperar o seu papel

Roberto Oribio estreará o seu filme no marco das proxeccións

Hai trinta anos comezaron no Carballiño unhas xornadas de cine e vídeo que foron un punto de encontro do audiovisual feito no país. As Xociviga sufriron numerosos vaivéns co paso do tempo, e foron perdendo ese papel central. Agora, ao celebrar unha data tan redonda, os seus organizadores quixeron recuperar parte da súa esencia incial cunha programación na que hai oco para o cinema galego, pero sobre todo con seccións e actividades que permitan ver a creación audiovisual galega realizada desde os oitenta. Alén da sección "Curtas á carta", conta tamén cun apartado especial dedicado á historia da filmografía e do documental galego, coa proxección de imaxes de Elixio González, coa presenza do Súper 8, unha exposición e dúas homenaxes: unha a Manuel Iglesias Nanín, anterior director dos encontros e a Manuel González, pola súa dedicación ao audiovisual de Galicia e apoio ás Xociviga.

Adolescentes, Conversa cunha muller morta, Fraga e Fidel, sen embargo, O Apóstolo, O xigante e Somos xente honrada son os titulos que compoñen a sección Cinema galego. Canda este apartado destaca outro "Rodado en Carballiño" que permitirá ver o filme de Juan PInzás, A lenda da doncela, máis a estrea de Nightmare, o filme de Roberto Oribio.

Despois de Maio (aprés Mai), Django Desencadeado (Django Unchained), A lenda da doncela, Non (No) son outros títulos dunha programación que tamén contempla traballos para un público adolescente e infantil.
Ligazóns