Tres longametraxes galegas recibirán axudas do Fondo de Protección á Cinematografía

A Esmorga, Lobos sucios e Psiconautas acceden á subvención do ICAA

O produtor ourensán Ignacio Vilar ven de acadar 209.000 euros para a produción da longametraxe A Esmorga baseada na coñecida obra de Eduardo Blanco Amor de entre as axudas concedidas polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) para 2013. Entre as películas que este ano reciben máis axuda do ICAA está tamén Lobos Sucios de Simón Casal de Miguel con 452.020 euros), longametraxe de espías ambientada nas minas de wolframio galegas que extraían o mineral para a industria militar nazi, a cinta estará producida pola empresa galega Agallas Films xunto con outra produtora andaluza. O filme de animación Psiconautas de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, baseado na banda deseñada do mesmo título acadou así mesmo unha axuda de 204.480 euros para a súa produción.

Estas axudas a proxectos de longametraxes proveñen do Fondo de Protección á Cinematografía, están destinadas a aqueles que posúan un especial valor cinematográfico, cultural ou social, que sexan de carácter documental ou experimental, ou incorporen novos realizadores. Cabe destacar que estes tres proxectos foron beneficiarios o pasado ano das subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, convocadas pola Axanecia Galega de Industrias Culturais (Agadic).