Novas | 1591 a 1600 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

26/06/2014
Cos cabalos nas aulas

Aproveitar os coñecementos e o interese dos alumnos polo mundo dos cabalos foi a base coa que o IES Terra de Turonio botaba a andar en 2003 o proxecto Ceibes no monte. Logo de levar o premio Anton Fraguas, de crear un interesante web e de desenvolver un bo feixe de actividades con estes animais como eixe, a iniciativa continúa agora coa publicación dun libro-DVD que amosa a importancia do patrimonio do cabalo de monte galego.. Amplía a nova>>

23/06/2014
Revelación de segredos

Con ocasión da noite máis máxica do ano, recuperamos o proxecto Palabras Secretas. A xornalista Ana Lois compila neste proxecto os saberes tradicionais para curar, enmeigar e desenmeigar. Unha impresionante colección de vídeos que están dispoñibles na rede e que, asegura, irán a mais.. Amplía a nova>>

16/06/2014
Mundos Dixitais volta á Coruña en xullo

Animación, videoxogos, efectos especiais ou arquitectura. Os encontros Mundos Dixitais voltan a Palexco, na Coruña entre o 3 e o 5 de xullo vindeiros. O coñecido foro internacional contará coa presenza de destacados profesionais destes sectores como Christopher O'Really, Daniel M. Lara, Tony Micilotta, Paul Debevec ou Mike L. Murphy entre outros. Ademais, presentarase proxectos como o novo filme de animación sobre Mortadelo e Filemón ou as innovacións que se desenvolveron en producións como Gravity ou a última entrega de X-Men.. Amplía a nova>>

11/06/2014
Compostela acolle a estrea de Encallados

Unha ollada desde a comedia ao sector audiovisual galego a partir da tentativa de elaborar un filme sobre o Prestige. O Salón Teatro de Compostela acolle o vindeiro venres a estrea de Encallados, un filme de Alfonso Zarauza rodado en branco e negro con película de 16 mm. Xulio Abonjo no papel de Alfonso, Federico Pérez como Pato, Ricardo de Barreiro a interpretar a Andy e Farruco Castromán como Farruco protagonizan o proxecto, que xa foi galardoado en tres categorías na última edición dos Premios Mestre Mateo. O filme proxectarase en dúas sesións dobres o vindeiro venres 13, ás 19.00 e ás 22.00 horas, e sábado 14, ás 20.00 e ás 22.00 horas. Para o dez de xullo está prevista unha proxección no Teatro Colón da Coruña coa presenza dos actores música en directo.. Amplía a nova>>

09/06/2014
Fran Araújo gañou o premio de longametraxes do Primavera do Cine

Cun chamamento a que as institucións apoien o festival e garantan a súa continuidade fechaba na noite de onte a terceira edición do festival Primavera do Cine en Vigo. A gala de feche acolleu tamén a entrega dos premios do evento, seleccionados polo público asistente. Así, El Rayo de Fran Araújo obtivo o galardón á longametraxe, mentres Tupper de Ángel Manzano foi escolleita como mellor curta e Wilda de José Araújo impúxose na categoría de videoclips. A organización salientou a alta puntuación media que obtiveron todos os filmes que se proxectaron no marco do festival.. Amplía a nova>>

03/06/2014
O Museo do Pobo acolle a 9 Mostra de Cinema Etnográfico

Artesanía irlandesa, emigración e faros galegos, mulleres en Serra Leona ou funerais no Camerún son algúns dos temas que se abordan nos filmes que se proxectan desde hoxe e ata o vindeiro 8 de xuño na novena Mostra de Cinema Etnográfico. O Museo do Pobo organiza e acolle este evento, que conta cun total de catorce producións divididas nas seccións Carlos Velo, Espiello e Sundance Short Film. O ciclo abre esta tarde coa proxección de En calquera lugar. Entre cá e lá, de Xes Chapela. Outras propostas galegas que se inclúen no programa son A mesma terra ou Torreiros.. Amplía a nova>>

27/05/2014
O III Primavera do Cine celébrase na estreiteza

A unha semana de completar o seu proxecto de crowdfunding na plataforma Verkami, o Festival Primavera de Vigo confirma que se celebrará nas datas previas. Malia a non obter polo momento os 2.100 solicitados, a organización adianta que a terceira edición deste evento centrado en curtametraxes, longametraxes e videoclips se desenvolverá entre o 4 o 8 de xuño. No programa, destacan as estreas en Galicia das producións Blockbuster e El rayo ou da curtametraxe Tupper, recentemente premiadas en Cans.. Amplía a nova>>

26/05/2014
Xacio Baño e Iria López impóñense en Cans

Rematado o XI Festival de Cans, xa se coñecen os gañadores desta edición. Ser e voltar, de Xacio Baños, fíxose con Can de Pedra e os 1.500 euros á mellor curtametraxe de imaxe real, mentres Iria López impúxose na categoría de animación pola curta Jamón. Pola súa banda, o público escolleu como mellor traballo Tupper, de Ángel Manzano, mentres o xurado dos veciños seleccionou 3-1=0, de Juan Galiñanes para lle outorgar o seu Can de Pedra.. Amplía a nova>>

20/05/2014
Xogo de Heroes faise co I Premio de Webseries da CRTVG

Unha aventura épica ao longo do Camiño de Santiago protagonizada por seis heroes da historia galega. Esta é a base de Xogo de Heroes, o proxecto que acaba de se impor entre os 17 candidatos ao I Premio de Webseries da CRTVG Historias do Camiño. Roberto Conde, que xa participara en proxectos como Gran Compadre é o autor desta iniciativa e agora poderá perfeccionar a súa proposta nun obradoiro de formación con profesionais ademais de que a CRTVG adquirirá os dereito do capítulo piloto da súa produción. Canda a el, os proxectos Tres pitos e un capón e Imos aviados ficaron como finalistas e os seus autores tamén poderán optar ao obradoiro formativo. O xurado destacou a alta calidade das propostas que se presentaron ao certame.. Amplía a nova>>

16/05/2014
Juan Pinzás entra na Academia de Cinema Europeo

A Academia de Cinema Europeo, (European Film Academy), conta desde hoxe cun membro galego. O director de cinema vigués Juan Pinzás aceptou a invitación para se unir a esta institución que agrupa a preto de 3.000 profesionais de todo o mundo. A entidade é a responsable, entre outras cuestións, de escoller os premios de cinema europeo. A coincidir con esta nova, Pinzás anunciou que está traballar nun novo proxecto en Europa.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org