Novas | 151 a 160 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

02/07/2024
O Fancine de Lemos dá comezo á súa décima edición

Desde este día 2 e ata o vindeiro 7 de xullo Monforte de Lemos acolle a décima edición do Fancine. O Festival de Xéneros Fantásticos conta nesta ocasión con 24 curtametraxes a concurso, que se poderán ver na Casa da Cultura e mais no Cine Hollywood. Estes últimos acollerán ademais as cinco longametraxes que fan parte da programación desta xeira.. Amplía a nova>>

28/06/2024
AGADIC aumenta as axudas para produción de longametraxes cinematográficas

Poucos días despois da convocatoria de axudas para a realización de rodaxes en Galicia a Xunta ven de aumentar a súa aposta polo valor da produción audiovisual publicando no Diario Oficial de Galicia unha corrección da convocatoria presentada en xaneiro para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos que aumenta considerablemente a partida dedicada a esta fin. A resolución actual da Axencia Galega das Industrias Culturais aumenta ata os 3.000.000 de euros o orzamento desde os 2.500.000 que tiña inicialmente e que viña mantendo sen variación durante os catro anos anteriores. . Amplía a nova>>

26/06/2024
A Xunta convoca as axudas ás rodaxes en Galicia

A Xunta ven de presentar unha nova quenda, a terceira, das axudas para as rodaxes audiovisuais en Galicia, unha ferramenta de captación de producións que supoñen un beneficio para o país en base ao gasto estimado e a mobilización de servizos locais e profesionais do país. Repítese o orzamento de dous millóns a repartir en dúas metades con carácter plurianual, para os anos 2024 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027. O pasado venres a Axencia Galega de Industrias Culturais convocou ao sector a unha xuntanza para darlles a coñecer esta nova convocatoria que hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia. A finalidade desta convocatoria é estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por unha banda, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego, co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable e o mantemento do emprego de calidade das empresas e, por outra, situar a Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional.. Amplía a nova>>

20/06/2024
As axudas a salas de cinema reparten 132.160 euros entre 7 espazos

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 20 de xuño a resolución das axudas para "Proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual para salas de exhibición cinematográfica". En total sete espazos deste tipo, xestionados por seis empresas, reparten os 132.160 euros da concesión.. Amplía a nova>>

04/06/2024
Oito comunidades galegas no exterior acollerán o ciclo Mestre Mateo

A terceira edición do Ciclo Mestre Mateo levará a oito comunidades galegas no exterior os filmes finalistas dos premios deste nome. Centros en Rio de Janeiro e São Paulo (Brasil) La Plata e Avellaneda (Arxentina), Montevideo (Uruguai), Ingolstadt (Alemaña), Donostia (País Vasco) e Pamplona (Navarra) acollerán as proxeccións desta iniciativa que promove a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración.. Amplía a nova>>

29/05/2024
O galego ten futuro nos podcasts

A vitalidade das linguas minoritarias no terreo dixital supón un feito fundamental para a preservación dos legados culturais e un xeito de garantir que tanto a cultura como a comunidade representadas por dita lingua sexan preservadas e continúen "florecendo". Con esa premisa o Anuario de cultura dixital 2024 elaborado pola entidade pública Acción Cultural Española (AC/E) inclúe un informe neste sentido, estudando o xeito en que as linguas minoritarias están representadas en diversas manifestacións do espazo dixital, fundamentalmente nas expresións culturais incluíndo os máis recentes hábitos de consumo. O documento tira conclusións e presenta datos moi enfocados na comparativa entre as seis linguas cooficiais existentes en España. . Amplía a nova>>

27/05/2024
Pablo Dopazo triunfa en Cans con 'O frío'

A curta 'O frío' do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción e Dopazo ademais obtivo o premio ao Mellor Director. Unha vez coñecido o palmarés desta edición, ao final do festival resultou o filme de Dopazo como o máis premiado xa que tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta 'O frío' foi premiada polo xurado polo súa capacidade para "facer sentir a distancia, o desafecto e o frío". O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva. O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para 'Aquarium' da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello.. Amplía a nova>>

24/05/2024
Máis de 130 proxeccións de audiovisual de vangarda internacional no (S8)

A 15ª edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña contará con máis de 130 proxeccións do audiovisual de vangarda. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch, falecida hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival, cunha primeira gran retrospectiva da súa obra. . Amplía a nova>>

23/05/2024
Premio de Honra da AGAPI para Rosa Moledo

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) ven de facer pública a designación da tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo como receptora do Premio de Honra Dolores Ben na súa terceira edición. O recoñecemento, que leva o nome de quen foi presidenta da AGAPI durante doce anos, busca recoñecer a persoas ou institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Nese sentido desde AGAPI ven en Rosa Moledo eses valores polo seu traballo de 30 anos no audiovisual dedicándose á tradución de numerosas producións de cine e televisión e como asesora e supervisora lingüística tanto en sesión de dobraxe coma en rodaxes. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 18 de xuño en Cinemar Films ás 19h, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, situado no polígono de Novo Milladoiro, moi preto de Santiago de Compostela. O I Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní e o II Premio de Honra foi para a xornalista Tareixa Navaza.. Amplía a nova>>

23/05/2024
Bota a andar con quince proxectos o Ames AV Lab

Un total de quince proxectos, catro series, seis curtametraxes, tres longametraxes e dous documentais, participan da primeira edición do Ames AV Lab. O Laboratorio de Aceleración de Proxectos Audiovisuais que promove o Concello de Ames coa Deputación da Coruña inicia en maio as súas actividades de formación, asesoramento e mentorización para contribuír ao desenvolvemento destas propostas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org