Novas | 1491 a 1500 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

10/06/2015
Nace un programa para adaptar obras literarias galegas ao audiovisual

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE) daba a coñecer onte o programa Firma e Filme. Este proxecto busca promover adaptacións cinematográficas de obras literarias galegas. Como primeiro paso do novo programa, está a se realizar unha recollida de datos tanto da oferta editorial existente "como dos intereses e proxectos actuais demandados polas produtoras". Para isto, todas as entidades interesadas en participar teñen ata o 18 de xuño para enviar fichas normalizadas cos seus intereses (as produtoras) e cos títulos con posibilidades de adaptación (as editoras).. Amplía a nova>>

08/06/2015
A volta dos nove imponse no festival Primavera do Cine de Vigo

O documental de Antonio Caeiro A volta dos nove foi seleccionada polo público como mellor longametraxe na IV edición do festival Primavera do Cine. O encontro vigués fechaba onte as súas portas logo do que a organización recoñeceu como un "éxito de crítica pero non de público". Os asistentes seleccionaron tamén Curricán de Álvaro Gago como mellor curtametraxe, e outorgáronlle o premio ao mellor videoclip a Bombones de cereza, no que Cristian Otero y Marc Soler lle poñen imaxes a un tema do grupo Inerttes. O festival entregou tamén o seu premio de honra a Sarabela Teatro en homenaxe á súa traxectoria.. Amplía a nova>>

05/06/2015
A produtora Vaca Films obtén a Medalla Castelao polo seu traballo

O Consello da Xunta anunciou onte as persoas e entidades que recibirán este ano as Medallas Castelao deste ano. Estes galardóns, que se outorgan a "aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana", recoñeceron a produtora coruñesa Vaca Films polo seu traballo con películas como Cela 211 ou El Niño e a súa expansión a nivel estatal e internacional. Canda a esta firma foron galardoados co comunicador Pepe Domingo Castaño, a futbolista Verónica Boquete , o catedrático de Dereito Industrial Carlos Fernández-Nóvoa e mais a Rede Galega contra a Trata, a recoñecer o seu traballo contra a explotación sexual.. Amplía a nova>>

01/06/2015
A Mostra de Cine Etnográfico chega á súa X edición

Compostela e Vigo teñen a partir de mañá cadansúa cita cinematográfica. Así, na capital galega o Museo do Pobo Galego acolle ata o día seis a décima edición da Mostra de Cine Etnográfico, cun programa no que se dá unha ampla presenza galega. Directores como Xacio Baño, Marcos Nine, Rubén Pardiñas, Chispón ou Eloi Inciso comparten pantalla con filmes premiados no festival Espiello e cunha selección de obras do Chanfaina Lab de San Sadurniño. En paralelo, a Cidade Olívica acolle ata o día sete a cuarta Primavera de Cine. Un total de 55 filmes e videoclips amplían a oferta deste evento, entre os que se inclúe unha mostra de producións lusófonas. Ademais, no marco do encontro, a organización entregaralle un premio honorífico a Sarabela Teatro polo seu traballo.. Amplía a nova>>

29/05/2015
Brasil e Ken Jacobs protagonizan o VI mostra S8

Con Brasil como país convidado, a Mostra de Cinema Periférico S8 chega á súa sexta edición na Coruña. No programa destaca o cineasta experimental Ken Jacobs, do que se estreará a nivel mundial o filme New Paintings e se proxectará Time Squared. Canda a el, presentarase unha retrospectiva do brasileiro Marcos Bertoni, así como traballos da súa compatriota Paula Gaitán. e unha representación do festival 25FPS, de Zagreb, así como un espazo dedicado ao galego Xacio Baño e o estreo mundial do filme Volontè. A programación, que se desenvolve entre o 3 e o 7 de xuño inclúe tamén obradoiros de sonorización e performances.. Amplía a nova>>

25/05/2015
Curricán e Disney triunfan en Cans

O XII Festival de Cans daba a coñecer na noite de onte os gañadores desta edición. O xurado, formado por Sandra Sánchez, Antonio Mourelos, Avelino González, Nerea Barros, Mercedes Peón, Enrique Otero e Fran P. Lorenzo, seleccionou como mellor curtametraxe Curricán, de Álvaro Gago "por facer confluír nun mesmo espazo e tempo narrativo un retrato íntimo e tamén colectivo a través dun achegamento poético". Os veciños, pola súa banda, outorgaron o seu Can de Pedra a Disney de Jorge Saavedra. . Amplía a nova>>

21/05/2015
Catro produtoras participan no Marché du Film de Cannes

Unha misión comercial galega tenta vender proxectos galegos no Marché du Film de Cannes que se celebra ue se celebra ata o 23 de maio en paralelo ao Festival Internacional de Cine de Cannes e está considerado o máis importante do mundo no seu ámbito. As produtoras Vaca Films, Agallas, Maruxiña e Dragoia Media representan o noso audiovisual nunha delegación na que colaboran a Axencia Galega das Industrias Culturais e mais o Instituto Galego de Promoción Económica.. Amplía a nova>>

20/05/2015
AGADIC convoca as axudas a producións de contido cultural galego

Dous millóns de euros, unha cantidade igual á do pasado ano. Este é o orzamento que a Axencia Galega das Industrias Culturais distribuirá na súa convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio, que por vez primeira inclúe 60.000 euros destinados a apoiar curtametraxes. Outra novidade é a creación dunha liña específica para as longametraxes documentais cinematográficas. Canda a estas apoiarase a produción de longametraxes de ficción, de animación e mais producións ou coproducións destinadas a ser emitidas por televisión. . Amplía a nova>>

11/05/2015
Catro filmes con produción galega coincidiron esta fin de semana nos cines españois

As películas galegas ‘As altas presións’, de Matriuska Producións, ‘A Esmorga’, de Vía Láctea Filmes, ‘Maimiño’, de Ficción Producciones, e ‘A cambio de nada’, coproducida por ZircoZine, inician mañá 8 de maio a súa distribución nos cines españois, o que suporá a coincidencia nas próximas semanas nas carteleiras comerciais de catro títulos con produción galega de moi diversos xéneros.. Amplía a nova>>

08/05/2015
O Cine Adriano de Fene recupera a súa memoria

A Casa da Cultura de Fene acolle desde hoxe e ata o 30 de maio a exposición "Adriano, sesión continua" e a proxeccción do audiovisual "Adriano, sesión continua", que resume a experiencia da realización de 17 intervencións artísticas que recuperan a memoria dun cine fundamental para a vida de Fene durante varias décadas. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org