Novas | 1471 a 1480 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

07/10/2015
Freakemacine volta cunha homenaxe a Amando de Ossorio

A Coruña acollerá a partir do vindeiro 25 de outubro unha nova edición de Freakemacine, o Festival de Cinema Fantástico que chega con novidades. No programa deste ano destaca a homenaxe que se lle dedica ao director galego Amando de Ossorio que inclúe proxeccións, unha mesa redonda ou unha exposición. Ademais, un ciclo dedicado ao terror francés explorará as pecualiaridades dos filmes deste tipo no país galo e unha proxección recuperará o filme de culto The Rocky Horror Picture Show. Como novidade, este ano o festival acolle o I Concurso Internacional de Longametraxes Ópera Prima, que se suma ao xa habitual certame de curtas. Na sección galega proxectaranse os filmes Babushka eEl fantástico mundo de Juan Orol e programarase unha mesa redonda, e non faltarán as habituais seccións dedicadas ao anime, a Zombie Walk ou as sesións infantís.. Amplía a nova>>

06/10/2015
Nove empresas galegas participan no MIPCOM de Cannes

Bambú Producciones, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, R, Treeline Distribution, Yellow Train Productions e Zenit TV son as produtoras galegas que desde onte están presentes no XXVI MIPCOM. O maior mercado mundial de contidos televisivos e de entretemento abría onte as súas portas cunha delegación galega apoiadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais e mais polo Clúster Audiovisual de Galicia. As produtoras do país preséntase no marco do pavillón audiovisual from Spain onde tamén se distribúe o catálogo Films from Galicia. O evento continuará ata o vindeiro 8 de outubro da cidade francesa de Cannes. Amplía a nova>>

05/10/2015
O XXIX Cineuropa homenaxeará a Arturo Ripstein e a Miguel Gomez

O Concello de Santiago acollía esta mañá a presentación dos cineastas que levarán os Premios Cineuropa na vindeira edición do festival compostelán. O director Arturo Ripstein, nado en méxico verá recoñecidos os seus cincuenta anos de carreira. Canda a el, a XXIX edición do festival recuperará o traballo de Miguel Gomes, considerado un dos máis firmes valores da vangarda do cinema portugués, e de quen se proxectará o tríptico As Mil e Uma Noites. Segundo anunciou o director do festival, José Luís Losa, Ripstein participará na retrospectiva da súa filmografía que se poderá ver no programa e que inclúe o filme La Calle de la Amargura, estreado recentemente en Venecia. . Amplía a nova>>

28/09/2015
A Semana de Cine de Lugo recoñece La sonrisa verdadera

Os preto de 7.000 asistentes á 37 Semana Internacional de Cine de Lugo, que fechaba onte as súas portas, seleccionaron o filme español La sonrisa verdadera como gañadora desta edición. Ademais deste galardón, dotado con mil euros, os votos dos espectadores seleccionaron a francesa Waiting for the train como mellor documental e a española Action painting na categoría de curtametraxes. Entre as curtas galegas impúxose o filme Unary, dirixido por Luís Avilés.. Amplía a nova>>

24/09/2015
Nace en Pontevedra un festival para talentos emerxentes do audiovisual

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, presentaba onte Novos cinemas, un novo festival audiovisual que se concentra en talentos emerxentes. A iniciativa, conta co produtor cinematográfico Daniel Froiz, o cineasta Ángel Santos, e o programador Suso Novás na organización, e pretende "dar visibilidade aos novos creadores e difundir o seu talento, prestando especial atención á vangarda cinematográfica a nivel internacional". . Amplía a nova>>

24/09/2015
A AGADIC distribúe dous millóns de euros en axudas ao audiovisual

Cinco longametraxes de ficción, dúas de animación, un documental cinematográfico e outro televisivo, unha curtametraxe e unha miniserie son os proxectos que recibirán as axudas a producións e coproducións de contido cultural galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a resolución desta convocatoria, que distribúe un total de 2 millóns de euros entre once filmes. No campo das longametraxes, os proxectos máis beneficiados foron A visitante, dirixida por Alfonso Zarauza, para Maruxiña Film Company e mais A estación violenta de Anxos Fazáns para Matriuska Producciones que recibirán 257.347 euros. Semana grande de Frida Films e mais Kidnapped de Vaca Films contará pola súa banda con 237.551 euros, mentres a nova longametraxe de Lois Patiño, Tempo vertical recibirá 143.520 euros.. Amplía a nova>>

23/09/2015
Ponse en marcha a Coordinadora de Festivais de Cine

Dar a coñecer e poñer en valor o traballo que están realizando os distintos festivais e servir de comunicación entre eles. Estas son as bases fundamentais coas que bota a andar a Coordinadora de Festivais de Cine de Galicia. O proxecto, que nace co apoio da Academia Galega do Audiovisual, inclúe a creación dunha base de datos no que se recollan todas as citas deste tipo que existen no país. O pasado venres celebrouse en Compostela o primeiro encontro desta iniciativa, no que se acordou crear unha xestora na que están representados o festival S8, da Coruña, o Chanfaina Lab de San Sadurniño, o Play–Doc, de Tui, o Carlos Velo de Celanova e o vigués Primavera de Cine. Este órgano será o encargado de elaborar un texto sobre o que os diferentes eventos realizarán achegas con vistas a elaborar uns estatutos e oficializar unha asociación do sector de cara ao vindeiro mes de decembro.. Amplía a nova>>

23/09/2015
Fina Casalderrey, Miguelanxo Prado ou Ignacio Vilar, Premios da Cultura Galega

A Consellaría de Cultura daba a coñecer onte os nomes das persoas e colectivos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2015. As oito categorías destes recoñecementos repartíronse entre Fina Casalderrey, que levou o premio ás letras, Miguelanxo Prado, que se fixo co das artes, María Bouzas, recoñecida no campo das artes escénicas, Ignacio Vilar na categoría de audiovisual e o coro Toxos e Froles, considerado o máis relevante no campo da música. Canda a eles, o xurado valorou o labor da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, mentres a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial recibiu o galardón ao labor no patrimonio e a investigadora Kathleen Nora March o de promoción exterior da nosa cultura. A Xunta outorga anualmente estes premios para "apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos".. Amplía a nova>>

21/09/2015
Alberto Vázquez presenta Psiconautas no Festival de San Sebastian

Comezou como unha banda deseñada, deu pé a unha curtametraxe (Birdboy) e agora preséntase como longametraxe de animación. O debuxante coruñés Alberto Vázquez dirixe e guioniza, canda a Pedro Ribero, Psiconautas, un proxecto que se estreará o vindeiro 24 de setembro no Festival de Cinema de San Sebastián. O filme mantén os personaxes principais da historia, Birdboy e Dinki, que tentan sobrevivir nunha illa arruinada por unha catástrofe ecolóxica. O proxecto é unha coprodución na que participan a galega Zircozine, e as vascas Basque Films, Abrakam Studio e La Competencia.. Amplía a nova>>

17/09/2015
O filme Lobos sucios participará no Festival de Mill Valley

O filme de Simón Casal producido por Agallas Films, Lobos sucios, fará a súa estrea mundial do Festival estadounidense de Mill Valley, en San Francisco. A produción, ambientada na febre do wolframio en Galicia durante a II Guerra Mundial, proxectarase o vindeiro 10 de outubro na sección World Cinema do que se considera un dos máis importantes eventos deste tipo en Estados Unidos. En paralelo, o audiovisual galego tivo tamén presenza no certame Cortometrajes, 7 Short films que se celebrou onte en Londres da man de Brit Es Magazine e do colectivo Shorts on Tap, achegou un total de sete producións, entre as cales estaba o proxecto Jamón un filme animado de Iria López. Ademais, o galego Celso Bugallo protagoniza outra produción, El grifo, de Denis Rovira.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org