A AGADIC distribúe dous millóns de euros en axudas ao audiovisual

Once filmes reparten as axudas a producións e coproducións de contido cultural galego

Cinco longametraxes de ficción, dúas de animación, un documental cinematográfico e outro televisivo, unha curtametraxe e unha miniserie son os proxectos que recibirán as axudas a producións e coproducións de contido cultural galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a resolución desta convocatoria, que distribúe un total de 2 millóns de euros entre once filmes. No campo das longametraxes, os proxectos máis beneficiados foron A visitante, dirixida por Alfonso Zarauza, para Maruxiña Film Company e mais A estación violenta de Anxos Fazáns para Matriuska Producciones que recibirán
257.347 euros. Semana grande de Frida Films e mais Kidnapped de Vaca Films contará pola súa banda con 237.551 euros, mentres a nova longametraxe de Lois Patiño, Tempo vertical recibirá 143.520 euros.

No campo da animación, as contías non fican atrás. Día de mortos de Ficción Producciones e Memorias dun home en pixama contarán con cadanseus 257.347 euros. En canto a documentais, resultaron seleccionados nesta convocatoria Versogramas (38.226 euros) e A batalla descoñecida, mentres para miniseries AGADIC apoiará o proxecto Contou Rosalía de Zenit Televisión con 257.347 euros. Por vez primeira a convocatoria incluíu proxectos de menor duración, e dentro deste apartado subvenciónase a curtametraxe Peixes de Juan Carlos Pena Babío cunha axuda de 11.877 euros.

A AGADIC destacou a introdución dun baremo de selección na convocatoria para apoiar a presenza feminina no sector, e o feito de que seis dos once proxectos seleccionados este ano están dirixidos ou codirixidos por mulleres.