Novas | 1461 a 1470 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

18/11/2015
Preséntase o catálogo Films from Galicia 2016

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) daba a coñecer onte, no marco do Festival Internacional de Cinema de Ourense, a edición deste ano do catálogo Films from Galicia. O volume que representará o noso audiovisual en diferentes feiras e eventos internacionais recolle nesta nova xeira un total de 57 producións divididas nas seccións Pics para longametraxes de ficción, Toons (animación), Docs para os documentais e TV a recoller todo tipo de produtos televisivos. En total son 19 longametraxes, sete propostas de animación, 19 documentais e 12 títulos para a TV os que se poden atopar no catálogo, dispoñible en liña. . Amplía a nova>>

09/11/2015
Dez películas competirán na sección oficial do Festival de Cine de Ourense

Unha das grandes citas do audiovisual galego é o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se celebrará na cidade das Burgas entre o 14 e o 22 de novembro. Xa se coñece a programación e a dez películas que competirán na sección oficial. Son La vida después (Arxentina), Bridgend (Dinamarca), The Sinking of Sozopol (Bulgaria), Dark Horse (Reino Unido), La novia (España/Alemaña), Bambanti (Filipinas), El comienzo del tiempo (México), La decisión de Julia (España), Techo y comida (España) e Killing Time (Francia/Bélxica). Por primeira vez, dous documentais participan canda as cintas de ficción: Dark Horse e Killing time. Ademáis, o festival concederá ao director Enrique Urbizu o seu premio de honra. . Amplía a nova>>

04/11/2015
Xa dispoñible o programa de Cineuropa 2015

Xa podes consultar no web de Cineuropa a programación de 2015, aínda que mañá será presentada a explicada por José Luis Losa en rolda de prensa, co alcalde Martiño Noriega. O programa do festival abrirase co filme Le Nouveau, unha comedia vital sobre a preadolescencia que lle valeu ao seu director, Rudi Rosenberg, o Premio Novos Realizadores do Festival de Cinema de San Sebastián. Cineuropa celébrase nesta 29ª edición do 6 ao 29 de novembro en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia. Amplía a nova>>

03/11/2015
Ourense acolle I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia

O vindeiro mércores 4 péchase o prazo para as compañías que queren solicitar participar I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, amparado polo Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia terá lugar o venres 20 de novembro, a partir das 10.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. As produtoras que acudan con proxectos en fase de desenvolvemento terán a oportunidade de facer unha presentación pública na sesión de 'pitching' coa que arrancará o evento. A continuación, darán comezo as roldas de reunións bilaterais entre compañías galegas e portuguesas, previamente concertadas pola organización.. Amplía a nova>>

03/11/2015
Marcos Nine gaña o Festival de Estetino con A viaxe de Leslie

O filme A viaxe de Leslie, dirixido por Marcos Nine e producido pola galega Portocabo, recibía esta fin de semana o premio ao mellor filme no Festival de Cinema Europeo de Estetino, en Polonia. O xurado do certame valorou o xogo entre ficción e realidade que se dá no proxecto, que seleccionou entre as 900 producións que se presentaron ao festival. Nine emprega imaxes de arquivo para explorar as diferentes hipóteses a desaparición do actor Leslie Howard logo de ser atacado o seu avión por cazas alemáns sobre o Cantábrico en 1943. Para o vindeiro día 20 está previsto que o filme chegue ás salas comerciais galegas.. Amplía a nova>>

29/10/2015
A TVG apoiará sete novas producións audiovisuais

Un total de sete novas producións audiovisuais contarán coa participación da Televisión de Galicia no seu desenvolvemento. A Comisión Directiva de Programación da entidade aprobou a colaboración nun total de tres longametraxes, dúas películas para televisión e dous documentais. No campo das longas, serán Migas de Pan, de Xamalú Filmes, Sol e Lúa, de Ézaro Films e mais Arima, de Esnatu Zinema, que dirixida por Jaione Camborda inclúe un equipo técnico totalmente galego. En canto a filmes para televisión, apoiaranse Juana de Vega e mais Fillos do sol de Portocabo. Finalmente, os documentais que contarán con colaboración da TVG serán A Lucenza de Quessada de Adivina Producciones e a dupla proposta Mais ca vida e Vida. Este último proxecto conxuga un documental sobre a integración de persoas con discapacidade intelectual cunha curtametraxe de ficción que amosa a loita deste colectivo.. Amplía a nova>>

28/10/2015
Mellora a asistencia ao cine en Galicia

En 2014 foron ao cine 3,6 millóns de galegos e galegas. Son 600 000 máis que no ano anterior e, aínda que a cifra é positiva, Galicia segue a ocupar o último posto en asistencia en toda España. Só o 40,5% da poboación asistiu a unha proxección cinematográfica no último ano. Son cifras do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) titulado “O cine en Galicia 2014” e que analiza cifras de asistencia, produción e distribución así como de hábitos e prácticas culturais. . Amplía a nova>>

27/10/2015
O documental sobre o tren Alvia representa a Galicia na Seminci

A Semana Internacional de Cine (Seminci) de Valladolid acolle hoxe a estrea de Frankenstein-04155, o documental do director ourensán Aitor Rei sobre o accidente do Alvia en Compostela o 24 de xullo de 2013. O filme compite con outros dez filmes na sección Doc España. O filme, promovido pola plataforma de vítimas do sinistro, financiouse a través dunha campaña de Crowdfunding. Pola súa banda, o seu traballo no campo do cinema experimental e da videoarte valeulle a Lois Patiño voltar co Premio Nueva Ola 2015 do Festival de Cine Corto y Creo de Santander, que se celebrou esta fin de semana.. Amplía a nova>>

26/10/2015
AMAL achega o cinema árabe a Compostela esta semana

Desde hoxe e ata o vindeiro 31 de outubro, o Festival de Cinema Euroárabe AMAL achega á pantalla do Teatro Principal de Compostela unha selección do cinema árabe máis recente. Logo de trece anos de actividade, o encontro amosa nesta ocasión dez filmes, entre os que se atopan algúns como o documental Colonos e Pombas, dos galegos Marga Pazos e Alfonso Caneiro sobre a vida duns nenos en Palestina. A traxicomedia Ghadi, Theeb, Azucre aparte, Giraffada, Os cabalos de Deus ou Atlántic, Villa Touma e Syria Self-Portrait son os outros títulos que fan parte do programa. Ademais, unha sesión especial proxectará o clásico Lawrence de Arabia como parte dunha homenaxe ao recentemente falecido actor Omar Shariff. A recadación da billeteira do festival destinarase aos refuxiados sirios en Compostela. . Amplía a nova>>

13/10/2015
Blood Below the Skin e Sound of a Million Insects gañan Curtocircuito

Curtocircuíto Festival Internacional de Cine anunciou os gañadores da sección oficial. Na categoría Explora (filmes experimentais) gañou Sound of a Million Insects, Light of Thousand Stars, un filme xaponés de Tomomari Nishikawa. Na categoría Radar, máis narrativa, recaeu en Blood Below the Skin de Jennifer Reeder. Na categoría de cine galego, o terceiro xurado oficial foi Sin Dios ni Santa María de Helena Girón e Samuel M. Delgado. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org