Novas | 1451 a 1460 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

13/01/2016
O Festival de Cans abre convocatoria

Os interesados en participar no XIII Festival de Cans teñen ata o vindeiro 4 de marzo para presentar a concurso as súas curtametraxes e videoclips. A Asociación Arela, que organiza o evento, abría onte a convocatoria deste ano, para a que incrementa ata 6.200 euros a contía total dos premios. Deste xeito, o Premio do xurado á mellor curta chega aos 2.000 euros, 500 máis do que na anterior xeira. Ademais presentouse un novo web para o evento que rescata o arquivo audiovisual do festival e pon a disposición do público preto de 40 horas de vídeo. A vindeira edición do festival celebrarase entre o 18 e o 21 de maio de 2016.. Amplía a nova>>

28/12/2015
A AGADIC convoca catro liñas de axudas á industrias culturais

No medio das festas, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de facer pública a convocatoria de catro das súas liñas de axuda para 2016, para as que destina un total de 920.000 euros. En concreto, son as subvencións á produción escénica, ás salas privadas, á promoción do talento audiovisual e aos festivais cinematográficos as que abre os seus prazos. Destas, incrementan a súa contía un 16 por cento os apoios aos festivais de cinema, que repartirán un total de 105.000 euros. Manteñen as súas contías as liñas destinadas a apoiar o talento audiovisual, con 145.000 euros, as de produción escénica, que fican con 600.000 e as orientadas a salas escénicas privadas, que repartirán 70.000 euros.. Amplía a nova>>

18/12/2015
O LAV convoca os seus obradoiros para 2016

Ata o vindeiro 31 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para a vindeira edición do LAV de Vedra 2016. A oferta de cursos de formación audiovisual do evento inclúe este ano propostas sobre realización de videoclips, escritura de guión de longametraxe, interpretación para a televisión, creación audiovisual en tempo real, sonorización de eventos, son "do low cost ao cinematográfico", "Kung fu fotográfico" e dirección de actores e actrices. Ademais, e como xa é habitual, haberá tamén actividades para os máis novos de balde. A vindeira edición deste laboratorio audiovisual desenvolverase entre o 13 e o 14 de febreiro.. Amplía a nova>>

14/12/2015
El desconocido acada oito nominacións aos Goya

A película galega El desconocido acadou oito nominacións aos premios Goya 2016. As nominacións corresponden a mellor guión orixinal e mellor interpretación masculina protagonista (Luís Tosar). El desconocido é a opera prima do director monfortino Dani de la Torre e está producida por Vaca Films, entre outros. . Amplía a nova>>

10/12/2015
Nace o web Novo Cinema Galego

Acaba de saír ao público Novo Cinema Galego, un web que quere compilar producións audiovisuais que se afastan dos criterios comerciais e apoiar a investigación desta tendencia creativa. Segundo anuncia, a páxina "ten a prioridade de servir como base de datos e punto de encontro na rede de todas aquelas maneiras de entender o cinema de xeito diferente ao tradicionalmente establecido. Este arquivo pretende dar conta de cineastas e creacións fílmicas incardinadas na Galiza, que teñen como denominador común a disidencia cos procesos institucionalizados do cinema". Ademais de artigos e documentación, no web poden atoparse fichas de máis de cen filmes que se adscriben a este movemento. O proxecto está promovido por Álex Bragaña, Xurxo González, Beli Martínez, Alberte Pagán e Bárbara Primo aínda que se declara aberto a colaboracións. . Amplía a nova>>

09/12/2015
Vigo acolle a segunda edición do festival Con Secuencias

Naceu como unha evolución de Secuencia Cero e agora chega á súa segunda edición. O Festival Con Secuencias ocupa entre o 10 e o 12 de decembro o Auditorio Municipal de Vigo para amosar algunhas das últimas novidades no campo das curtametraxes, os documentais e a animación do panorama estatal. En total serán trinta filmes, cun máximo de 20 minutos de duración, os que fan parte do programa. Ademais, o auditorio acollerá tamén unha videoinstalación do artista Julio J. Jiménez e na noite do día 12 entregaranse os premios Nécora.. Amplía a nova>>

04/12/2015
Trinta persoas participan no wikimaratón do audiovisual galego

A Wikipedia é o principal repositorio de contidos do mundo, e o máis visto. Por iso mesmo, trinta persoas fixeron medrar onte o número de entradas sobre o sector audiovisual galego na wikimaratón organizada pola Galipedia e a Academia Galega do Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra. No traballo práctico, actualizáronse algunhas entradas e iniciáronse outras novas con nomes relacionados co sector audiovisual en Galicia. . Amplía a nova>>

02/12/2015
O documental galego Frankenstein-04155 gañou o público de Cineuropa

Compostela fechaba o pasado domingo 29 as portas de Cineuropa. Feito reconto, o festival deu a coñecer os seus premios. Desta volta foi un filme galego, o documental Frankenstein-04155, dirixido por Aitor Peña e producido por Boneca Lareta, quen levou o Premio do Público. As votacións que realizaron os asistentes outorgáronlle ao filme unha nota de 9,53 sobre dez entre as máis de 300 películas que se puideron ver no festival. Na sección oficial foi a comedia francesa Le Nouveau quen levou o premio, mentres na sección panorama internacional a máis valorada polos asistentes foi El botón de Nácar, cun 8,35.. Amplía a nova>>

25/11/2015
Cinemas de Galicia amplíase a dez concellos

O programa Cinemas de Galicia, que da man da Axencia Galega das Industrias Culturais leva proxeccións audiovisuais a concellos sen salas de cinema, medra na súa terceira edición. Allariz, Celanova, Cedeira, O Grove e Cariño incorporaranse a esta rede destinada, na que repiten os concellos do Carballiño, As Pontes, Foz, Ortigueira e Redondela. Descólganse da proposta, no entanto Sanxenxo e Verín, que estiveran presentes en anteriores edicións. Segundo anunciou esta mesma semana a AGADIC, a iniciativa contará cun novo catálogo de películas "cunha presenza destacada do cinema galego xunto a producións españolas e europeas avaladas pola crítica e por importantes premios e festivais".. Amplía a nova>>

23/11/2015
El comienzo del tiempo é o grande triunfador no OUFF

Premio Carlos Velo ao mellor director, premio do público e premio especial do xurado para o actor protagonista. A película El comienzo del tiempo dirixida por Bernardo Arellano converteuse na grande triunfadora do XX Festival Internacional de Cinema de Ourense que entregaba o pasado sábado os seus galardóns. Faltoulle a Calpurnia á mellor película, que obtivo Techo y Comida, de Juan Miguel del Castillo. Canda a ela, o xurado valorou como mellor interpretación a de Marta Belaustegui en La decisión de Julia e como mellor guión o de Pablo Bardauil para La vida después. O xurado tamén lle outorgou unha mención especial a Hannah Murray por Bridgend.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org