Nace o web Novo Cinema Galego

O proxecto defínese como "arquivo das novas prácticas cinematográficas na Galiza"

Acaba de saír ao público Novo Cinema Galego, un web que quere compilar producións audiovisuais que se afastan dos criterios comerciais e apoiar a investigación desta tendencia creativa. Segundo anuncia, a páxina "ten a prioridade de servir como base de datos e punto de encontro na rede de todas aquelas maneiras de entender o cinema de xeito diferente ao tradicionalmente establecido. Este arquivo pretende dar conta de cineastas e creacións fílmicas incardinadas na Galiza, que teñen como denominador común a disidencia cos procesos institucionalizados do cinema". Ademais de artigos e documentación, no web poden atoparse fichas de máis de cen filmes que se adscriben a este movemento. O proxecto está promovido por Álex Bragaña, Xurxo González, Beli Martínez, Alberte Pagán e Bárbara Primo aínda que se declara aberto a colaboracións.



Como criterios, o web sinala que recollerá aquelas producións con características como "desenvolvemento de modelos de produción que difiren dos parámetros industriais", a "utilización de linguaxes anovadoras que ponderan a experimentación" e a "existencia dun valor máis alá do feito puramente fílmico, que axuda a desenvolver e a potenciar este tipo de cinema na Galiza".