Novas | 1341 a 1350 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

19/12/2016
O I Festival Telearqueoloxía reparte os seus premios

O certame de audiovisual de temática arqueolóxica da Deputación de Pontevedra, Telearqueoloxía, deu a coñecer esta fin de semana os premios da súa primeira edición. Os restos do pasado: unha viaxe pola Lanzada foi o filme que se impuxo na categoría Bifaces desta competición e levou os 3.000 euros do premio. O traballo de José David Gamallo Mouteira fai unha aproximación a este depósito arqueolóxico a ter en conta a importancia comercial da área e a incluír o importante patrimonio inmaterial vencellado á área. Pola súa banda, na categoría Lascas para menores de 18 anos, o traballo gañador foi Castrolandín filme realizado polo alumnado de 1º da ESO do CPI Aurelio Marcelino Rey Gacía de Cuntis foi a gañadora do primeiro premio, dotado con 1.500 euros.. Amplía a nova>>

15/12/2016
A Academia do Audiovisual presenta os Premios de Ensaio Mª Luz Morales

En colaboración coas catro deputacións provinciais a Academia Galega do Audiovisual presentou onte a primeira edición e convocatoria dos Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual. Os premios, que nacen para promover a investigación científica no ámbito audiovisual, contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional. Cada unha das modalidades de traballo estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón . O prazo para a presentación de traballos comeza hoxe e finalizará o vindeiro 7 de maio. No acto de presentación da primeira edición dos premios, participaron os responsábeis das áreas de Cultura das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, Goretti Sanmartín, Xosé Leal e Pilar García, o Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande e o Presidente e a Tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e María Yáñez, directiva da AGA que coordina os premios. Para María Yáñez a convocatoria responde á necesidade "de mirar para esa outra parte do audiovisual e visibilizar a investigación que se está a desenvolver por parte de moita xente que dá moito sen recibir case nada a cambio". Destacou tamén que as bases recollen catro modalidades de traballos, en soporte de ensaio escrito e videoensaio e para audiovisual galego e internacional. "Quixemos aproveitar tamén a propia linguaxe audiovisual para investigar e divulgar", anotou ao tempo que agardou unha participación elevada para confirmar "a hipótese de partida de que hai moitas persoas investigando".. Amplía a nova>>

15/12/2016
Bota a andar Galicia Crime, unha nova webserie humorística

As aventuras da policía de Carballork na súa loita contra a delincuencia protagonizan Galicia Crime. Víctor Grande é o nome detrás desta nova webserie humorística que presentaba onte na rede os seus dous primeiros capítulos, protagonizados polo detective Dowson (Oswaldo Digón) e o sarxento Pillei (Pedro Brandariz). Canda a eles, participan neste proxecto Pepo Suevos, Lucía Veiga e Oscar Cruz. O proxecto prevé completar unha primeira temporada de seis episodios logo de ficado como finalista do premio a Produción de Webserie Galega no festival Carballo Interplay e contar coa colaboración do Concello de Carballo. . Amplía a nova>>

14/12/2016
Alberto Vázquez acada dúas candidaturas nos Goya

Aínda que ficou ás portas do Premio Europeo do Cine, o debuxante e cineasta coruñés Alberto Vázquez opta este ano a levar dous Premio Goya cos seus dous últimos traballos. i>Psiconautas aspira a se facer co galardón a mellor filme de animación, mentres que Decorado compite no recoñecemento ás curtametraxes animadas. Canda a el, a presenza galega nos premios de cinema estatal está composta por Javier Gutiérrez Álvarez, que opta a ser o mellor actor de reparto polo seu traballo en El Olivo, e por Zeltia Montes e a súa composición Muerte, que poden levar o premio á mellor canción. Pola súa banda, a produción María y los demás, da compañía galega Frida Films, pode outorgarlle á catalá Nely Regueira o premio á mellor dirección novel e á madrileña Bárbara Lennie o de actriz protagonista. A compañía Vaca Films tamén ten un espazo nestas candidaturas ao ser unha das produtoras que participan no filme Cien años de perdón, que opta a premios ao mellor guión orixinal e mellor actor revelación. . Amplía a nova>>

12/12/2016
O Festival Internacional de Curtas de Verín reparte os seus galardóns

A primeira edición do Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV, celebrou o pasado sábado a súa gala de clausura outorgando os premios do seu palmarés. A peza documental O Moredo, dirixida por David Vázquez, gañou na categoría dedicada ao Entroido. O Moredo é unha curta documental que pretende dar voz a un ancestral entroido na Ribeira Sacra de Chantada, que resistiu a represión do réxime e a despoboación do rural. Marta larralde acadou o premio á mellor actriz pola súa actuación na curta Restart de Olga Osorio. O premio do Público foi para a cinta do coñecido director Javier Fesser, . A curtametraxe Ulises do vasco Aitor Gutiérrez foi a cinta que máís galardóns recolleu con tres premios ao Mellor Director, Mellor Guión e Mellor Actor. A curtametraxe Diente de León , dirixida e producida por Jorge Bellver gañou na sección de Emigración. . Amplía a nova>>

09/12/2016
Antonio Caeiro aborda nun documental a represión da ditadura sobre a vida íntima

O cineasta documentalista Antonio Caeiro presenta este sábdo o seu vindeiro proxecto audiovisual, o documental Eu tamén necesito amar. o Auditorio do Centro Cultural de Mañufe (Gondomar) acollerá ás 19:30 un acto de presentación deste proxecto que aínda está en fase desenvolvemento a cargo de Ollomol Audiovisual de Gondomar e a Asociación Cultural O Faiado da Memoria de Vilagarcía de Arousa. Antonio Caeiro conta nos eu haber con outras obras documentais como Aillados, A memoria nos tempos do Wolfram ou , nos que xa se achegaba a distintos episodios e circunstancias da época da posguerra e a represión franquista. Neste novo documental o realizador estuda a situación que a represión política, relixiosa e social causaba no máis íntimo da vida das persoas, incidindo no impacto sobre a vida sentimental, romántica e sexual. Para isto o cineasta conta coa participación e testemuña de 17 mulleres que relatan de xeito oral as súas historias persoais. O documental ten prevista a estrea en primavera do ano 2017.. Amplía a nova>>

05/12/2016
Misión cultural galega en Bruxelas

Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego desprazaranse esta semana a Bruxelas para abordar a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base e o patrimonio cultural. Está misión cultural intentará visibilizar a súa situación particular ante representantes da Comisión Europea, que recibirán á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe). As actividades dentro desta misión a Bruxelas comezarán xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, no que baixo o título Europa, capital Galiza, a partir das 18:00 horas, se sucederán diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas, nun evento aberto ao público. Xa o mércores iniciaranse as xornadas de debate e reivindicación no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía.. Amplía a nova>>

30/11/2016
Esmerarte e Zinqin producen as curtas documentais Sesións Persoais para Flooxer

A axencia creativa, de representación e promotora musica Esmerarte, xunto co produtora Zinqin veñen de comezar a produción para a plataforma Flooxer da serie Sesión Persoais: Coñeces ao artista, descubre a persoa, un formato de curtametraxes documentais de achegamento a coñecidos músicos do panorama nacional. As empresas viguesas desenvolveran este produto ante a solicitude da plataforma de Atresmedia para dotar de contidos ao seu novo espazo FlooxMusic . Sesións Persoais é un retrato audiovisual que explora o lado máis íntimo de recoñecidos músicos. Son curtas documentais nas que os espectadores poderán coarse na casa de Iván Ferreiro, sentarse na barra dun bar co rapeiro Kase. O, coñecer as mascotas dos integrantes de Lori Meyers. Todo isto mentres a cámara segue os detalles do cotián que conforman as súas rutinas diarias. As dúas empresas viguesas xa fixeran desde o ano 2009 por iniciativa propia e fins promocionais unha serie de 60 vídeos chamada Sesións Lixeiras, colocando a artistas a tocar en directo en contextos atípicos lonxe de escenarios e gravados nunha única toma dun xeito o máis natural posible . O éxito deste formato levou á plataforma Flooxer a solicitar das empresas galegas algunhas daquelas Sesión Lixeiras para engadilas e ademais encargáronlles a produción desta nova serie de contidos .. Amplía a nova>>

30/11/2016
A iniciativa Youtubeir@s busca encher a rede de vídeos en galego

Un concurso para incrementar a presenza de vídeos en galego na rede. Esta é a base do proxecto Youtubeir@s, que se presentaba onte ao público da man de once concellos en colaboración coas tres universidades. A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove son os municipios que promoven esta iniciativa, que outorgará un premio de mil euros e catro mencións de quiñentos aos mellores vídeos que se inscriban entre o 1 de decembro e o 28 de abril. Os interesados en participar só teñen que ser maiores de catorce anos e inscribir os seus traballos na categoría "vídeo-facermos", destinada a titoriais en formato audiovisual, ou "vídeo-opinarmos", na que se poden expor valoracións e ideas, cun máximo de 5 minutos de duración e sempre en galego. O proxecto complétase con obradoiros de videocreación teóricos e prácticos que a produtora Illa Bufarda impartirá en concellos e entidades que o soliciten. . Amplía a nova>>

28/11/2016
Mimosas de Oliver Laxe gaña a Pirámide de Ouro no festival do Cairo

O filme Mimosas de Oliver Laxe segue recollendo premios e recoñecementos. Nesta ocasión ven de acadar o máximo galardón do Festival Internacional de Cine do Cairo, a Pirámide de Ouro á mellor película. Ademais o seu protagonistas Shakib ben Omar tamén foi premiado como o mellor actor polo xurado do certame. Mimosas é unha coproducción da galega Zeitun Films, a marroquí La Prod e a francesa Rouge International, e conta a historia dunha caravana que percorre o Atlas para acompañar a un ancián xeque que regresa á súa terra natal para morrer . O filme enténdese como unha viaxe espiritual pero tamén como unha aventura física polos agresivos paraxes . A Pirámide de Ouro engádese así ao palmares que o realizador coruñés xa ten acadado como o Premio da Semana da Crítica de Cannes i é unha das cincuenta producións que optan a ser recoñecidas nas diferentes categorías dos Premios do Cinema Europeo. A vindeira película do realizador, en fase desenvolvemento será Aquilo que arde”, de Miramemira Producións,unha ficción proposta na coma un falso documental,que xorde da atracción do director pola figura dun pirómano . . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org