Novas | 1351 a 1360 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

25/11/2016
Estréase Sicixia en 26 cines de toda Galicia

Sicixia, a película do directo ourensán Ignacio Vilar protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado, chega hoxe ao circuíto comercial de salas de proxección. Tras o seu paso por varios festivais, o último deles o Festival Internacional de Cine de Gijón (FICX) onde foi a única película española en participar da Sección Oficial, desde hoxe poderá verse en 26 cines de todo o país así como tamén en cines de Madrid, en salas de Catalunya, Xixón e Valencia onde se ofrecerá en versión subtitulada ao español. A nova película de Ignacio Vilar (Petín, 1951) realizador dos filmes A esmorga , Pradolongo ou Vilamor entre outros, conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras), un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla (Marta Lado), que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes. Sicixia concorre na vindeira edición dos Premios Goya de cinematografía con 15 categorías. A saída ao circuíto comercial está apoiada con abondosa cartelería e publiciade exterior ademais dunha campaña promocional que se levou a cabo na cadea de supermercados GADIS. . Amplía a nova>>

24/11/2016
A Xunta falla os premios Xuventude Crea

O vindeiro 3 de decembro a Cidade da Cultura acollerá o acto de entrega do Certame Galego de Creadores Novos Xuventude Crea 2016. Será un acto multitudinario, xa que se conta coa participación dos 51 gañadores que levaron algún dos galardóns das 12 modalidades da convocatoria, que son teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e banda deseñada. Cabaret Salomé de GN Teatro foi a vencedora no apartado de artes escénicas, mentres nas plásticas se impuxo Isabel Pazos Pose, coa obra pictórica John Nash. A nivel fotográfico, o xurado seleccinou dos gañadores, e Aitor Víctor Fernández Marcos, coa obra O aniversario e Fátima Seijo Martínez, con Cristálida comparten o galardón. Do mesmo xeito, na competición musical hai dous gañadores, Oîma cos temas Círculo da preguiza e Maraca, e Lucía da Fonte con Vida erradía e O absurdo. . Amplía a nova>>

22/11/2016
Falece a actriz Dorotea Bárcena

A pasada noite falecía, aos 72 anos de idade, a actriz Dorotea Bárcena. Coñecida polo grande público polas súas participacións televisivas en programas como O show dos Tonechos, onde interpretaba a Amadora, desenvolveu unha intensa carreira tanto teatral como audiovisual, que lle valeu facerse cun premio honorífico María Casares en 2006 e a levou mesmo a dirixir en 1988 o Centro Drmático Galego, entidade coa que participou en diferentes producións. No seu currículo atópanse fitos como a súa colaboración na posta en marcha de Esperpento Teatro Xove nos anos setenta, de Teatro da Lúa no 87 ou o seu labor como directora en producións como Follas Novas ou Las bicicletas. Como actriz traballou en proxectos como Martes de Carnaval, co Centro Dramático Nacional, os filmes Divinas palabras, Os mortos van á presa ou Lobos de arga e multitude de montaxes teatrais con títulos como Agasallo de sombras de Vidal Bolaño ou Xelmírez ou a Gloria de Compostela, de Daniel Cortezón. O tanatorio compostelán de Boisaca acolle ao longo do día de hoxe os seus restos mortais.. Amplía a nova>>

22/11/2016
A XXVI Semana de Cine Submarino homenaxeará o mergullador Alexis Macía

Un ano máis, e van vinte e seis, Vigo acolle unha nova edición da Semana de Cine Submarino. O Teatro Afundación acolle a partir de mañá, mércores 26 de novembro, as proxeccións deste ciclo, que nesta xeira homenaxea o mergullador olívico Alexis Macía, falecido o pasado mes de abril, coa proxección o xoves 24 do filme Solopecios: memoria mergullada. O programa achega un total de sete producións de diferentes países, entre elas os traballos Espejo líquido, su última obra e La Palma: La isla azul do canario Rafael Herrero. Un documental sobre os tiburóns e outro sobre os chocos da enseada de San Simón abren a programación o día 23, mentres o 25 un traballo sobre o peixe remo xigante e outro sobre os arrecifes de Nova Caledonia fecharán o evento.. Amplía a nova>>

21/11/2016
Cineuropa e a AAAG únense para a lembrar a María Casares

A recuperación da memoria persoal e artística de María Casares é o obxectivo das actividades que esta semana impulsa a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en colaboración con Cineuropa e que contarán coa colaboración da Deputación da Coruña e da CRTVE. Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, xunto ao director de Cineuropa, José Luis Losa; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín presentaron hoxe o ciclo Vinte anos sen María Casares, que consistirá en diversas actividades e proxeccións dentro do festival cinematográfico. A proxección da entrevista que fixo en 1981 Joaquín Soler Serrano para o programa de RTVE abrirá os actos mañá no Salón Teatro de Santiago para a continuación proxectar a película de Jean Cocteau O testamento de Orfeo (1960) . Unha mesa redonda afondará despois sobre a actriz a cargo da propia Mabel Rivera que estará acompañada por María Lopo, investigadora e biógrafa de María Casares; Sabela Hermida, actriz e investigadora na figura de María Casares e José Luis Castro de Paz, profesor de USC e historiador do Cine. Na seguinte xornada proxectarase a película Les enfants du Paradis, de Marcel Carné (1945). O ciclo complétase ao longo da semana na Radio Galega con unha colaboración entre a AAAG e o programa Diario Cultural, no que se reproducirán fragmentos da entrevista concedida por Casares á TVG en 1995 e poemas que sempre acompañaron á actriz no seu exilio, lidos na voz de actrices como Isabel Naveira, María Mera, Sabela Gago ou Diana González. Todas as sesións son de balde.. Amplía a nova>>

21/11/2016
O Premios da Crítica recoñecen a María do Cebreiro, a Uxía e a Alberte Pagán

Os xurados dos Premios da Crítica de Galicia deron a coñecer este sábado o ditame da XXXIX xeira destes galardóns nas súas diferentes modalidades. Nesta ocasión, María do Cebreiro foi a seleccionada no apartdo de creación literaria polo seu traballo O deserto que editou Apiario. O xurado destacou que "a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética". Canda a ela, recibiu o premio na categoría de música Uxía, en recoñecemento á "súa condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía e de divulgadora da poesía galega, especialmente no eido infantil". Alberte Pagán foi o homenaxeado no ámbito audiovisual, a recoñecer "a súa condición de cineasta total, así como a integridade e coherencia no seu traballo tanto intelectual como artístico". . Amplía a nova>>

15/11/2016
Unha webserie galega resulta premiada no Festival de Nova York

Idiotas a webserie baseada na mediometraxe do mesmo título, acaba de resultar premiada no NYC Web Fest de Nova York. O traballo do pontevedrés Fran Estévez levou o galardón á mellor serie en lingua estranxeira neste evento internacional. A produción era tamén candidata ao premio á mellor dirección, ao de logro excepcional e ao de mellor fotografía. Pola súa banda, outro film de director galego, Mimosas, de Óliver Laxe, acaba de sumar dous novos premios ao seu palmarés. A produción foi galardoada a pasada fin de semana co Premio Especial do Xurado e coa Mención Especial do Xurado a Son e Montaxe na XIII edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla.. Amplía a nova>>

09/11/2016
Adxudicadas as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

Dez produtoras galegas repartiranse 185.000 euros segundo a resolución das subvencións de 2016 para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais outorgadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) . Cinco longametraxes de ficción en imaxe real, unha de animación e outra documental, ademais de dúas miniseries televisivas de ficción e unha terceira de animación serán os proxectos aos que chegue esta liña de axudas de apoio ás fesa de preprodución. As contías adxudicadas en cada caso destinaranse á adquisición de dereitos de autor, desenvolvemento de guións, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización de materiais promocionais, contratación de plans de márketing e participación en mercados e foros de coprodución e desenvolvemento de proxectos, así como en gastos de persoal e de Seguridade Social dos guionistas e/ou directores, entre outros.. Amplía a nova>>

04/11/2016
Como me da la gana II gaña o premio ao mellor filme no 21 OUFF

A organización do XXI Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF) acaba de facer público esta mañá o palmarés desta edición. O xurado da Competición Iberoamericana, formado por Miriam Reyes Cárcamo García, Luis López Carrasco e Manuel Antonio Yáñez Murillo, acordou outorgarlle a Calpurnia á mellor película a Como me da la gana II, de Ignacio Agüero, "por explorar o sentido íntimo e ao mesmo tempo universal da expresión cinematográfica" e mais "por reivindicar o valor do interrogante e o extravío na creación e a reflexión ao redor das imaxes". Ademais deste galardón, dotado con 8.000 euros, Gustavo Fontán fíxose cos 3.000 do premio Carlos Velo ao Mellor Director polo seu traballo en El limonero real. As mellores interpretacións, tanto feminina como masculina foron para os protagonistas de Días extraños, Luna Acosta e Juan Lugo Quebrada. . Amplía a nova>>

03/11/2016
Todo listo para festexar o 30 aniversario de Cineuropa

O mes de novembro está marcado no calendario cinéfilo galego desde hai trinta anos con esta mostra de cine non competitiva que dá exhibición este ano a máis de 200 filmes nunha programación que busca a relevancia e non fuxe da controversia mais si da compracencia, apostando de novo polo risco de moitos filmes afastados dos circuítos comerciais, mesmo sendo obras premiadas noutros certames ao longo do ano. Así leva o festival compostelán trinta anos e en palabras do seu director José Luís Losa, mantén unha coherencia que fai que se publicite só ante o público -que é o que o mantén vivo co seu apoio que agradeceu- e que consiga un baremo alto de valoración entre as distribuidoras no marco dos festivais sen competición. Acompañado do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, Losa desvelou hoxe as principais características da edición deste ano que comezará o vindeiro día 8 e seguirá ata o 27 de novembro. A concelleira cifrou en 250.000 euros máis IVE o orzamento desta edición e destacou o traballo feito coa web do evento, que recolle os programas das anteriores edicións, conformando un repositorio da memoria do festival e tamén o esforzo informativo en redes sociais e na canle habilitada no servizo Telegram.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org