Novas | 1331 a 1340 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

18/01/2017
O Clúster Audiovisual renova a súa directiva

A asemblea do Clúster Audiovisual de Galicia (Clag) que se celebrou onte en Compostela renovou a directiva desta entidade. Jorge Algora, de Adiviña Producións, foi escolleito como novo presidente, e estará acompañado na nova andaina por Miguel Conde (Congo Producciones), Alfredo Alemparte (Setemedia Producciones Audiovisuales) e Juan de Dios Serrano (Agallas Films) como vicepresidentes, actuando este último tamén como tesoureiro. Mar Varela será a secretaria xerente do Clúster, mentres os vogais serán Ramón Basanta, Aquilino Abeal, Margarita Soilán e Manuel Sanmartín. Na súa toma de posesión, algora anunciou que pretende manter os proxectos estrela do Clag, como o pitching I+P, Ideas para producir, e completar as liñas pendentes do plan estratéxico. . Amplía a nova>>

16/01/2017
Unha curta galega é recoñecida polo público do Pequefilmes

A primeira edición de Pequefilmes, o festival de curtametraxes para público infantil que acolleu esta fin de semana a Cidade da Cultura, ten xa gañadores. Os asistentes seleccionaron dúas producións, unha delas galega, como as súas favoritas. Deste xeito, na categoría de público de entre 5 e 8 anos, as votacións escolleron Cuerdas, o traballo co que Pedro Solís levou o Goya 2014 á mellor Curta de Animación nos Goya, como mellor traballo. Pola súa banda, os asistentes de entre 9 e 13 anos recoñeceron cos seus votos o labor da coruñesa Olga Osorio co filme Einstein-Rosen, rodada no herculino Barrio das Flores. A Consellaría de Cultura cifra en 1.500 os participantes nesta actividade, que puideron ver un total de 52 producións de diferentes países.. Amplía a nova>>

13/01/2017
Increméntanse os candidatos aos Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer onte a listaxe de candidatos aos Premios Mestre Mateo. Nesta ocasión medra a participación, que chega a 176 obras obras aspirantes, nas cales hai 5 longametraxes, 25 documentais, 10 series de televisión, 9 series web, 32 programas de televisión, 31 curtametraxes de imaxe real, 8 curtas de animación, 20 anuncios publicitarios e 36 videoclips. En total, traballos de 171 produtoras e unha listaxe de 498 profesionais teñen opcións para se facer co premio dalgunha das 25 categorías. Comeza agora o proceso de votación por parte dos membros da Academia, que seleccionarán 4 finalistas por categoría e que se darán a coñecer o vindeiro mes de febreiro. Amplía a nova>>

13/01/2017
A Cidade da Cultura acolle o seu primeiro festival de curtas para público infantil

Un total de 40 curtametraxes para espectadores de entre 5 e 12 anos compoñen o programa da primeira edición de Pequefilmes. A Cidade da Cultura acolle estes días 14 e 15 de xaneiro este festival cinematográfico orientado ao público familiar, que inclúe producións recoñecidas a nivel internacional como Me and my Moulton, nominada aos Oscar 2015; Juan y la Nube, Goya á Mellor Curta Animada; The empty, Gran Premio en Hiroshima e Seúl; Trial & Error, Platinum Remi Award no World Fest de Houston; ou Pawo, Mellor Película Infantil en Brasilia Animation Festival 2015. O programa inclúe ademais catro obradoiros para coñecer por dentro a sétima arte. Stop motion en cartolina e en plastilina, mesa de luz e sonorización son as distintas propostas formativas do evento. Ademais, os asistentes poderán escoller por votación o premio ao mellor filme.. Amplía a nova>>

04/01/2017
Chega ás salas Mimosas de Óliver Laxe

O teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle ás 20:30 horas de hoxe a preestrea de Mimosas. A premiada longametraxe de Óliver Laxe chega ás salas esta semana, e terá a súa posta de longo na compostelá sala Numax, cooperativa que se encarga da distribución da fita. O propio director presentará o seu traballo e participará nun coloquio na sesión de estrea, mañá ás 18 horas, e estará tamén presente no pase previsto para as 20:30. Laxe tamén impartirá o vindeiro día 14 no mesmo local unha aula na que afondará no percorrido creativo que deu pé ao filme.. Amplía a nova>>

28/12/2016
Convocadas as subvencións para festivais audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo públicas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das súas subvencións a festivais do sector audiovisual, para as que en 2017 reserva un orzamento de 115.000 euros. Esta cifra supón un aumento de 10.000 euros na súa dotación respecto a 2016, polo que se mantén unha liña ascendente por segundo ano xa que na convocatoria de 2015 a dotación era de 90.000 euros. Entre os requisitos para optar ás subvencións, que manteñen o prazo de presentación aberto desde hoxe e ata o 26 de xaneiro, están que estes festivais teñan lugar entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017, posúan unha duración mínima de 4 xornadas con polo menos 20 proxeccións e teñan realizado tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un 5% de títulos ou cinco sesións de filmes producidos en Galicia ou dirixidos por profesionais galegos. Este é o cuarto ano que está activa esta liña de apoio que beneficiou este ano 2016 a Play-Doc de Tui, o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Santiago de Compostela, o Festival de Cans, a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, o Festival Internacional de Curtas FIC-Bueu e o FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña.. Amplía a nova>>

27/12/2016
Vigo recupera a memoria de Antía Cal no documental A palabra xusta

Onte estreouse no cine Salesianos de Vigo o documental A palabra xusta, un documental dirixido por Miguel Piñeiro e producido por Atlantis Multimedia sobre a profesora Antía Cal. Figura destacada da renovación pedagóxica e do galeguismo na posguerra, Antía Cal aínda vive aos seus máis de noventa anos e dialoga, neste documental, coa vella casa familiar de Muras, as montañas do Xistral e a natureza que a rodea. Memoria, reflexións vitais e ritmo pausado para descubrir o papel de Antía Cal na educación da posguerra galega. O documental proxectouse onte en Vigo e hoxe martes 27 tamén se proxecta, no cine Salesianos, en dous pases: ás 18.30 e ás 20.30 horas. . Amplía a nova>>

26/12/2016
Agadic abre hoxe as solicitudes para dúas liñas de subvencións culturais

Hoxe ábrese o prazo de solicitude para acollerse a dúas liñas do programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao sector para 2017, que estará aberto ata o 25 de xaneiro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba o pasado día 23 as bases das axudas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e á actividade das salas privadas de artes escénicas. A Agadic mantén a dotación de 145.000 euros destinada ás subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. Establécense tamén as mesmas modalidades que en anos anteriores para apoiar 13 novas propostas en versión orixinal galega. Así, 25.000 euros resérvanse para impulsar a escrita de cinco guións, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longametraxes por directores noveis. En canto ás subvencións para a actividade e o funcionamento das salas de artes escénicas de titularidade privada, resérvase a mesma partida orzamentaria de 70.000 euros que o ano pasado, co límite de concesión de 30.000 euros por cada entidade beneficiaria e ata o 50 por cento do orzamento do proxecto presentado.. Amplía a nova>>

21/12/2016
A Academia do Audiovisual presenta unha base de datos de festivais

A Academia Galega do Audiovisual ven de presentar no seu sitio web a base de datos con tódalas mostras de audiovisual e festivais que se celebran en Galicia para dar a coñecer ao público tódalas convocatorias festivaleiras de cine,curtametraxe e audiovisual existentes no país. Trinta e seis eventos de audiovisual de carácter xeralistas ou por xéneros e formatos diferentes aparecen nesta base de datos organizada por meses. O directorio, resultado das reunións mantidas entre festivais e a Academia durante 2015 e da que naceu a Coordinadora de Festivais de Cine de Galicia, recolle os nomes, datas, imaxe e enderezo de contacto dos mesmos.Na exhaustiva recompilación podemos atopar desde as citas máis canónicas e evidentes como o Festival de Cine Internacional de Ourense, Festival de Cans ou Cineuropa ata outras de recente creación como o Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico, pasando polas especializadas como o Festival de Cinema Fantástico da Coruña ou Chanfaina´Lab entre outros moitos. O recurso é público para libre consulta.. Amplía a nova>>

20/12/2016
A CRTVG contratará 31,9 millóns de euros ao sector audiovisual

A Compañía da Radio e Televisión de Galicia abordará como principal reto para 2017 a posta en marcha dun sistema de produción dixital que facilitará o desenvolvemento de contidos "multiplataforma, multimedia e multicanle". Así o aseguraba onte o director desta entidade, Alfonso Sánchez Izquierdo, na súa comparecencia ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia. Para o vindeiro ano a compañía contará cun total de 104,7 millóns de euros, 2,5 máis do que no pasado exercicio, dos cales, segundo asegurou o director "máis do 90% reverte directamente nos traballadores/as e na industria audiovisual galego". Nese mesmo sentido, lembrou que un terzo do orzamento total, 31,9 millóns de euros se destinarán a contratacións directas a empresas do sector. De cara a 2017 anunciou tamén un reforzo dos contidos dispoñibles no web da compañía e unha melloría na oferta xeral dos medios públicos.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org