O Clúster Audiovisual renova a súa directiva

Jorge Algora toma a presidencia coa intención de executar o plan estratéxico da entidade

A asemblea do Clúster Audiovisual de Galicia (Clag) que se celebrou onte en Compostela renovou a directiva desta entidade. Jorge Algora, de Adiviña Producións, foi escolleito como novo presidente, e estará acompañado na nova andaina por Miguel Conde (Congo Producciones), Alfredo Alemparte (Setemedia Producciones Audiovisuales) e Juan de Dios Serrano (Agallas Films) como vicepresidentes, actuando este último tamén como tesoureiro. Mar Varela será a secretaria xerente do Clúster, mentres os vogais serán Ramón Basanta, Aquilino Abeal, Margarita Soilán e Manuel Sanmartín. Na súa toma de posesión, algora anunciou que pretende manter os proxectos estrela do Clag, como o pitching I+P, Ideas para producir, e completar as liñas pendentes do plan estratéxico.

Incrementar o diálogo no seo do sector, con vistas ao estruturar como unha "industria 4.0", promover proxectos tractores nos eidos da produción e da innovación, crear unha rede de empresas amigas do audiovisual ou xerar coas universidades e escolas de formación audiovisual un plan para integrar os novos profesionais son algunhas das liñas nas que pretende traballar.