Novas | 1321 a 1330 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

14/02/2017
A rede Cultura da Deputación coruñesa espallará o cine galego

A Rede Cultural da Deputación da Coruña inclúe entre as súas novidades un programa de cinema e contidos audiovisuais co nome de Visións destinado á programación dos concellos. Cada concello poderá solicitar un máximo de 8 proxeccións, das que como mínimo a metade deberán ser de produción propia galega. "Visións nace co fin de contribuír de maneira decidida a que a produción audiovisual galega, de gran calidade, chegue ao público. Un dos problemas do sector son as dificultades de distribución e, desta maneira, quixemos que a Rede Cultural incluíse o apoio á difusión do audiovisual galego", explicou a responsable da Área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei. "Con este novo programa queremos contribuír á difusión dun novo audiovisual galego que agromou naqueles anos tan frutíferos da Axencia Audiovisual Galega, flocos.Tv e, en especial, ás axudas ao talento que están na orixe de boa parte das producións dos novos e as novas creadoras do sector", engadiu Sanmartín.. Amplía a nova>>

10/02/2017
Todas as redes de espectáculos da AGADIC aumentaron en público no 2016

Na súa comparecencia ante a Comisión de Cultura do parlamento, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, expuxo este xoves o balance das redes dependentes do seu organismo no pasado 2016 e que no pasado mes xa foron presentando publicamente as súas novas programacións para 2017. Os datos presentados por Sutil ante os representantes políticos sobre as redes de Música ao Vivo, Teatros e Auditorios, rede de Salas e ciclo Cultura no Camiño, amosan un significativo aumento do público asistente ao conxunto destas programacións. Así ocorreu na Rede Galega de Salas, que malia a desenvolver en 2016 tres funcións menos que o ano anterior nos cinco espazos membros, medrou porén un 22 por cento na súa afluencia de asistentes, chegando ás 4.202 entradas, segundo Sutil. Tamén na Rede Galega de Música ao Vivo, o director da Agadic comunicou que o número de espectadores incrementouse nun 16 por cento, ata conseguir a cifra de 12.645. No caso da rede Galega de Teatros e Auditorios tamén hai unha evolución á alza no número de espectadores que gozan desta carteleira, xa que dos 55.650 de 2013 se pasou os 84.193 en 2016, o que, tomando só como referencia o incremento interanual 15-16 supón un aumento do 13 por cento. No tocante ao ciclo Cultura no Camiño o director da axencia recordou que hoxe, día 10 de febreiro, abre o prazo para que tanto as formacións de calquera modalidade artística (teatro, danza, maxia, novo circo, narración oral, música de todos os estilos...), así como os concellos interesados poidan inscribirse na que será a edición de 2017 de ‘Cultura no Camiño’, a desenvolver entre o 15 de abril e o 30 de setembro.. Amplía a nova>>

09/02/2017
Quiosco: Papeis da Academia Galega do Audiovisual

Está xa na rede a nova entrega dos Papeis da Academia Galega do Audiovisual. O anuario desta entidade opta nesta ocasión por un formato multimedia, no que predomina o vídeo. Entre os contidos, destaca unha reportaxe sobre a situación laboral das actrices e dos actores galegos que recolle entrevistas a dez intérpretes de diferentes xeracións. Canda a isto, a sección Músicas da Academia achega unha ampla entrevista ao compositor Manuel Riveiro, acompañada por unha selección dos seus traballos. Ademais, a publicación fai un repaso polas actividades que ten previstas a Academia para 2017 e achega un artigo de Diego Lamas sobre diversidade funcional e novas tecnoloxías da imaxe.. Amplía a nova>>

08/02/2017
Cine mudo e música en directo no ciclo Cineconcertos do Teatro Jofre

O teatro Jofre de Ferrol acollerá un novo ciclo no que mesturará o cine e a música dun xeito pouco habitual. Os Cineconcertos, que comezarán o vindeiro sábado 11 de febreiro, ofrecerán tres proxeccións de clásicos do cine mudo con música interpretada en directo polos seus propios compositores, músicos experimentados e de sona nas súas respectivas escenas musicais moi vencelladas ao jazz. A banda de jazz-rock e rock progresivo Pegasus serán os que abran o ciclo coa banda sonora creada para o filme Berlín, sinfonía dunha gran cidade (Walter Ruttman, 1927) a mítica banda formada orixinariamente en 1981, replantexaron técnica e artisticamente esta banda sonora en directo, que xa presentaran orixinariamente en 1986 por encarga dos directores da Setmana Internacional de Cinema de Barcelona. Haberá que agardar un mes ata a seguinte xornada do ciclo, e o 11 de marzo, cando o pianista e compositor Jordi Sabatés interpretará en directo a banda musical que creou para a película Sherlock Jr. (1924) de Buster Keaton, título que se coñeceu en España como O moderno Sherlock Holmes. Sabatés conta cunha carreira de máis de corenta anos ás súas costas na que combinou propostas musicais de todos os tipos de xéneros e estilos, do jazz ao rock pasando pola canción, o lied, cancións sobre textos dos trobadores provenzais, a música de cámara e a sinfónica. O ciclo terminará o 28 de abril coa proxección da película The kid, de Charles Chaplin, 1921) co acompañamento musical agrupación instrumental formada en Vigo en 2013, Caspervek Trio. A formación clásica dos compoñentes do grupo e a utilización de recursos do jazz, o minimalismo, a música electrónica ou o folk, conforman a paisaxe sonora deste trío.. Amplía a nova>>

07/02/2017
A comedia María y los Demás acada trece candidaturas nos Mestre Mateo

Os actores María Vázquez e Federico Pérez abriron hoxe os sobres cos nomes dos candidatos finalistas nos 25 galardóns Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual as producións, traballos técnicos e intérpretes do audiovisual. A longametraxe Maria y los Demás , unha coprodución de Frida Films – Avalon – TVG- Movistar Plus – TVE, acadou o meirande número de candidaturas, trece en total para esta comedia, entre elas a de Mellor Longametraxe, Dirección (Nely Reguera), Interpretación Feminina protagonista (Bárbara Lennie) e de Reparto (María Vázquez). A serie da TVG Dalia, a modista seguiuna en candidaturas con 12, incluíndo a de Mellor Protagonista feminina (María Mera) e de Reparto (Covadonga Berdiñas) así como a Interpretación Masculina de Reparto (Xoán Forneas) e a Dirección a cargo de Giselle Llanio. A longametraxe Cen anos de perdón, de Vaca Films acadou 8 candidaturas, igual que a serie Serramoura. A película Mimosas de Óliver Laxe, Premio da Crítica en Cannes, optará a cinco estatuíñas, Mellor Longametraxe, Dirección, Guión, Dirección de Produción e Son.. Amplía a nova>>

06/02/2017
O coruñés Alberto Vázquez copa os premios Goya á animación

A gala dos Premios Goya, que se celebrou en Madrid o pasado sábado, deixou unha excelente colleita para o noso país, co coruñés Alberto Vázquez como protagonista. Psiconautas, codirixido e coguionizado polo galego e baseado nunha banda deseñada da súa autoría, fíxose co premio ao mellor filme de animación. En paralelo, Decorado, tamén dirixida por Vázquez, obtivo o galardón na categoría de mellor curta de animación, de xeito que estes traballos fixeron pleno nas categorías ás que aspiraban. O resto de candidatos galegos, Javier Gutiérrez, Zeltia Montes e o filme María y los demás ficaron sen galardón. . Amplía a nova>>

03/02/2017
O LAV conmemora dez anos con xantar, música e cinema

A Asociación Senunpeso, que organiza o LAV, Laboratorio Audiovisual de Vedra, quere conmemorar os dez anos desta iniciativa cunha celebración especial. Así, unha festa e un concerto súmanse ao programa de obradoiros, que nesta ocasión achega un total de 12 propostas formativas. Cuestións como radio para maiores, introdución á holografía, luz escénica, edición de vídeo para principiantes ou timelapse son algunhas das que achega esta xeira. Os actos de celebración concéntranse nunha cea que se desenvolverá o día 18 e nun concerto na mesma noite que contará con Brinkadelia Troupe e DJ Furia de Timotei. Na véspera, o Rebobina LAV amosará unha selección dos traballos audiovisuais que se desenvolveron ao longo da década de existencia desta iniciativa. A organización convida a participar nestas actividades a todas as persoas que teñan pasado polo LAV desde o seu nacemento.. Amplía a nova>>

02/02/2017
O audiovisual ten nova imaxe para a promoción exterior

A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá a nova imaxe dos programas de internacionalización para a industria audiovisual Films from Galicia e Shorts from Galicia. As dúas marcas contan ademais con novos catálogos e vídeos promocionais. Nesta ocasión Films from Galicia recolle un total de 70 títulos de cinema e de televisión, 12 máis que no pasado ano, ademais de promover Galicia como escenario de rodaxe. Pola súa banda, Shorts from Galicia achegará a mercados especializados seis curtametraxes do país. Jacobo Sutil, director de AGADIC, anunciou que a actividade promocional chegará este ano a oito citas internacionais, unha máis que no pasado ano. . Amplía a nova>>

27/01/2017
Morre Antonio Docampo, pioneiro do cine galego

Antonio Docampo foi un pioneiro do cine galego, que finou onte na Coruña. Autor dunha prolífica filmografía centrada en Galicia, é autor da obra El Andamio, que retrata o ambiente obreiro galego na posguerra, He matado a un hombre, en 1965, ou La Gaita Gallega e Así es Galicia. O autor foi incinerado hoxe na Coruña.. Amplía a nova>>

19/01/2017
Un realizador coruñes asina o novo vídeo dos californianos Greenday

Desde o pasado luns xa está na plataforma You Tube o máis recente videoclip oficial da banda californiana Green Day, Troubled times, que xa leva por riba do millón de visualizacións. O realizador coruñés Manu Viqueira, un traballador autónomo do gremio audiovisual especializado en animación gráfica multimedia en movimiento e infografía aplicada á narrativa (motion graphics) e postprodución, é o que está detrás de toda a parte gráfica deste audiovisual de alcance global. Segundo o realizador coruñés declarou a diversos medios estes días, foi grazas a que o supervisor de videoclips da discográfica Warner, David Sarno, viu o seu catálogo profesional de traballos na plataforma Vimeo, que o executivo americano contactou con el por correo electrónico o pasado mes de outubro para proponerlle facer este traballo para a mundialmente coñecida banda de punk rock. Os californianos buscaban un determinado efecto de protesta social para este tema moi enfocado á súa oposición frontal ás políticas do novo presidente electo dos EE.UU. e quixeron que fose co estilo que Viqueira xa deixaba ver no seu catálogo. O vídeo contén numerosas alusións á historia da loita polos dereitos civíse numerosas advertencias sobre problemas sociais actuais e perda de liberdade cun ton combativo no que o discurso visual proposto por Viqueira encaixa á perfección.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org