Novas | 1311 a 1320 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

20/03/2017
Dous traballos audiovisuais recuperan cadanseu Entroido tradicional

Danza de Entroido do Ulla e O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao son dous lanzamentos audiovisuais recentes que apostan pola sétima arte para documentar e explicar cadansúa festa tradicional. José María Cebeiro e Xosé Francisco Noia asinan o primeiro destes traballos, un libro-DVD que recupera unha danza desaparecida desde hai preto de noventa anos e posiblemente anterior aos Xenerais típicos da festa nesta zona. Os dous autores recolleron e recrearon as formas desta danza e documentáronos coa intención de facilitar a súa recuperación e reprodución en toda a comarca. . Amplía a nova>>

16/03/2017
Só catro festivais audiovisuais recibirán axudas da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) daba a coñecer onte a resolución das súas axudas a festivais audiovisuais. Malia ao incremento de fondos que recibiu esta partida serán só catro eventos, dous menos que na na última convocatoria, os que recibirán apoio público para a súa celebración. O festival de documentais Play-Doc de Tui, Play-Doc, o coruñés(S8), FICBueu e as Xociviga do Carballiño repartirán 81.561 dos 115.000 con que contaba a convocatoria. Fican fóra, a respecto do pasado ano, o festival de Cans e Freakemacine. Segundo sinala a Agadic "achégase o total das contías solicitadas por todas as mostras que se presentaron a estas axudas no tempo e na forma que se establecían nas bases".. Amplía a nova>>

15/03/2017
Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree 2017 do festival de Cans

Xa hai galardóns de honra e recoñecemento outorgados para a XIVª edición deste ano do festival de audiovisual de Cans, que se celebrará entre o 24 e ao 27 de maio. Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree 2017 "polo seu compromiso coa sociedade, a cultura do país e por ser imprescindible no panorama audiovisual galego actual". A asemblea da Asociación Arela decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2017, o seu máximo galardón honorífico, ao actor Miguel de Lira (Lira, 1964), que conta cunha filmografía de máis de vinte filmes. A organización lembra que De Lira foi intérprete e ás veces tamén cómplice de filmes de éxito e representativos do cinema galego recente como "Galatasaray-Depor" de Hannes Stohr, "A esmorga" de Ignacio Vilar, "Os Fenómenos" de Alfonso Zarauza, "Somos gente honrada" de Alejandro Marzoa ou "Crebinsky" de Enrique Otero, película pola que recibiu o premio ao mellor actor protagonista nos Mestre Mateo 2010. Pero, ademais da súa traxectoria en longametraxes, Miguel de Lira é un actor versátil, que ten traballado en curtas, na televisión e no teatro. Fiel seguidor e difusor do Festival de Cans desde a primeira edición, lembran, "Cans quere contribuír deste xeito a recoñecer o traballo dun actor que consideramos imprescindible no panorama do audiovisual galego actual".. Amplía a nova>>

14/03/2017
O novo cine galego volve a Sarria

Por segundo ano consecutivo a localidade lucense de Sarria acolle os novos valores creativos do cine galego. O formato reduciuse de tres días a un respecto ao pasado ano e taméns proxeccións. O vindeiro sábado 18 de marzo celebrarase a 2ª Escolma de Cine Galego e proxectaranse algunhas das produción recentes máis aclamadas e celebradas do audiovisual feito por novos creadores. E estarán complementadas con coloquios con algúns destes realizadores. O documental Os días afogados abrirá a xornada no local da Sociedad Cultura La Unión, tras do cal haberá unha conversa con Luis Avilés Baquero, Cesar Souto Vilanova e Ivan Patiño Alvarez. Nesta obra que conta cun extenso palmarés de galardóns en festivais e e certames narran con material de arquivo os últimos días dunha aldea que quedou baixo as augas pola construción dun encoro no ano 92. Seguirálle outro documental, o que asina Alfonso Zarauza sobre as vicisitudes da compañía teatral compostelá Chévere, A viaxe dos Chévere proxetarase na casa da Cultura e posteriormente haberá un coloqui coa director e co actor Miguel de Lira. No Cow on the Ice, un filme documental rodado durante unha estadía en Noruega por Eloy Domínguez foi vencedor no XII Festival Play-Doc de Tui e tamén na mostra Cinespaña de Toulouse, á súa proxección seguirá unha conversa co realizador. A ficción pechará esta xornada coa obra aclamada pola crítica de Cannes Mimosas, de Óliver Laxe, premiado como mellor director pola cinta nos recentes premios Mestre Mateo. Laxe non estará nesta ocasión. A entrada é de balde.. Amplía a nova>>

10/03/2017
AGADIC achega 25.000 euros para a programación dos cineclubes en 15 localidades

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) asinaron onte un convenio para o desenvolvemento da programación de ciclos e semanas de cine en 15 localidades. O convenio, por un importe de 25.000 euros, é a "única posibilidade de ver cinema en pantalla grande", segundo informa a Xunta, en diversas localidades galegas. . Amplía a nova>>

08/03/2017
Os encontros sectoriais para elaborar a Estratexia da Cultura Galega 2021 comezarán antes de xullo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu onte no Parlamento de Galicia para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura. Antes de xullo, neste primeiro semestre do ano, darán comezo, segundo Román Rodríguez, os encontros previstos co sector cultural para avanzar na elaboración da agardada estratexia da Cultura Galega 2021 da que xa informara o presidente da Xunta o pasado mes de xaneiro. O conselleiro avanzou que dita estratexia levará á elaboración dun Plan Específico da Lectura e un Plan do Audiovisual con horizonte de cinco anos. Rodríguez asegurou que neste período potenciaranse as redes de programación cultural dependentes da AGADIC e tamén se definirá un plan de usos para a estrutura do espazo non rematado na Cidade da Cultura. . Amplía a nova>>

28/02/2017
O Play-Doc contará co programador estadounidense Jake Perlin

Jake Perlin, director artístico e programador da prestixiosa sala Metrograph de Manhattan, participará na vindeira edición do Play-Doc. O festival de documentais que se celebrará en Tui entre os vindeiros 22 e 26 de marzo incluirá no seu programa a sección The Wrong Revolution, composta por cinco filmes cos que propón "unha mirada que profundiza nas raíces dos múltiples problemas da sociedade norteamericana", segundo explica a organización do evento. O proxecto parte do traballo do director franco-canadense Dominic Gagnon, ao que o Play-Doc dedica unha retrospectiva, para seguir "o camiño que levou ao país máis poderoso do mundo á súa actual situación".. Amplía a nova>>

23/02/2017
A Deputación da Coruña presenta as súas subvencións para actividades culturais

A Deputación da Coruña ven de presentar no Boletín Oficial da Provincia as novas condicións e convocatoria de seis liñas de axudas en apoio a entidades sen fin de lucro encamiñadas ao levar a cabo actividades, festivais ou investimentos. Esta convocatoria supón unha reorganización das liñas e aparece máis adiantada que o pasado ano que se convocaron en maio. Máis de tres millóns de euros dedicará o ente provincial en total nestas seis convocatorias. Unha das principais novidades desta edición das liñas de axuda é a reorganización das entidades que concorren en catro ámbitos, un de natureza cultural, outro veciñal, outro educativa e outro social e asistencial. En todas as liñas, incídese máis aínda no reparto obxectivo das axudas, cun 70% de criterios cuantificábeis e un 30% de elementos de valoración como iniciativas ou proxectos que serán estimados por un comité de persoas expertas, alleas á Deputación. Festivais, actividades culturais ou investimentos son algúns dos obxectivos das subvencións.. Amplía a nova>>

21/02/2017
A Academia do Audiovisual recoñece a Marta Villar co premio Fernando Rey

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) daba a coñecer esta mañá os galardoados cos seus premios de honra. Nesta ocasión foi a directora de arte Marta Villar a agraciada co premio Fernando Rey, que valora toda unha carreira no sector audiovisual. Segundo explica a entidade, o galardón quere "recoñecer os moitos anos de traballo e a impecable traxectoria dunha compañeira que aínda que esté ‑e neste caso máis que nunca‑ detrás do decorado, forma parte sustancial do noso audiovisual". A AGA destacada ademais que "son moi poucas as ocasións nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres".. Amplía a nova>>

17/02/2017
Agadic abre a convocatoria de subvencións para proxectos audiovisuais

O Diario oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria feita pola Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Ata oito modalidades ou submodalidades de produtos audiovisuais poden optar a estas axudas públicas. Longametraxes cinemtográficas de ficción, documentais ou animación –o mesmo nos casos das curtametraxes- e longametraxes e producións televisivas poderán acceder as subvencións segundo as bases. Estas subvencións terán carácter trianual ou bianual, e o importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será igual que nos anos 2015 e 2016 de 2.000.000 euros, distribuídos por anualidades: 214.000 euros para o exercicio 2017, 600.000 euros para o exercicio 2018 e 1.186.000 euros para o exercicio 2019. As axudas máximas que cada produción pode recibir están entre o 15.000€ das curtametraxes de ficción, animación e documental en versión orixinal en galego ata os 260.000€ aos que poden chegar as longametraxes cinematográficas de animación en lingua non galega ou as longametraxes de ficción ou as series en versión orixinal en galego. No caso das producións en idioma galego i nivel de orzamento subvencionable pode acadar o 60%. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org