Novas | 1211 a 1220 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

16/05/2018
Agadic distribúe as axudas ao talento entre trece proxectos

Un total de trece proxectos distribúen as axudas de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais facía pública hoxe a resolución desta convocatoria, que apoia os tres proxectos de longametraxes Alén mar de Andrés Sanjurjo García, 10/07 de Noveolas Producciones, e mais Aquel sol do verán de Madre Films con cadanseus 30.000 euros. Canda a estes, catro proxectos recibiron axudas de 6.000 na liña de apoio á realización de proxectos de curtametraxes. Giovana Lopalco, con Mother, Xacio Baño con Augas abisais, Andrea Girau Zapata para Un verán en Ruovesi, Noemí Chantada Puíme con Xoves de comadres e Iria Ares Campo co filme Bailaretada de amor. "De fartos e adoecidos" foron os proxectos seleccionados.. Amplía a nova>>

15/05/2018
Os premios do Festival Olloboi recoñecen o mellor audiovisual escolar

Un total de 174 pezas chegadas de 54 centros educativos competiron na edición 2018 de Olloboi, o festival audiovisual escolar. Boiro acolleu o pasado 11 de maio a final do encontro, que repartiu nove galardóns e unha mención especial. Ademais, a xornada incluíu unha nova xeira da actividade Muchachada Matiné, na que 185 rapaces e rapazas crearon pezas audiovisuais a amosar unha perspectiva feminina da vila. Destes traballos foron premiados O paseo, centrado na figura de Bríxida Muñiz, e mais ...e punto, que abordaba a importancia do sector téxtil na economía local.. Amplía a nova>>

14/05/2018
'Dhogs' premiada no Festival de Cine Fantástico de Bilbao a días da súa estrea

A poucos días da súa agardada estrea en salas (17 de maio) a película Dhogs (Gaitafilmes e PixelFilms, 2017), dirixida por Andrés Goteira, vén de engadir un novo recoñecemento ao seu xa abuultado palmarés obtendo o premio á mellor longametraxe dentro da sección Panorama Fantástico no Festival de Cine Fantástico de Bilbao. Para o xurado Dhogs merece este premio "por ser unha película poderosamente visual, crúa e moi directa, e sobre todo, pola invitación á reflexión que nos fai sobre o consumo da violencia". O novo premio acrecenta a expectación por ver este filme que este ano acadou a marca de película con máis galardóns nos Premios Mestre Mateo conseguindo acumular 13 premios. A ópera prima de Andrés Goteira xa ven dun percorrido por festivais internacionais nos que tamén foi sumando premios, o máis recente antes de Bilbao o Premio da Crítica no festival de cine fantástico de Bruxelas.. Amplía a nova>>

09/05/2018
O filme Trinta Lumes obtén un novo galardón en Barcelona

O Festival Internacional de Cinema d'Autor de Barcelona, que finalizou o pasado seis de maio, outorgoulle o o seu premio da crítica á produción galega Trinta Lumes de Diana Toucedo. Ignasi Franch, Daniel Jiménez Pulido e Daniel Pérez Pamies, membros do xurado, destacaron "o seu diálogo entre o cine fantástico e o documental, conxurando pantasmas e capturando formas de vida en perigo de extinción".. Amplía a nova>>

08/05/2018
A IXª (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico abordará o ADN do cine

A Coruña acollerá entre o 25 de maio e o 3 de xuño a IX edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. Hoxe tivo lugar en presenza de representantes do Concello, Deputación Provincial e Xunta, a presentación da programación, que abrangue, como é habitual neste evento, proxeccións, encontros profesionais, propostas didácticas e obradoiros. o director da Mostra, Ángel Rueda, explicou que a proposta deste ano pecha unha triloxía temática "arredor dos vimbios do cinema como ferramenta". Se ben no ano 2016 Os Novos Impresionistas centraban o foco na luz, e no 2017 Obxectos e aparicións , de como os propios cineastas transformaban o obxecto cinematográfico, este ano a Mostra aborda, de xeito especial, o tempo, "o ADN do cinema", sinalou Rueda. Así, a novena edición do (s8), Lux algebra , afondará na idea do cine como que conta co tempo e a estrutura como feitos diferenciais, e abordará o cinema estrutural de figuras como Ernie Gehr, Kurt Kren, Scott Stark ou Chris Kennedy. Esta sección completarase coa sesión Patróns de Interferencias , o programa Métrica e rima , ou a exposición O cine en papel.. Amplía a nova>>

08/05/2018
O documental do Concello de Pontevedra sobre María Victoria Moreno chega á rede

Logo da súa presentación pública o pasado 27 de abril, a rede acolle desde o pasado 3 de maio o documental íntegro María Victoria Moreno, galega por amor. O filme de 40 minutos, producido polo Concello de Pontevedra, percorre a vida e a obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas e amosa o seu vencello coa cidade da man de amizades como Fina Casalderrey, Xavier Senín, Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado ou Francisco Castro. . Amplía a nova>>

07/05/2018
Antón Riveiro Coello recibiu un dos Premios Frei Martín Sarmiento

Arredor de 2.500 estudantes das Escolas Católicas de Galicia escolleron os gañadores dos XIV Premios Frei Martín Sarmiento. Luis Prego con Xogos musicais resultou vencedor na categoría infantil, Ánxeles Ferrer fíxose con O sombreiro do mago co premio escolleito por alumnas e alumnos de primeiro e segundo de primaria, Helena Villar Janeiro, con Contos do sol e da lúa foi a máis votada en terceiro e cuarto de primaria mentres Xoán Babarro resultou o favorito para os alumnos dos últimos cursos deste ciclo con Hilario e os tres medos.. Amplía a nova>>

03/05/2018
Cinemas de Galicia chegará a seis concellos

A incorporar Cangas e coa baixa de As Pontes, a Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba onte a nova xeira do ciclo Cinemas de Galicia. En total serán seis concellos os que entre maio e xuño proxectarán en 19 sesións os filmes incluídos no catálogo desta iniciativa. Entre as 20 películas que se poderán ver inclúense producións galegas como o documental Vigo 1972 ou Santoalla. Bueu abre as proxeccións desta quinta edición do programa, que busca levar proxeccións a vilas que carecen de salas de cinema. Canda a este concello, en Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove participan deste proxecto, e para a segunda metade do ano incorporaranse Allariz e Foz. . Amplía a nova>>

02/05/2018
Ruth Berckermann e Pablo Sigg levan o premio do Play-Doc

Onte fechaba as súas portas a edición máis longa do Play-Doc. O Festival Internacional de Curtametraxes de Tui puña fin logo de seis días á súa décimo cuarta xeira a cifrar en 8.000 o número de visitantes. Ao tempo, daba a coñecer o premio do xurado, composto nesta ocasión polo crítico e programador Roger Koza e polas responsables de programación da Cinemateca Francesa e da plataforma MUBI, Caroline Maleville e Chiara Marañón, respectivamente. Finalmente, dos cinco filmes a competición, a comisión por vez primeira outorgar o premio ex-aequo. The Waldheim Waltz de Ruth Berckermann e Lamaland (Teil I) de Pablo Sigg foron os traballos galardoados, xa que o xurado considerou que "coas dúas películas, Play-Doc insta a súa audiencia a cuestionar as formas de representación no cinema contemporáneo e así mesmo a continuar cun traballo crítico sobre os conceptos de ficción e non ficción".. Amplía a nova>>

30/04/2018
O Festival Primavera do cine abre hoxe programa cunha mostra de cinema brasileiro

A Sala Ingrávida do Porriño acollía onte 29 de abril a presentación pública do VII Festival Primavera de Cine de Vigo. O encontro desenvolve ata o vindeiro venres as súas actividades previas, que inclúen unha nova mostra de cinema brasileiro e dúas proxeccións ao ar libre do documental Vigo 1972 no marco do ciclo Cinema nos Barrios. Será o vindeiro día 8 cando abra a programación oficial do evento, á que se incorpora unha nova categoría de filmes de animación. Canda a esta, mantéñense as seccións competitivas de longametraxes, curtametraxes e videoclips, a sumar preto de cincuenta filmes seleccionados entre os case trescentos que se presentaron ao certame. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org