06/06/2018
Os II Premios María Luz Morales de Ensaio audiovisual repártense cun importante peso da perspectiva feminina
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de resolver e entregar os premios correspondentes á segunda edición do certame María Luz Morales de Ensaio Audiovisual, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Tres dos traballos elixidos polo xurado dos II Premios María Luz Morales cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas. En total dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por dúas investigadoras e máis dous investigadores galegos fixéronse cun galardón e 1.200 euros. Na convocatoria de este ano se destacaron, tamén, outros tres traballos con cadanseu accésit. No palmarés repiten dous nomes con respecto ao ano pasado: Denisse Lozano (mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional) e Brais Romero (accesit)..
Amplía a nova>>
04/06/2018
Jesús Vázquez coloca a posible celebración do OUFF na primavera e liga o futuro á continuidade de Gayo
O recente anuncio por parte do Concello de Ourense do proceso de licitación da seguinte edición, que sería a número 23, do Festival de Cine Internacional de Ourense –OUFF-, ven de provocar a redacción e difusión de dous comunicados moi críticos desde o Cineclube Padre Feijóo e do Director Artístico e a Produtora Executiva das dúas últimas edicións, Fran Gayo e Analía G. Alonso. Hoxe en declaracións ante a prensa o alcalde ourensán, Jesús Vazquez, afirmou que el a concelleira de Cultura eran "os primeiros desgustados" pola situación pero defendeu que o concurso público era única opción legal posible. O rexedor ourensán ligou a continuidade do OUFF á do propio director artístico á fronte e colocou o horizonte de celebración do evento no primeiro semestre do ano, referíndose concretamente á posibilidade de trasladar o festival a abril ou maio nunha decisión que, segundo el partiría sas argumentacións do propio Fran Gayo que vería nestas datas máis axeitada a celebración.
Amplía a nova>>
01/06/2018
As axudas ao desenvolvemento audiovisual contarán con 40.000 euros máis
Un total de 240.000 euros, 40.000 euros máis que no pasado ano, é a contía coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais convocou as subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega. A convocatoria cobre proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries), proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV), proxectos de documental para cine e televisión e pilotos de programas para televisión con formatos innovadores. A contía máxima que poderán recibir os proxectos será de 20.000 euro, agás nas categorías de longametraxe de ficción para TV, longametraxe cinematográfica documental, longametraxe documental para TV e piloto de programa para TV que teñen un máximo de 10.000. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 28 de xuño..
Amplía a nova>>
30/05/2018
O Concello de Ourense sacará a licitación a organización do seguinte Festival Internacional de Cine
O Concello de Ourense ven de anunciar nunha nota de prensa que iniciará un proceso de licitación mediante un procedemento aberto o contrato de servizos de organización da XXIII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF. Segundo o Concello a decisión vén motivada polos informes técnicos solicitados pola Concellería de Cultura con respecto á entrada en vigor da Ley 9/2017, de Contratos del Sector Público (LCSP), pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consejo 2014/23/UE e 2014/24/UE, que introduce importantes novidades na contratación e que obrigan a replantexar as fórmulas seguidas ata o de agora para organizar o OUFF. A redacción das bases que rexan o procedemento e os pregos de condicións, así como os prazos legalmente establecidos para estas licitacións farán imposible a resolución a tempo para sacar adiante o festival nas súas datas habituais de outubro e mesmo no resto do ano en curso. A continuidade do que foi director do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF desde o 2016, Fran Gayo non está aínda confirmada xa que, segundo recollía recentemente o xornal La Región, o directivo condicionaba a súa participación ao mantemento da súa equipa de traballo, cuxa contratación terá que pasar agora por este procedemento. Por outra banda, o propio anuncio deixa clara a decisión de continuidade do evento nas previsións municipais..
Amplía a nova>>
29/05/2018
'Dhogs' chega A 2.500 espectadores na súa primeira semana
O filme
Dhogs (Gaitafilmes, Pixel films), a ópera prima de Andrés Goteira e a película máis premiada (13) da historia dos Premios Mestre Mateo, conseguiu chegar a 2.500 espectadores na súa primeira semana de exhibicións. Segundo fontes da produtora entre o 17 de maio, día da súa estrea en salas, e o 24 a película acadou unha recadación de máis de 13.000 euros exhibíndose diariamente na carteleira de seis salas galegas e unha barcelonesa, ademais de ter pases en outras catro salas do país no día da súa estrea ou posteriores. O filme independente que conta no seu palmarés con outros galardóns recollidos en festivais nacionais e internacionais puido verse nas carteleiras de Cinema NUMAX de Santiago, Abella Cines de Lugo, Multicines Norte de Vigo (Sala ganadora tamén dun premio José Seller da Academia Galega do Audiovisual), Cantones Cines da Coruña, Cines Dúplex de Ferrol, Cines Viveiro e o Zumzeig de Barcelona. Nesta segunda semana, a partir do 25 de maio, incorporáronse dous cines máis Artistic Metropol de Madrid e Cinema Avenida de Caldas de Reis. Ademais a película continúa en carteleira en Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Barcelona..
Amplía a nova>>
28/05/2018
Matria é a grande triunfadora do Festival de Cans
Co catro galardóns, a curtametraxe
Matria de Álvaro Gago bateu marcas e revelouse como a grande triunfadora da 15 edición do Festival de Cans. A cita fechaba as súas portas este sábado coa entrega de galardóns, no que este filme levou os de mellor curtametraxe de ficción, o premio do público, o premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e premio do xurado dos veciños. Canda a esta produción, no palmarés destacaron de xeito particular as producións de animación, con dous destes traballos a obter recoñecementos na sección oficial. Deste xeito,
Afterwork de Luis Usón fíxose co premio AGAG a mellor guión, mentres
Sea de Raúl Costafreda obtivo o recoñecemento á mellor banda sonora orixinal..
Amplía a nova>>
25/05/2018
Mira Rianxo, unha imaxe colectiva e audiovisual
Hoxe preséntase o proxecto Mira Rianxo, unha iniciativa para "construir unha imaxe colectiva desta vila a través de pezas audiovisuais feitas pola cidadanía". O proxecto, promovido polo concello, quere "recopilar, xuntar e gravar, vídeos que falen de /dende/ por/ Rianxo", dando corpo á visión contemporánea que os veciños da vila teñen de si mesmos e do territorio no que viven. Do mesmo xeito, o vídeo amosará a relación de destacados persoeiros coa vila..
Amplía a nova>>
24/05/2018
Dez filmes de doce países competiran na Mostra de Cinema Etnográfico
A 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo , que se celebrará do 4 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela, ven de presentar o seu programa completo de proxeccións e actividades. A Sección Oficial a concurso da MICE recolle filmes realizados nos últimos dous anos e ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais actuais feitos no campo da etnografía e da antropoloxía visual. As obras realizadas e filmadas en América Latina teñen especial peso entre os doce filmes da selección, que suman dez nacionalidades diferentes (dende Bélxica, Alemaña ou Francia a Perú, Venezuela, Arxentina ou Brasil). Catro das doce películas serán estrea en España e seis estrea en Galicia. O 50% das películas que concursan nesta sección están dirixidas por mulleres, algo que se pode extrapolar ao total da programación desta 13ª MICE do Museo do Pobo e que confirma o enfoque igualitario da Mostra. A vontade da MICE de recoller o dinamismo da cultura galega vese na relevancia no programa do cinema de Galicia, que no caso concreto da Sección Oficial inclúe tres filmes que optan ao Premio á Mellor Película Galega: Os fillos da vide, de Ana Domínguez; Palmira, de Diana Gonçalves; e Nocturno: Fantasmas de mar en puerto de Álvaro F. Pulpeiro, que ten ademais na MICE a súa estrea en Galicia. Ademais o MICE presenta tres seccións paralelas : Etnografía, muller e cinema, Trazas e Espiello..
Amplía a nova>>
22/05/2018
As dúbidas de continuidade sobrevoan o OUFF
A continuidade do Festival internacional de Cine de Ourense OUFF está posta en dúbida estes días, segundo recolle o xornal ourensán La Región. A burocratización e os impedimentos que a Lei de Racionalización e Estabilidade Presupuestaria pon ás contratacións públicas para a renovación directa da equipa do director do certame, Fran Gayo, estarían no fondo desta incerteza. Segundo o xornal non habería problema coa renovación de Gayo, malia que aínda non se produciu, pero si coa do persoal que con el saca adiante este evento que debería acceder a eses postos a través dun procedemento de concurso público, posibilidade que non satisfai ao director que podería renunciar a seguir adiante nesas condicións. Esta situación incerta que xira arestora arredor do posto de dirección e da equipa de traballo refórzase negativamente tamén polo feito de non ter presentadas aínda as bases para a edición deste ano a celebrar en outubro, a que sería número 23 do festival, e pola inestabilidade do actual goberno local do PP que goberna en minoría e cuxa principal oposición no consistorio, Democracia Ourensana, pide abertamente a desaparición do OUFF..
Amplía a nova>>
18/05/2018
Un novo documental de Gonzalo E. Veloso lembra a María Victoria Moreno
Reivindicando a María Victoria Moreno é o título do documental que dirixe Gonzalo E. Veloso sobre a autora homenaxeada no Día das Letras deste ano. A produción de Millo Films e da CRTVG, coa colaboración da Editorial Galaxia, repasa a figura de Moreno a través das voces de amizades e persoas que a coñeceron ademais de recuperar abondoso material de arquivo sobre ela. A Casa da cultura Cambre, ás 21 horas de hoxe e o Centro Galego de Artes da Imaxe, ás 18 horas de mañá, son as vindeiras ocasións de ver o filme, que se proxectou xa en Neda, San Sadurniño e Madrid desde o pasado 16 de maio..
Amplía a nova>>