Novas | 1221 a 1230 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

26/04/2018
Play-Doc comeza hoxe recuperando a memoria cotiá audiovisual de Tui

O documental do realizador Nicolás Combarro Alberto García-Alix. La línea del tiempo, que se presentou na pasada edición do Festival de San Sebastián, é a película escollida para abrir hoxe a 14ª edición do Play-Doc en Tui. A cinta compartirá protagonismo nesta xornada inaugural cunha proxección de gravacións domésticas filmadas na localidade pontevedresa nos anos sesenta, setenta e oitenta en Super 8 e agora dixitalizadas. Unha selección desas imaxes forma parte da montaxe visual coa que se inaugura o evento, ao son dunha banda formada para a ocasión polo brasileiro Ricardo Dias Gómez, baixista de Caetano Veloso; Jeremy Gustin, batería, e Alex Toth, trompetista e fundador de Rubblebucket, a banda de Brooklyn que actúa en exclusiva en Tui o sábado 28 de abril. Así arrancarán seis días deste festival audiovisual, un día máis que nas anteriores edicións, ata o martes 1 de maio. . Amplía a nova>>

24/04/2018
As bibliotecas incorporan filmes ao seu catálogo de préstamo electrónico

Un total de 77 películas de 24 produtoras galegas están dispoñibles desde onte para o seu visionado na plataforma de préstamo electrónico GaliciaLe. Este espazo, dependente da Rede de Bibliotecas de Galicia permite o visionado en liña durante dous días de cada unha destas películas logo do seu préstamo a cada usuario. A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaban onte este servizo, a destacar que as producións dispoñibles inclúen obras premiadas internacionalmente como De profundis, Sicixia, A Esmorga, Mimosas ou Todos vós sodes capitáns entre outras.. Amplía a nova>>

23/04/2018
O concurso Youtubeir@s repartiu os seus premios

Unha gala no Teatro Colón da Coruña a noite do pasado venres daba a coñecer os proxectos vencedores da segunda edición do certame Youtubeiros. O xurado, composto por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño seleccionou os gañadores entre os 230 proxectos presentados. Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. Entre os proxectos de vídeo-opinarmos, foi galardoado A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón, mentres o premio á mellor canle levouno Nubes Baixo ti. Cada un dos premiados levan 1.000 euros de premio.. Amplía a nova>>

20/04/2018
Cinco empresas crean a Asociación Galega de Videoxogos

Imaxin Software, Datalawyers, Ficción Producciones, Mundos Digitales e Gato Salvaje Studio son as firmas que se acaban de unir na Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. A nova entidade pretende favorecer a competitividade e a internacionalización destas empresas, desenvolver accións formativas, traballar pola profesionalización de firmas e traballadores deste ámbito e, en xeral, representar os intereses deste sector profesional. Entre as súa accións, o novo colectivo pretende crear unha denominación de orixe de calidade e innovación, "como un xeito adicional de internacionalizar e promover a cultura galega e a súa experiencia en videoxogos e contidos interactivos", segundo recolle Código Cero.. Amplía a nova>>

20/04/2018
Redondela en Curto achega 30 filmes na súa 14 edición

Dezaseis filmes seleccionados entre 800 candidatos compoñen a sección oficial do XIV Redondela en Curto. O festival de curtametraxes da Vila do Viadutos inclúe ademais seis producións na sección Curtísimas, 4 da de cinema galego e outras catro no apartado Andaina, orientado a traballos que abordan a diversidade funcional. En total, unha trintena de filmes que se poderán ver entre o 26 e o 30 de abril nunha edición que conta coa presenza de Mabel Rivera e Monti Castiñeiras no acto de inauguración. De xeito previo, a partir do 23 desenvolverase a programación escolar do evento, á que se agarda que acodan 1.300 alumnos.. Amplía a nova>>

17/04/2018
'Dhogs' acada o Premio da Crítica no festival de cine fantástico de Bruxelas

Dhogs (Gaitafilmes, Pixel films), a ópera prima de Andrés Goteira ven de engadir un recoñecemento internacional máis ao seu avultado palmarés propio. O filme acadou o prestixioso Premio da crítica no marco do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Bruxelas. A película, que acadou 13 galardóns na última edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, resultando a produción máis premiada na historia destes recoñecementos, segue a acumular fitos. Antes da agardada estrea en salas Dhogs proxectarase o sábado 12 de maio nos Multicines Norte, de Vigo dentro do Festival Primavera Do Cine. Esa mesma sala acollera a preestrea no Día das Letras Galegas. O filme, gravado en galego, conecta 6 tramas que alternan a intriga, a obsesión e a sensualidade. Unha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: Unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar. A película rodada en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenazgo e foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a Deputación de Almería, entre outros.. Amplía a nova>>

12/04/2018
A produtora Chelo Loureiro leva o premio honorífico do Festival de Cans

A Asociación Arela, organizadora do Festival de Cans, decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2018, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Chelo Loureiro (Ferrol, 1957), “unha muller cun papel imprescindible na construción do audiovisual galego nas últimas dúas décadas” segundo os outorgantes. Chelo Loureiro recolleu este mesmo ano o Premio Mestre Mateo de animación outorgado á súa empresa Abano Producións Abano pola obra The Neverending Walls e o pasado ano recolleu o Goya pola curtametraxe de animación Decorado. Para a asociación, Loureiro é unha das nosas produtoras “máis recoñecidas e máis audaces, mais tamén unha persoa moi implicada socialmente na loita polo recoñecemento das mulleres dentro do eido audiovisual”. Nese sentido Chelo Loureiro é unha destacada representante da asociación de carácter estatal CIMA que ten como obxectivo poñer en valor o papel da muller no sector audiovisual. Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz Isabel Blanco, unha teimuda defensora do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións, e aos veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto, propietarios do coñecidísimo “Cuberto de Chelo”, no que se proxectan as curtametraxes a concurso do festival. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 25 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Chelo Loureiro.. Amplía a nova>>

11/04/2018
A IVª Ourense ICC Week presenta máis de cen horas de actividade sobre creatividade e cultura

A cuarta edición da Ourense ICC Week – Marco das Industrias Culturais e Creativas presentou o seu programa completo onte na Deputación de Ourense baixo a presenza de Manuel Baltar -presidente da Deputación-, Juan Rivas e Manuel Araújo -coordinadores do proxecto-. O evento, que aglutinará máis de 100 horas de actividade e case unha vintena de ponencias, comezará o próximo 2 de maio cun acto sobre o mundo do deseño no que se xuntará a Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural-, e Juan Sánchez -documentalista e comisario cultural-, para rematar nunha conversa arredor da Cultura no deseño que terá como protagonistas á ourensá María Grande, e a Javier Mariscal, Premio Nacional de Deseño. Ao longo da semana debaterase en diversos lugares da provincia sobre a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural. . Amplía a nova>>

09/04/2018
A webserie 'Buster' sae pola porta grande do Vº Carballo Interplay

A quinta edición do Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais e primeira competición de webseries de España que se celebrou a pasada semana na vila coruñesa, pechouse cun palmarés de premiados no que destaca a comedia Buster que leva catro dos premios desta xeira. Buster, do realizador canario David Saínz, acadou o premio a mellor webserie estatal, o de mellor actor para Manuel Noguera e o propio Saínz como director e guionista recolleu outros dous. Foi un gran día para o canario xa que outra webserie súa, Mambo, recibiu o Premio do Público. O premio ao proxecto en galego foi elixido por un xurado específico composto por Alberto Fernández Torres (subdirector de contidos e transmedia de RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xose Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay) que decidiu outorgar o galardón, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Sígueme, de Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos. O xurado da sección oficial composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Oscar Cruz -en representación da Asociación Galega de Guionistas- e a directora Anxos Fazáns -en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia- decidiu tamén premiar á webserie Emilia envidia co premio internacional e a Monumento co premio á mellor webserie en versión orixinal en galego. Macarena Gómez por Dorien recolleu o galardón a mellor actriz e o Xurado Novo outorgou o seu recoñecemento á produción Bright Summer Night.. Amplía a nova>>

09/04/2018
Seis empresas audiovisuais buscan mercados no MPITV de Cannes

Seis empresas galegas participan desde hoxe e ata o 11 de abril no mercado MIPTV de Cannes como parte da misión comercial na meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión. Representantes de Adivina Producciones, CTV Televisión, Maruxiña Films, Pórtico de Comunicación, Treeline Distribution e Voz Audiovisual viaxan a Cannes para buscar socios e compradores internacionais tanto para os seus novos proxectos como para os produtos xa en fase comercial. MIPTV é unha das máis importantes citas internacionais do sector cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org