15/02/2024
Desembarco de cine en galego no Festival de Málaga
A 27ª edición do Festival de Málaga (1 a 10 de marzo) contará con ata sete producións rodadas en galego no orixinal e outras dúas cintas de produción galega rodadas en castelán. A estrea mundial do filme 'As neves' (Aquí y Allí Films, Cósmica Producións) da realizadora Sonia Méndez será o que poña a produción galega na sección oficial de longametraxes de ficción do festival malagueño. É na sección oficial de xénero documental onde poderán verse máis películas galegas. Será o caso das estreas das dúas longametraxes 'Aurora' (Gaitafilmes) primeiro filme de Area Erina, que se filmou durante máis de 10 anos, e 'Salvaxe, salvaxe' (Walkie Talkie Films) debut na longametraxe de Emilio Fonseca. Xa no formato curto de documentais Málaga acollerá á estrea do novo traballo de Xacio Baño, 'Platónico, platónica' e máis o debut de dous realizadores novos, Paula Fuentes, Guillermo Carrera, presentando 'Corre o vento'..
Amplía a nova>>
14/02/2024
Un informe apoia a rendibilidade económica do HUB audiovisual da Xunta
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu onte a presentación do informe de resultados económicos do Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega, deseñado e desenvolvido pola Xunta no trienio 2021-2023. O secretario xeral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiron á presentación deste informe encargado ao grupo de investigación Posmark (Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing) da USC, que integran María Bastida, Miguel Á. Vázquez Taín e Marisa del Río, os mesmo que recentemente presentaron un informe semellante es específico sobre a industria musical galega. O informe reflicte que o Hub, dotado con 9,6 millóns de euros, propiciou a mobilización de 28,5 millóns en dous ámbitos de actuación principais polo seu maior potencial tractor: o audiovisual e a música. Engadiuse tamén un eido transversal, destinado á adquisición de activos e materiais tecnolóxicos por parte de empresas e entidades culturais..
Amplía a nova>>
14/02/2024
Youtubeiras desvelará este 17 de febreiro o seu palmarés de 2023
Nuria Vil e Gabri Fuentes conducen este sábado 17 de febreiro a partir das 20 horas a gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2023. O Teatro Principal de Santiago acolle este encontro no que se darán a coñecer os proxectos gañadores da nova edición do certame de vídeos en galego na rede. Mondra porá a actuación musical dunha cita que quere "reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede"..
Amplía a nova>>
13/02/2024
Eva Veiga recibirá o Premio de Honra Fernando Rey
A Academia Galega do Audiovisual anunciaba na mañá deste 13 de febreiro o fallo do Premio de Honra Fernando Rey, que outorga no marco dos Premios Mestre Mateo. A entidade acordou recoñecer nesta ocasión a xornalista, poeta e actriz Eva Veiga, a que considera un exemplo de "profesionalidade, creatividade e resiliencia" que fixo parte da xeración que botou a andar "unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos"..
Amplía a nova>>
13/02/2024
Falece o Padre Xesús Mato aos 91 anos
O martes de Entroido comeza coa mala noticia do falecemento de Xesús Mato, o 'Padre Mato', aos 91 anos de idade. O xornal El Progreso de Lugo daba a coñecer hoxe a noticia do pasamento deste relixioso cuxa intervención cultural tivo un forte impacto nos transcendentais anos 70. Musicólogo e escritor, o sacerdote foi o impulsor dunha das iniciativas máis lonxevas e importantes para a cultura musical tradicional e para a nosa lingua: a formación Fuxan os Ventos. Mato, como director do coro do Seminario Menor Santísimo Sacramento de Lugo, reuniu en 1972 unha formación que baixo o nome inicial de Folk 72 participaron e gañaron o certame musical do IIIº Festival das San Lucas en Mondoñedo. A canción coa que acadaron o premio foi "Fuxan os ventos", unha composición orixinal acorde á canción folk protesta que estaba verse en moitas partes do Estado naquel momento e cuxa letra tiña un importante cariz reivindicativo da cultura propia galega: "Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia, aínda está de pe". O tema estaba asinado por J. Cabodevila, pseudónimo escollido polo Padre Mato, natural de Cabo de Vila (Paradela), a el débese o inicio e posta en marcha daquela formación que tomaría o nome da súa primeira canción e que recentemente celebrou o seu 50 aniversario. Xustamente, cando en 2022 algúns dos membros orixinais de Fuxan os Ventos acudiron a recoller o premio de honra dos galardóns Martín Códax da música galega o seu agradecemento principal foi para o Padre Mato, recoñecendo nel as orixes impulsoras do proxecto e da súa razón de ser naquel intre. .
Amplía a nova>>
12/02/2024
Janet Novás sitúa 'O Corno' no palmarés dos Premios Goya
Dous dos premios Goya da cinematografía española outorgados este ano ocuparan espazo en andeis galegos. Cumpríronse as predicións respecto ao recoñecemento ao traballo de Janet Novás en 'O Corno' e a intérprete recolleu o Goya a actriz revelación polo seu debut cinematográfico e como protagonista no filme dirixido por Jaione Camborda. Novás (O Porriño, 1942) ten xa unha dilatada traxectoria como bailarina e coreógrafa non exenta de galardóns de alcance nacional. A súa participación como actriz con papel protagonista neste filme supuxo o seu debut cinematográfico e recibiu en todas partes moi boas críticas. A súa presenza continua na narración deita nela unha importante responsabilidade no éxito da película, o primeiro filme rodado en galego que acadou a Cuncha de Ouro do festival internacional de Cine de San Sebastián. Polo seu papel a actriz é finalista tamén na vindeira edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual de Galicia..
Amplía a nova>>
08/02/2024
A serie 'Rapa' finalista en 16 categorías dos Premios Mestre Mateo
As candidaturas finalistas da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo da Academia galega do Audiovisual, escollidas de entre as 173 producións e 493 profesionais que se inscribiron, presentan un listado no que uns poucos títulos acada moita presenza. A serie de televisión 'Rapa', producida por Portocabo e Movistar+ sitúase na cabeza con ata 16 candidaturas, tras dela séguenlle catro longametraxes cinematográficas entre as que 'O Corno' e Matria son as máis recoñecidas pero tamén destacan 'Salta!' e Fatum. As catro películas finalistas a Mellor longametraxe acaparan 40 candidaturas: 'O corno' con 14, 'Matria' con 12, '¡Salta!' con 9 e 'Fatum' con 5, entre elas as de Mellor dirección para Jaione Camborda, Álvaro Gago, Olga Osorio e Juan Galiñanes. Lucía Veiga e Denís Gómez anunciaron onte as candidaturas finalistas, nun acto celebrado no museo MEGA. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña..
Amplía a nova>>
05/02/2024
Agadic presenta a nova edición do catálogo Shorts from Galicia
Nove títulos compoñen a nova edición do catálogo
Shorts from Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 5 de febreiro esta publicación que dá a coñecer a produción cinematográfica máis breve da o audiovisual galego. O Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que comezou o pasado día 2 nesta vila francesa, é a primeira parada desta xeira..
Amplía a nova>>
02/02/2024
Crean en Marín un certame de curtas sobre o mar para novos creadores
A Asociación Cultural por un Museo do Mar para Marín ven de presentar o I Certame de Curtas de Cine do Mar, unha cita audiovisual enfocada no mar que se celebrará na localidade pontevedresa entre o 20 e o 26 de maio de 2024. Este novo encontro audiovisual competitivo está dirixido aos máis novos, que se inician na creación audiovisual, estable cendo dúas categorías: Novos/as Creadores/as e Ensino. O lema do presente concurso será "NOSTRA IN MARE FORTUNA". As obras presentadas deberán inspirarse libremente neste lema, centrándose na temática do mar, ben desde a perspectiva natural, ben desde a cultural. .
Amplía a nova>>
31/01/2024
Os XXII Premios Mestre Mateo celebraranse no Coliseum da Coruña
A gala anual dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego regresa á Coruña na súa XXIIª edición a celebrar o sábado 23 de marzo. Segundo presentaron onte na Filmoteca de Galicia os representantes da Academia Galega do Audiovisual o Coliseum da cidade herculina é o recinto escollido para acoller o evento, un espectáculo que estará presentado polos actores Lidia Veiga e Miguel Canalejo e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez. O lema desta edición formúlase en tono de pregunta: "Hai alguén aí? Si?, Non? Si?". Unha referencia á xeración Xabarín, segundo explicou o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, que retoma a pregunta que lle facía aos espectadores o Xabarín que presentaba o coñecido programa Xabarín Club nos anos 90, unha pregunta que, desde a Academia se resposta afirmativamente: "si que hai alguén aquí, destoutro lado das múltiples pantallas nas que, corenta anos despois, o audiovisual galego está presente: temos un sector maduro e consolidado", afirmou. Os intérpretes Lidia Veiga e Miguel Canalejo serán os presentadores da gala, os dous representan tamén á xeración crecida co Xabarín Club..
Amplía a nova>>