06/03/2024
Os filmes ¡Salta! e O corno levan os galardóns especiais dos XXII Premios Mestre Mateo
O Museo Estrella Galicia da Coruña acollía este 5 de marzo a festa de presentación dos proxectos finalistas aos XXII Premios Mestre Mateo. A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer no marco deste encontro as producións que recibirán os Premios Especiais desta xeira. Os filmes
¡Salta! e
O corno e mais as series
Bechos e
Rapa foron as producións que obtiveron estes recoñecementos, patrocinados por diferentes entidades..
Amplía a nova>>
01/03/2024
A segunda edición do festival Imaxinaria chega á Coruña
Coa recoñecida cineasta checa Michaela Pavlátová como madriña, este seis de marzo abre as súas portas na Coruña a segunda xeira de Imaxinaria, o festival internacional de animación de Afundación. O cineasta Alberto Vázquez coordina canda a Matilde Rodríguez este encontro que pretende "crear un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, a nivel galego, nacional e internacional"..
Amplía a nova>>
01/03/2024
O 8M celébrase na Filmoteca de Galicia co ciclo 'Olladas de muller'
A Filmoteca de Galicia conmemora no mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo 'Olladas de muller', organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con 'O corno' e Laura Ferrés en Valladolid con 'La imagen permanente'. Outras tres longametraxes completan o ciclo: as recentes películas Secaderos, de Rocío Mesa, e 'Entre las higueras', de Erige Sehiri, xunto a recuperación dun clásico do feminismo dos anos 70 como é 'Not a Pretty Picture', de Martha Coolidge. O sábado 9, a filmoteca ofrece unha sesión de seis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas e portuguesas..
Amplía a nova>>
26/02/2024
Os eventos musicais e o éxito exterior da cultura galega, o máis destacado do 2023 para o sector
As Tanxugueiras continúan a ser o máis destacado da cultura galega no 2023 (un 10,3%), aínda que seguida de moi preto polo festival O Son do Camiño (10.1%). Entre os cinco primeiros resultados están tamén o filme
O Corno (7,4%), Yolanda Castaño co Premio Nacional de Poesía e a publicación de
Materia (5,5%) ou o filme
As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (5,5%). Así o revelan as respostas de 960 entidades da cultura galega, entrevistadas polo Observatorio da Cultura Galega para o informe anual Barómetro da cultura, que realiza unha "diagnose avaliativa que retrata a situación, evolución, eivas, fortalezas e perspectivas das entidades culturais galegas". En concreto, preguntouse ás entidades polos "tres eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis salientables da cultura galega do ano 2023". A porcentaxe expresa a coincidencia nas respostas do conxunto de entidades. .
Amplía a nova>>
26/02/2024
A Xunta aproba novas subvencións dirixidas a incubadoras de proxectos audiovisuais
Unha nova liña de axudas para o sector audiovisual ven a sumarse ao programa desenvolto pola Xunta a través do Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega para este ano. Na súa última reunión o Consello da Xunta aprobou as bases que rexerán unha novas subvencións que contarán cun investimento de 200.000 euros para que entidades privadas da Comunidade organicen laboratorios, incubadoras ou residencias para "a formación e o asesoramento" tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión. Esta nova liña de axudas entronca nos seus obxectivos coa tamén nova convocatoria para a escrita de guións e coas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, todas elas centradas na fase previa á rodaxe dos filmes ou series. No caso do apoio a laboratorios e residencias, búscase contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira. .
Amplía a nova>>
22/02/2024
Setenta e cinco títulos no catálogo promocional Films from Galicia 2024
Como xa é habitual no calendario audiovisual, a Xunta comeza no European Film Market de Berlín, o mercado paralelo á Berlinale, a promoción do novo catálogo Films from Galicia de 2024, integrado nesta edición por 75 títulos galegos para cine e televisión. Clasificadas en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 das producións xa están rematadas e as 41 restantes están ultimando a fase final para a chegada ás pantallas. A selección de Films from Galicia compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia, que xa foi publicado baixo a súa propia marca a comezos deste mes de febreiro canda á celebración do Festival de Clermont-Ferrand (Francia). Ambas escolmas forman parte do programa de internacionalización do noso audiovisual que desenvolve o Goberno galego dentro Plan Xeración Cultura, e serán promovidas ao longo do ano nos principais mercados e feiras internacionais de referencia..
Amplía a nova>>
19/02/2024
A canles OU Ké! e Recuncho Gamer impóñense nos Premios Youtubeiras
A gala que os Premios Youtubeiras celebraron en Santiago de Compostela este sábado deixou un palmarés encabezado por
OU Ké!, que se fixo co premio á mellor canle nesta edición do certame de vídeos en galego. O xurado recoñeceu deste proxecto a "súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética", así como o seu "impacto" e mais a "integración entre os medios de comunicación" e "a súa pluralidade"..
Amplía a nova>>
16/02/2024
A Agadic incrementa as axudas para a comercialización de obras audiovisuais e videoxogos
Cuns fondos de 70.000 euros, a Axencia Galega das Industrias Culturais convoca no Diario Oficial de Galicia deste 16 de febreiro as subvencións para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine..
Amplía a nova>>
16/02/2024
A Xunta amplía a súa colaboración coa Federación de Cineclubs
A Axencia Galega das Industrias Culturais achegará un total de 65.000 euros, 35.000 máis que en 2023, á Federación de Cineclubs para que este colectivo manteña o seu programa. Un total de 19 ciclos e sete semanas de cinema en catorce localidades de todo o país, unha máis do que no ano pasado, desenvolveranse con este apoio, en virtude do acordo que asinaban este 15 de febreiro representantes das dúas entidades..
Amplía a nova>>
15/02/2024
Desembarco de cine en galego no Festival de Málaga
A 27ª edición do Festival de Málaga (1 a 10 de marzo) contará con ata sete producións rodadas en galego no orixinal e outras dúas cintas de produción galega rodadas en castelán. A estrea mundial do filme 'As neves' (Aquí y Allí Films, Cósmica Producións) da realizadora Sonia Méndez será o que poña a produción galega na sección oficial de longametraxes de ficción do festival malagueño. É na sección oficial de xénero documental onde poderán verse máis películas galegas. Será o caso das estreas das dúas longametraxes 'Aurora' (Gaitafilmes) primeiro filme de Area Erina, que se filmou durante máis de 10 anos, e 'Salvaxe, salvaxe' (Walkie Talkie Films) debut na longametraxe de Emilio Fonseca. Xa no formato curto de documentais Málaga acollerá á estrea do novo traballo de Xacio Baño, 'Platónico, platónica' e máis o debut de dous realizadores novos, Paula Fuentes, Guillermo Carrera, presentando 'Corre o vento'..
Amplía a nova>>