29/01/2024
Agadic convoca as axudas anuais á produción audiovisual
A Axencia Galega de Industrias Culturais abre desde hoxe a convocatoria para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases que a rexen. Agadic mantén este ano o orzamento das catro convocatorias anuais precedentes, cun total de 2.500.000 euros de asignación para esta liña de axudas. A nova convocatoria distribúe o alcance do orzamento dun xeito máis detallado que a anterior entre as catro modalidades de produción contempladas como beneficiarias (longametraxe cinematográfica, longametraxe en coprodución internacional con participación minoritaria, curtametraxes, obras audiovisuais para TV e plataformas) resultando nun maior apoio económico ás longametraxes cinematográficas (1.610.000 euros) e separadamente tamén aos produtos audiovisuais producidos para TV e plataformas (500.000 euros), na suma entre ambas modalidades conseguen 100.000 euros máis que na anterior convocatoria en detrimento das longametraxes en coprodución internacional con participación minoritaria. .
Amplía a nova>>
26/01/2024
Unha viaxe musical polas casas da poesía lucense
'Na Casa Deles' , é o título do proxecto co que o cuarteto vocal Son de Corda fai unha homenaxe a seis desaparecidos poetas lucenses: Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Lorenzo Varela, Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro. Inclúese tamén unha homenaxe á tradición oral. O proxecto presenta catorce audiovisuais gravados cada un en lugares vencellados á biografía dos escritores, en sete deles o cuarteto interpreta unha composición baseada na obra do poeta, gravada alí mesmo polo produtor Arturo Vaqueiro, e nos outros sete aparecen diferentes persoas que por coñecemento ou vencello cos poetas, explican o vencello entre os espazos e os autores. A realización audiovisual é de Manuel Lucas Mariño e participan coas súas achegas Mercedes Queixas, Branca Novoneyra, Alexandra Cabana, Carlos Callón, Beatriz Dourado, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba. Son de Corda está integrado por Esperanza Iglesias; Carmen Prendes; Fernando G. Jácome e Antón Castro e contan co acompñamento instrumental do pianista Raúl Rodríguez e a violinista Aldara Palmeiro. Os vídeos xa están dispoñibles en YouTube..
Amplía a nova>>
26/01/2024
Vogal, unha aplicación para localizar cine galego en versión orixinal
Inés San Luís é unha moza enxeñeira informática que acaba de publicar Vogal, unha aplicación para "descubrir series e películas en versión orixinal galega". Vogal permite acceder a unha serie de datos sobre as producións e as plataformas onde poder velo. Para facelo, a aplicación automatiza a extracción de datos de dúas plataformas. Primeiro, da Internet Movie Database, de onde colle os filmes que teñen versión orixinal en galego, e logo contrástaos con Just Watch, outra aplicación que procura nos diferentes servizos internacionais de vídeos baixo demanda, como Netflix, Hbo, Movistar ou Filmin. .
Amplía a nova>>
25/01/2024
A obra de Lois Patiño centra unha mostra na Fundación Luis Seoane
'Marea' é o título da mostra que comeza hoxe na Fundación Luis Seoane da Coruña, centrada no traballo audiovisual do realizador Lois Patiño. A exposición comisariada por Alberto Carton preséntase como "unha vertebración alterada do espazo-tempo, unha suspensión narrativa" sobre as obras do director. .
Amplía a nova>>
11/01/2024
Baixan levemente as candidaturas aos XXII Premios Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer este 10 de xaneiro a listaxe de propostas que se presentaron á vixésima segunda edición dos Premios Mestre Mateo. Segundo os datos da entidade, a participación nestes galardóns reduciuse levemente respecto a 2023. Unha cifra de 173 producións e de 493 profesionais fronte ás 194 e 489 da anterior edición marcan ese leve descenso. Tamén se reduciu a porcentaxe de obras con versión orixinal en galego, que pasa do 67% ao 65,3% das presentadas..
Amplía a nova>>
10/01/2024
O Hematocrítico recibe de xeito póstumo unha Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes
O Consello de Ministros do Goberno de España aprobaba este 9 de xaneiro a concesión a 37 persoas de institucións das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes a 2023. Na listaxe destaca o nome do coruñés Miguel Ángel López González
O Hematocrítico, que recibe o galardón de xeito póstumo en recoñecemento ao seu labor como autor de literatura infantil e xuvenil, divulgador e comunicador..
Amplía a nova>>
08/01/2024
O Teatro Colón repasa seis clásicos de cinema nun novo ciclo de proxeccións
A recoñecida
The Apartment de Billy Wilder abre este 11 de xaneiro no Teatro Colón da Coruña o novo ciclo
As mellores películas da historia. Esta proposta do Concello repasará ata o vindeiro mes de xuño seis obras clásicas da sétima arte en proxeccións en formato de película de 35 milímetros e versión orixinal subtitulada que se acompañarán de coloquios "con recoñecidas personalidades do eido cultural, cinematográfico, xornalístico, académico ou co propio autor da obra", segundo sinala a presentación do proxecto..
Amplía a nova>>
04/01/2024
Ventura completa a selección de proxectos para a súa segunda xeira
A plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución cinematográfica Ventura daba a coñecer este 3 de xaneiro a listaxe de propostas internacionais que farán parte da súa segunda edición. En total foron cinco propostas seleccionadas entre as 133 que se presentaron a esta iniciativa da Asociación Cultural Enfoques, organizadora do festival Play-Doc en Tui..
Amplía a nova>>
02/01/2024
As axudas autonómicas a festivais audiovisuais aumentan un 33 por cento
As bases da convocatoria de subvencións a festivais para o ano que vén, publicadas no DOG do 29 de decembro, manteñen a dirección alcista que viña seguíndose desde a Axencia galega de Industrias Culturais para esta liña de axudas desde 2015. Neste ano increméntase a partida nun 33% respecto aos 225.000 euros consignados en 2023, alcanzando os 300.000 euros de investimento autonómico en certames e mostras galegas do sector organizadas de xeito profesional entre o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024, ambos os días incluídos. A contía máxima que se poderá solicitar é de 50.000 euros..
Amplía a nova>>
28/12/2023
As axudas á escrita de guións multiplícanse por nove
Ata 270.000 euros dedicará en 2024 a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia a unha nova liña de axudas dirixida a apoiar a escrita de guións de ficción e animación, que teñan como destino a produción de longametraxes cinematográficas ou series para televisión. Esta convocatoria en concorrencia competitiva ven de abrirse hoxe coa publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia. Anteriormente AGADIC incluía as subvencións para a escrita de guións dentro da convocatoria de Axudas a Promoción do Talento Audiovisual, dedicando na convocatoria deste ano 2023, ata 30.000 euros á escrita de guións. A actual liña para 2024 multiplica por nove esta cifra e por cinco os resultados previstos en canto a número de guións subvencionados..
Amplía a nova>>