28/12/2023
A CRTVG aproba 25 proxectos de contidos para as súas redes
A través da convocatoria que realizou de selección de produtos dixitais en galego, a CRTVG resolveu a produción de 25 proxectos destinados ás súas distintas canles dixitais, cun investimento de 300.000 euros. Os contidos "están creados especificamente desde e para a contorna dixital" e entre eles atópanse pezas destinadas a público familiar, cativada e outros orientados a públicos máis específicos. Entre eles, exemplos de contidos humorísticos e de entretemento, como 'Raíña-me', de Cristela Torres, no que "a presentadora, Raíña Nai, converte a persoa convidada en
drag queen", infantís, como Plantasías, de Zumalaba SLU sobre as "especies arbóreas de implantación tradicional" ou 'Música no foco', de Marguerita Morello, no que distintos intérpretes, "autores da música contemporánea galega" interpretan algúns dos seus temas musicais. .
Amplía a nova>>
27/12/2023
Morre a cineasta Patricia Ferreira
A cineasta madrileña de orixe galega Patricia Ferreira faleceu hoxe en Madrid aos 65 anos vítima dun cancro. Ferreira (Madrid, 1958) estudou Ciencias da Comunicación Audiovisual e Xornalismo en Madrid. Comezou realizando crítica cinematográfica para RNE e a revista Fotograma, para desde mediados dos oitenta exercer en axudantía de dirección. Dirixiu despois diversos programas de televisión como 'Planta Baja', series dramáticas como 'Equinoccio' e 'Paraísos cercanos' e documentais, dos que pasou ao cine. A Academia Galega do Audivisual ven de expresar publicamente as súas condolencias e lembrar dela que foi a primeira muller finalista á mellor dirección nos Premios Mestre Mateo polo seu traballo en 'O alquimista impaciente'..
Amplía a nova>>
20/12/2023
O filme 'Samsara' de Lois Patiño chega hoxe aos cines
A longametraxe documental 'Samsara', do realizador Lois Patiño, chega hoxe ás salas comerciales de todo o país. O filme chega ao público tras so seus paso por numerosos festivais, onde foi seleccionada para concursar nas sección oficiais, coa vitola de ter feito historia para o audiovisual galego ao recibir o pasado febrero o galardón especial da sección Encounters da Berlinale, ex aequo co filme 'Orlando, ma biographie politique' de Paul B. Preciado. A película, distribuida por Atalante, proxectarase inicialmente en 23 salas de toda España , seis delas en Galicia. Hai varios pases especiais programados que contan coa presenza e intervención do director vigués, que poden consultarse no web de Atalante..
Amplía a nova>>
18/12/2023
A cinta ruandesa 'The Bride' triunfa no festival Novos Cinemas
A película ruandesa 'The Bride', dirixida por Myriam U. Birara, foi a gran triunfadora da oitava edición do festival pontevedrés Novos Cinemas ao lograr o Premio Novos Cinemas á mellor película da Sección Oficial e o Premio Xurado Novo á mellor dirección na mesma sección. A película narra o drama social dos matrimonios forzados que sofren moitas mulleres en Ruanda. A outra longametraxe máis valorada foi 'An evening song (for three voices)' de Graham Swon, con dous importantes recoñecementos, o Premio do Xurado da crítica e o do público. O veredicto do xurado, composto por Gloria Benito, Silvia Cruz e Helena Wittman, tamén outorgou dúas mencións especiais: unha para 'Peter Pan', de Natacha Samuel e Florent Klockenbring, e outra para 'There is a stone', de Tatsunari Ota. O Premio do Público, seleccionado pola audiencia do festival, distinguiu de novo a 'An evening song (for three voices)', consolidando o seu lugar como unha das preferidas nesta edición..
Amplía a nova>>
18/12/2023
Héctor Carré faise co Premio Daniel Domínguez de Guión
O traballo
Sinais valeulle a Héctor Carré facerse cos 2.000 euros con que está dotado o V Premio Daniel Domínguez de guión en galego, que organiza a Asociación Sindical Galega de Guionistas. O galardón, que recoñece textos para longametraxes de ficción, tivo como finalistas a Uxía Diéguez Santiago co seu traballo
Furtivo e a Gumersindo Novoa Rodríguez con
As cores da alma..
Amplía a nova>>
15/12/2023
Deputación da Coruña e Clúster Audiovisual renovan o convenio para apoiar o programa de incubación de proxectos
A Deputación Provincial da Coruña e Clúster do Audiovisual Galego veñen de asinar un convenio de colaboración para renovar o cofinanciamento do proxecto I+P Incuba. Trátase dun programa de incubación e plataforma de
pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultoría..
Amplía a nova>>
14/12/2023
María Vázquez nomeada a mellor actriz nos Premios Feroz
Os Premios Feroz da Asociación de informadores Cinematográficos de España veñen de facer pública a lista completa de nomeamentos aos seu galardóns. De entre os cinco recoñecementos aos que aspira o audiovisual galego destacan o de María Vázquez como candidata a Mellor Actriz protagonista polo seu traballo na película Matria, de Álvaro Gago; e as candidaturas dentro dos Premios Feroz Arrebato de 'O Corno' de jaione Camborda en Ficción e de Samsara, de Lois patiño en Non Ficción. .
Amplía a nova>>
12/12/2023
Estrea absoluta da ópera infantil OCA no Teatro Colón
A Orquestra e coro GAOS estrea mañá mércores 13 de decembro no Teatro Colón da Coruña a ópera infantil OCA, de Gloria Rico e Juan Durán. Tomando o popular xogo da oca como inspiración esta peza interpretada por nenos do Coro MiniGaos conta con texto de Rico e coa composición musical do mestre Durán. Fernando Briones leva a dirección musical. Cunha duración de aproximadamente unha hora, esta obra preséntase como unha viaxe iniciática a través de diferentes episodios da vida, desde o comezo do xogo ata a chegada ao xardín, no que o obxectivo é sempre avanzar. Esta estrutura correspóndese musicalmente cun prólogo, sete cadros e un epílogo, entre os cales media a narración dunha actriz..
Amplía a nova>>
12/12/2023
Axudas do Estado a tres longametraxes e cinco curtametraxes galegas
O Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), do Ministerio de Cultura ven de resolver a concesión de axudas á producción audiovisual en diferentes liñas de apoio, con incidencia no sector galego en todas elas. Cinco producións de curtametraxes e tres de longametraxes acceden deste xeito ás axudas estatais acadando en total 3.538.186,88 de euros en fondos estatais..
Amplía a nova>>
11/12/2023
Pontevedra acolle a VIII xeira de Novos Cinemas entre o 12 e o 17 de decembro
Con trece filmes a competición, a incluír seis estreas estatais, cinco galegas e unha absoluta, a oitava edición do festival Novos Cinemas abre as súas portas en Pontevedra este 12 de decembro. A longametraxe de debut do vigués Carlos Martínez-Peñalver,
Á procura da estrela, será a encargada de abrir o pano desta xeira. A proxección, que comezará ás 20.30 horas, estará acompañada dun coloquio co director e parte do equipo da película..
Amplía a nova>>