19/11/2018
Matria recibe a Áncora de Ouro do Festival de Curtas Armadiña
A curtametraxe
Matria de Álvaro Gago acaba de sumar ao seu palmarés o premio Áncora de Ouro. O Festival de Curtas Armadiña, que se celebrou en Poio, daba a coñecer onte, domingo 18, os seus galardóns. O xurado, composto por Pilar Varela, María Roja, Pablo Cacheda, Juan de Castro e Laura Doval seleccionou a curta de Gago, mentres os votos do público escolleron para a Áncora de Prata o filme
Noche de Paz, de Santiago Requejo. Canda a estes, as actriz ourensá Eva Fernández recolleu o premio especial do encontro en recoñecemento ao seu labor interpretativo e a súa implicación social. .
Amplía a nova>>
13/11/2018
Xabier Bermúdez recibirá a Calpurnia de Honra do OUFF
O director ourensán Xavier Bermúdez (Ourense, 1951) recibirá o premio Calpurnia de Honra na edición 23ª do Festival de Cine de Ourense (OUFF). Así se deu a coñecer a través dao servizo de comunicación da Deputación de Ourense, xa que tanto o sitio web do festival como as súas redes sociais seguen sen estar actualizados tras da 22ª edición. Con este galardón, o certame quere recoñecer, por primeira vez en Galicia, a traxectoria artística deste cineasta e produtor que rodou longametraxes de ficción destacadas como
León y Olvido. A nova edición do festival tamén proxectará boa parte da filmografía do cineasta e publicará unha monografía do crítico e historiador cinematográfico, Eduardo Galán, sobre a carreira. Ó recibir a Calpurnia de Honra, Bermúdez súmase a unha lista de homenaxeados no OUFF, na que figuran Montxo Armendáriz, Luis G. Berlanga ou o actor Imanol Arias, entre outros. Este ano, o premio recae nun dos guionistas e directores ourensáns en activo máis galardoados internacionalmente. Por escolla propia, o premio entregarase antes da proxección do seu filme máis persoal,
O ouro do tempo, protagonizado polo desaparecido Ernesto Chao, Marta Larralde, Nerea barros e Manel Cortés e que polo de agora pecha a súa filmografía..
Amplía a nova>>
13/11/2018
O proxecto Ferrol Rebelde consolídase cun documental
Logo de catro edicións a recuperar a memoria da loita obreira de Ferrol na forma de roteiros guiados, o proxecto
Ferrol Rebelde dá un paso máis e salta ao audiovisual.
Ferrol Rebelde: Cen anos de historia obreira é o título do documental que se presenta este xoves 15 de novembro no Teatro Jofre da Cidade Departamental e que percorre os lugares e os testemuños dos conflitos de clase e da represión que se viviu na zona. A cooperativa Rexenerando, responsable dos roteiros, en colaboración con NUMAX e da man do realizador Pablo Cayuela son os responsables deste filme. Unha gala, con presenza de María Manuel e de Ezetarre, arroupará a presentación do filme..
Amplía a nova>>
12/11/2018
A 28ª Semana de Cine Submarino ofrecerá dúas estreas galegas
A Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo comezará mañá, 13 de novembro, a súa víxésima oitava edición no Teatro AFundación da cidade olívica. O evento organizado pola Universidade de Vigo ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de respectar o medio mariño e as especies que o habitan e garantir a súa conservación. Nesta edición deste cita na que se presentan producións internacionais vencelladas ao audiovisual submarino Terán lugar asa estreas de dúas cintas galegas. En
Buscadores de naufraxios: Cordero González, o documental de 20 minutos de Edu Lavandeira, coñecemos máis sobre as circunstancias do sinistro que tivo este pesqueiro en 1975 tras ser abordado polo mercante Playa de Aldán nas inmediacións das Ons. Lavandeira documenta o achádego do Pecio e fai entrevistas a tripulantes sobrevivintes. A segunda peza que se estreará na 28ª edición da semana de cine submarino e que tamén é unha produción galega é
Secretos da marea, unha obra de Jorge Candán de sete minutos na que o realizador aproxímase ás especies máis descoñecidas que habitan as profundidades mariñas galegas.
.
Amplía a nova>>
09/11/2018
Miguel Anxo Fernández aspira a quintuplicar o orzamento do OUFF en 2019
O vicepresidente da Fundación Carlos Velo e novo coordinador artístico do OUFF, o profesor, escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández pon como obxectivo para as seguintes edicións do festival chegar a quintuplicar o actual orzamento. Así o explica Fernández nunha entrevista feita polo xornalista Javier Rey para o xornal La Región de Ourense na que o coordinador do OUFF tamén adianta un cambio importante no modelo de festival con vistas a conseguir atraer e implicar ao público ourensán asumindo que nas anteriores edicións se perderan os vínculos entre o festival e a cidade. O festival comezará o 29 de novembro e se celebrará ata o 5 de decembro .
Amplía a nova>>
07/11/2018
O programa Mirada País explora a videocreación galega
Antón Reixa, un referente da videocreación galega dos oitenta exerce de coordinador no ciclo
Mirada País que onte se inaugurou na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia. Conxuntamente co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as dúas institucións comparten un programa de proxeccións, conversas e instalacións arredor da videocreación galega, que arranca no CGAI neste novembro para pasar en decembro á sede do CGAC en Santiago. Co proxecto
Mirada país a Consellería de Cultura e Turismo busca poñer en valor a potencialidade da creación audiovisual galega, fóra dos xéneros e canles de exhibición máis convencionais. O ciclo ofrece proxeccións que van desde as primeiras pezas dos oitenta ata hoxe en día en debates sobre a conformación da identidedie audiovisual propia galega..
Amplía a nova>>
06/11/2018
Catorce iniciativas reparten as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais
Cinco longametraxes de ficción, catro series e miniseries televisivas, catro documentais e unha película de animación, todas elas promovidas por produtoras galegas, contarán co apoio das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A Axencia Galega das Industrias Culturais publicaba onte no seu web a resolución desta liña de apoios, dotada con 240.000 euros. As longametraxes que poderán iniciar o seu proceso de preprodución mercé a esta subvención son
A leituga, que leva ao cinema a obra de teatro homónima da man de Diana Toucedo e Víctor Duplá;
Ariel, coprodución galego-arxentina dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro;
Aura 1964 de Ignacio Vilar;
O corpo aberto de Ángeles Huerta; e
Einstein-Rosen, coa que a directora Olga Osorio lle dará continuidade á súa multipremiada curtametraxe homónima..
Amplía a nova>>
05/11/2018
Xabier P. DoCampo, José Luis Mascareñas, Ana Romaní e Mercedes Peón, galardoados nos Premios da Crítica
A Fundación Premios da Crítica de Galicia celebrou este sábado 3 de novembre a xuntanza anual na que repartiu os seus galardóns. O hotel Os Escudos de Vigo acolleu este encontro no que, baixo o lema
Espigar reuníronse trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país. Logo das deliberacións dos distintos xurados, a XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia recoñeceu o recentemente falecido Xabier P. Do Campo co Premio de Creación Literaria pola súa novela
A nena do abrigo de astracán. O químico José Luis Mascareñas levou o Premio de Investigación por un labor de investigación que lle valeu ser o único científico galego que obtivo un Advance Grant do ERC..
Amplía a nova>>
31/10/2018
Cineuropa 32 reclama o dereito a escandalizar
Do 7 ao 28 de novembro, Compostela acolle a trixésimo segunda edición do festival Cineuropa. Ao redor de 300 filmes incluídos en 21 seccións, nun certame que medra este ano en proxeccións e espazos de exhibición. O realizador Isaki Lacuesta, a actriz Ángela Molina e o actor Antonio Durán "Morris" recibirán os Premios Cineuropa 2018 e protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre previa retirada de convites no Teatro Principal. O xa tradicional ciclo temático do festival, formado por máis de 100 filmes, pon nesta edición o foco na necesidade de preservar e garantir un elemento esencial no devir da libre creación artística e de calquera sociedade libre e democrática: o dereito a escandalizar. Cineuropa busca así abrir as portas ao debate “sen leis nin mordazas”. Será o filme
La noche de 12 años, do realizador montevideano Álvaro Brechner, o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que terá lugar o mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, e que contará coa participación da artista plástica, música e cantante Queyi. Hoxe presentouse no pazo de Raxoi esta XXXIIª edición do evento cinematográfico..
Amplía a nova>>
31/10/2018
O CGAI catalogará e conservará o arquivo fotográfico de César Antonio Molina
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o escritor e ex-ministro de Cultura César Antonio Molina asinaron onte un contrato para a cesión do arquivo fotográfico deste último ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia. Alí procederase á análise, inventario, catálogo e rexistro de todo este material. Este arquivo reúne tanto fotografías familiares desde finais do século XIX como instantáneas que dan conta da súa intensa traxectoria vital, cultural e profesional, ademias de imaxes que lle foron dedicadas por fotógrafos de prestixio, ademais de reportaxes en formato audiovisual e outros materiais que compoñen un fondo documental de cinem.
Amplía a nova>>