23/10/2018
O Xº FKM da Coruña deixa un palmarés internacional con gran presenza galega
A décima edición do Festival de Cinema Fantástico FKM da Coruña, chegou ao seu final outorgando os premios nas diferentes categorías que o festival comprende. A cinta británica
Beast do director Michael Pearce converteuse na gañadora do Concurso internacional de longametraxes Ópera Prima con seguindo ademais do Premio do Xurado o outorgado polo público. Pearce tamén se fixo co galardón ao mellor guión. Na categoría de curtametraxes o xurado elixiu a
Aurore de Maël Le Mée, mentres que o público decantouse pola curta
Limbo de Daniel Viqueira, que por parte do xurado tamén obtivo mención. Norberto Leiva gañou con
A Secuencia o premio ao mellor guión no concurso específico para estes traballos, no que tamén acadou mención Marcos Nine polo seu traballo
Sandwich. O premio á Mellor interpretación foi para Alejandro Carro por
Sea beasts, un filme dirixido por Felipe González..
Amplía a nova>>
22/10/2018
Comeza en Santiago o XVIº festival de cine euroárabe AMAL
O documental
Nacido en Gaza (2014) abrirá hoxe a inauguración décima sexta edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2018 ás 20 horas no Teatro Principal de Santiago Compostela. A película do reporteiro de guerra, escritor e director de documentais ítalo-arxentino tivo o Premio José María Forqué ao mellor documental. Tras do documental, o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, ofrecerá unha conferencia titulada
Las guerras de siempre na que o empresario palestino analizará o panorama das guerras do século XXI, causas, formas e tratamento e as súas consecuencias. En total, e ata o 26 de outubre serán oito as obras audiovisuais centrada no intercambio cultural euroárabe que se poderán ver neste festival e que se complementan coa exposición fotográfica
Familia Completas. Familias Incompletas de Sergi Cámara, no Hotel Araguaney..
Amplía a nova>>
18/10/2018
A serie Fariña e Julia Otero obteñen cadanseu Premio Ondas
Barcelona acolleu onte a presentación do palmarés dos Premios Ondas, que convoca anualmente o grupo PRISA para recoñecer as principais producións nacionais e internacionais no campo audiovisual. No palmarés atópanse dous representantes galegos. Por unha banda
Fariña, realizada por Bambú Producións, fíxose co galardón á mellor serie. Pola outra, a monfortina Julia Otero obtivo o premio á mellor programación de radio polo seu labor en
El Gabinete de Onda Cero. O galardón outorgóuselles ex-aequo con Isaías Lafuente por
Unidad de vigilancia, da Cadena SER..
Amplía a nova>>
17/10/2018
O OUFF comezará o vindeiro 29 de novembro
Coa sinatura do protocolo de colaboración entre Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo, para a organización da 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) desveláronse tamén algunhas das claves desta nova edición que supón tamén un punto e aparte na longa vida deste festival que pasa da responsabilidade do Concello de Ourense á do ente provincial tras un duro período de incertezas sobre a súa continuidade e desencontro co anterior equipo directivo. A nova edición do OUFF se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro e terá a Miguel Anxo Fernández, vicepresidente da fundación "Carlos Velo", como coordinador artístico, e ao asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, como coordinador técnico. Os filmes exhibiranse no centro cultural "Marcos Valcárcel", no Teatro Principal, no Auditorio de Ourense, no Liceo e na sala do Cineclube Padre Feijoo. Coa sinatura deste protocolo entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, o ente provincial, que recentemente se fixo co dereito sobre a marca OUFF cedido polo concello, asumirá con cargo aos seus orzamentos os gastos de organización, e adscribirá, nas datas, horario e para as funcións que se determinen no seu momento, persoal propio, para a realización de tarefas necesarias para a organización do OUFF 2018, ademais de pór a disposición do Festival os espazos da súa titularidade: Teatro Principal e centro cultural "Marcos Valcárcel", nas datas e horario que se determinen..
Amplía a nova>>
16/10/2018
Oito produtoras galegas participan no MIPCOM de Cannes
Big Rights, Cinfo, Congo Producciones, CTV, Ficción Produciones, Portocabo, Voz Audiovisual e Zenit TV son as oito produtoras galegas que están presentes na edición deste ano do MIPCOM de Cannes. A maior feira internacional dedicada aos contidos audiovisuais abría onte as súas portas na cidade francesa a contar cunha delegración galega que encabeza a Axencia Galega das Industrias Culturais. As empresas galegas buscarán no evento distribución para os seus produtos e socios para coproducir novos proxectos. Cinfo, empresa especializada na retransmisión e realización de eventos deportivos e musicais e na elaboración de metadatos é a última incorporación á delegación galega nesta feira que se prolonga ata o vindeiro 18 de outubro. Ademais destas produtoras, a Agadic distribuirá no evento o catálogo
Films from Galicia, que repasa a produción audiovisual do noso país..
Amplía a nova>>
15/10/2018
O LAVmov de Vedra presenta o seu primeiro palmarés
O Concurso audiovisual "A fume de carozo" do LAVmov de Vedra fallou a súa primeira edición premiando ex aequo as pezas
SIRO, de Lucía Estévez; e
OS REMEDIOS, de Sara Iglesias, Ada Seoane, Laura LaMontagne, Patricia López e David Rodríguez. A Asociación Sen Un Peso da localidade coruñesa xuntou para a ocasión desta primeira edición, tras 10 anos de LAV dedicados á formación audiovisual, a 6 equipos nun reto de creación que implicaba idear, filmar e montar en 50 horas unha peza audiovisual do xénero que quixeran sempre e cando cumpriran os requisitos sorpresa que descubriron no inicio do concurso: estar gravada en galego, incorporando a frase
"E choverá mañá?" e incluíndo na trama una localización de Vedra asignada ao azar. O xurado, formado por Mela Casal, Alfonso Zarauza e Manuel García Torre foron es encargados da selección final..
Amplía a nova>>
11/10/2018
Sexo, provocación e censura son os eixes do X Freakmacine
Freakmacine, o Festival de Cinema Fantástico da Coruña, inicia este 12 de outubro a súa décima edición. A partir dos eixes de sexo, provocación e censura,a organización convida a coñecer "a obra de autores cuxa fantasía resultou especialmente transgresora ou subversiva, ata o punto de pagar a súa
ousadía coa censura o ostracismo ou o exilio". No programa mantéñense citas como a clase maxistral de efectos especiais, desta volta a cargo de Pedro Rodríguez, a video-regueifa, as mesas cadradas ou a zombiewalk, ás que se suma unha sesión de crítica cinematográfica da man de Jordi Costa ou unha homenaxe ao cineasta polaco Walerian Borowczyk. Como novidade, este ano bota a andar o I Foro de coprodución internacional FKM.WORKS. Haberá tamén espazo para o público infantil con sesións de cinema e talleres didácticos gratuítos.
.
Amplía a nova>>
10/10/2018
A Agadic falla o concurso de ideas de audiovisuais sobre o Camiño de Santiago
O web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recollía onte o fallo da primeira fase das "subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos e para a posterior produción dunha obra audiovisual que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago". Esta liña de axudas concedeu apoio para cinco propostas de temática xacobea entre as que se seleccionará unha para a que se prevé un apoio económico de ata 1,5 millóns de euros..
Amplía a nova>>
25/09/2018
Luz Darriba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antón Santamarina e Ramón Villares, galardoados cos Premios da Cultura Galega
O xurado dos Premios da Cultura Galega, que concede anualmente a Xunta de Galicia, daba a coñecer onte a listaxe de galardoados nesta xeira. Xosé María Álvarez Cáccamo, "un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual", segundo a organización, foi recoñecido co galardón na modalidade de letras, mentres a creadora Luz Darriba levou o Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. O traballo do Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT de Carballo que "pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia", valeulle a este evento no galardón no campo das artes escénicas.
.
Amplía a nova>>
13/09/2018
A Deputación ourensá fará posible o OUFF en 2018
A 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF non pasará un ano en branco como semellaba polos últimos movementos do Concello ourensá que situaba a seguinte edición na primavera de 2019. A entrada en xogo da Deputación Provincial de Ourense, segundo informa hoxe o xornal La Región, faría posible que aínda se celebrase antes de que acabe o presente ano. O diario anuncia un importante xiro nas circunstancias, que farían posible a celebración do evento en decembro, grazas, aseguran, a unha aposta decidida por parte da Deputación cara a continuidade do festival que co-organizará co Concello e para cuxa xestión contará coa Fundación Carlos velo, segundo avanza a cabeceira ourensá. A información apunta que a entidade provincial porá a disposición do festival medios humanos e económicos, mentres que a dirección do evento, toda vez que Fran Gayo e Natalia e Analía G. Alonso xa se desvencellaron completamente, correría a cargo da persoa encargada pola Fundación Carlos Velo. Este "reinicio" do OUFF traería ademais novidades como a presencia do evento en máis puntos da provincia e e unha programación prolongada máis alá dunha semana. Falta por saber que pasará co procedemento de licitación aberto polo Concello ourensán para a xestión do OUFF e ao que nin Gayo nin Alonso quixeron presentarse..
Amplía a nova>>