A Deputación ourensá fará posible o OUFF en 2018

A Fundación Carlos Velo participará coa xestión da 23ª edición do evento

A 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF non pasará un ano en branco como semellaba polos últimos movementos do Concello ourensá que situaba a seguinte edición na primavera de 2019. A entrada en xogo da Deputación Provincial de Ourense, segundo informa hoxe o xornal La Región, faría posible que aínda se celebrase antes de que acabe o presente ano. O diario anuncia un importante xiro nas circunstancias, que farían posible a celebración do evento en decembro, grazas, aseguran, a unha aposta decidida por parte da Deputación cara a continuidade do festival que co-organizará co Concello e para cuxa xestión contará coa Fundación Carlos velo, segundo avanza a cabeceira ourensá. A información apunta que a entidade provincial porá a disposición do festival medios humanos e económicos, mentres que a dirección do evento, toda vez que Fran Gayo e Natalia e Analía G. Alonso xa se desvencellaron completamente, correría a cargo da persoa encargada pola Fundación Carlos Velo. Este "reinicio" do OUFF traería ademais novidades como a presencia do evento en máis puntos da provincia e e unha programación prolongada máis alá dunha semana. Falta por saber que pasará co procedemento de licitación aberto polo Concello ourensán para a xestión do OUFF e ao que nin Gayo nin Alonso quixeron presentarse.