Catorce iniciativas reparten as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais investiu 240.000 euros nestas subvencións

Cinco longametraxes de ficción, catro series e miniseries televisivas, catro documentais e unha película de animación, todas elas promovidas por produtoras galegas, contarán co apoio das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A Axencia Galega das Industrias Culturais publicaba onte no seu web a resolución desta liña de apoios, dotada con 240.000 euros. As longametraxes que poderán iniciar o seu proceso de preprodución mercé a esta subvención son A leituga, que leva ao cinema a obra de teatro homónima da man de Diana Toucedo e Víctor Duplá; Ariel, coprodución galego-arxentina dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro; Aura 1964 de Ignacio Vilar; O corpo aberto de Ángeles Huerta; e Einstein-Rosen, coa que a directora Olga Osorio lle dará continuidade á súa multipremiada curtametraxe homónima.

No campo dos documentais, foron subvencionados os novos proxectos de Pela del Álamo (Montaña ou monte), Xabier Eirís (Gnädinger, sobre a figura de Man), Marcos Nine (A Virxe Roxa, e Os días calados do señor Stevens César Souto. A nivel de series e miniseries televisivas, participan destas axudas APPS, Retaliación, a coprodución galego-portuguesa Ouro negro e A fábrica. As axudas concedidan teñen contías de 10.000 e de 20.000 euros e poden consultarse polo miúdo no web da Agadic.