23/05/2019
Este venres estréase en cines 'Elisa y Marcela'
Elisa y Marcela, a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV, chega esta fin de semana ás salas de cine. O filme gravado en español, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 -no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España— está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández. Xunto a elas, completan o reparto nove actrices e actores galegos: María Pujalte, Tamar Novás, Sara Casasnovas, Roberto Leal, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Elena Seijo e Cova Verdiñas. As secuencias rodadas en Galicia rexistráronse en paraxes repartidas nas provincias de Ourense (Boborás, Pazos de Arenteiro, Moldes e Celanova) e da Coruña (San Xulián de Bastabales, praia da Aguieira e montes de Portosín e mais Luaña). Despois de terse presentado na pasada Berlinale, a estrea será a partir deste venres 24 en seis cines galegos, ademais dos pases previstos en Madrid, Barcelona e Málaga. Na nosa Comunidade, as salas que proxectarán a película son Numax, en Santiago de Compostela; Multicines Norte, en Vigo; Cantones, na Coruña; Cines Xunqueira, en Cee; Cinexpo, en Pontevedra; e Cines Pontevella, en Ourense. Na plataforma dixital Netflix estrearase o 7 de xuño e para o vindeiro ano 2020 poderase ver en TVG, TV3, Canal Sur, Aragón TV, Castilla-La Mancha TV e Televisión de Canarias. A película tivo un orzamento que supera os 1,6 millóns de euros ao que contribuíu unha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de 240.000 euros..
Amplía a nova>>
22/05/2019
Ana Míguez é a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual
A directora de produción Ana Míguez ostentará a presidencia da Academia galega do Audiovisual en substitución do guionista Carlos Ares que ostentou o cargo desde 2015. Na asemblea ordinaria e electoral celebrada onte, 21 de maio de 2019, foi elixida por unanimidade unha nova xunta directiva, que rexerá a vida da Academia nos vindeiros dous anos. Ana Míguez estará acompañada no equipo directivo por Álvaro Pérez Becerra, Carmen Méndez, Isabel Naveira, Óscar Cruz, Pepe Coira, Saamira Ganay, Sonia Méndez, Susana Veira e Xavi Font. .
Amplía a nova>>
20/05/2019
Agadic adxudica un millón e medio para unha serie de TV sobre o Camiño
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ven de facer publica a resolución da súa subvención para a produción dunha serie de ficción para televisión sobre o Camiño de Santiago. O proxecto
Tres caminos da produtora amiense Ficción Producciones foi o seleccionado pola comisión de valoración e recibirá 1.500.000 euros para a súa realización. Esta resolución é a segunda fase da convocatoria de axudas de Agadic que comprende subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais, xa resoltas previamente e entre os que estaba o proxecto de Ficción Producciones cunha adxudicación de 15.000 euros, e desta fase para a axuda á produción da obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021..
Amplía a nova>>
15/05/2019
Inaugúrase a exposición 'Outra pel, outro rostro' da fotógrafa Cris Andina
O Festival de Cans no seu intento de ter o cinema como punto de partida e achegar o festival a outras disciplinas, programa por primeira vez unha exposición fotográfica, que vai máis alá das datas principais do certame. Este mércores 15 de maio ás 19:30 horas inaugurarase a mostra
Outra pel, outro rostro da ribadense Cris Andina. Un traballo, formado por máis de 30 retratos, que este fotógrafa realizou seguindo a numerosas actrices e actores para retratalos no intre no que pasan a barreira da caracterización e mudan de rostro para interpretar aos seus personaxes no escenario. Esta mostra, que estará dividida entre o Círculo Recreativo Cultural do Porriño e a Sala Ingrávida, é de entrada gratuíta e poderá visitarse ata o vindeiro 15 de xuño..
Amplía a nova>>
14/05/2019
Dispoñible o programa da II Mostra de Cine Latinoamericano Araguaney
O Teatro Principal de Santiago acolle entre o 20 e o 24 de maio a II Mostra de Cine Latinoamericano Araguaney, organizada pola Fundación Araguaney. Este certame exhibirá nove películas e documentais de Chile, México, Argentina, Uruguay, Brasil, República Dominicana e Estados Unidos e está dirixido por Alberto Domínguez Ojea. Entre os filmes,
¡Las sandinistas!, de Jenny Murray,
Chavela, de Catherine Gund e Daresha Kyi ou
Sueño en otro idioma, de Ernesto Contreras. .
Amplía a nova>>
14/05/2019
O MARCO proxecta o 'NODO' cultural galego perdido de Antón Beiras
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental
RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do esquecemento por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia. O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun "contra NODO" destinado á cultura galega no exilio..
Amplía a nova>>
13/05/2019
A Academia Audiovisual e o CGAI despiden a Víctor Ruppen coas súas curtametraxes
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), homenaxeará mañá martes 14 de maio a Víctor Ruppen (A Coruña 1940 -2019) que falecía a pasada semana. Ruppen, mecenas e produtor, está recoñecido como unha das figuras pioneiras na creación dun cinema propio galego. Nado na Coruña en 1940, Ruppen compaxinou a súa profesión de arquitecto técnico con outras actividades empresariais e culturais relacionadas co cinema. Participou na creación da distribuidora Musidora Films e no campo da exhibición coa creación dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago e dos Alphaville en Madrid. Nos anos 70 deulle un pulo decisivo á produción de curtametraxes en formatos profesionais, co que contribuíu a fortalecer os inicios do audiovisual galego. Como recoñecemento a ese labor, foi merecedor do primeiro premio de honra Fernando Rey que outorgou a Academia no ano 2002. As dúas entidades ofrecerán a proxección dunha selección das primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35mm e nas que foi determinante o papel de Ruppen como produtor, poderanse ver
Fendetestas de Antonio Simón (1975),
Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975),
O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e
O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977). A sesión, que comezará ás 20:30 horas, estará presentada pola investigadora galega Sara Donoso, quen este ano recibiu un accésit na categoría de Ensaio escrito sobre audiovisual galego nos Premios Maria Luz Morales..
Amplía a nova>>
10/05/2019
A Mostra Internacional de Cinema Periférico reúne nomes clave do cinema experimental
A (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico xa ten dispoñible a programación da súa décima edición, que se desenvolverá desde o 31 de maio ata o 9 de xuño na Coruña. Neste décimo aniversario, o (S8) dedicaralle un foco á conservación e restauración de cinema experimental, que será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da súa programación. O foco estará composto por unha serie de master classes de expertos neste campo, complementadas con sesións de cinema restaurado, que culminará cunha mesa redonda formada por expertos e expertas no tema de gran prestixio internacional como son Mark Toscano, Bill Brand, Janine Marchessault e Ross Lipman. Cada edición, a Mostra tenta tamén traer ata A Coruña a algunha figura histórica do cinema experimental. Nesta ocasión visitará o festival Malcolm Le Grice, un dos fundadores da London Film-makers’ Co op e figura fundacional do cinema estrutural/materialista como creador, como teórico e como escritor. O festival repasará a súa extensísima carreira a través de dúas sesións que revisarán o seu cinema desde os sesenta ata hoxe..
Amplía a nova>>
09/05/2019
Dez festivais audiovisuais reparten 170.000 euros da Agadic
A Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de facer pública a adxudicación das subvencións a festivais do sector audiovisual para 2019. En total dez eventos deste tipo repartirán o total de 170.000 euros con que estaban dotadas estas axudas. O máis beneficiado nesta liña resultou ser o Play-Doc de Tui, que conta con 38.000 euros para a súa XV edición, celebrada no pasado mes de marzo. Pola súa banda o XVI Festival de Cans obtivo 27.770 euros e a décimo sexta edición de Curtocircuíto 26.574.
.
Amplía a nova>>
09/05/2019
Preséntase o documental Revisitando a Antonio Fraguas
O director Gonzalo Veloso presentaba onte o documental
Revisitando a Antonio Fraguas, filme no que percorre a traxectoria do homenaxeado no Día das Letras deste ano. O proxecto, que contou co apoio da Consellaría de Cultura, conta con testemuños de persoas que trataron a Fraguas como Justo Beramendi, Clodio González, María Xosé Fernández e Víctor F. Freixanes. O documental será unha das pezas centrais da exposición sobre Fraguas que abre o vindeiro 14 de maio o Museo do Pobo Galego en San Domingos de Bonaval..
Amplía a nova>>