A Academia Audiovisual e o CGAI despiden a Víctor Ruppen coas súas curtametraxes

O produtor falecido a pasada semana foi unha figura esencial nos inicios do cine galego

Víctor Ruppen
Víctor Ruppen
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), homenaxeará mañá martes 14 de maio a Víctor Ruppen (A Coruña 1940 -2019) que falecía a pasada semana. Ruppen, mecenas e produtor, está recoñecido como unha das figuras pioneiras na creación dun cinema propio galego. Nado na Coruña en 1940, Ruppen compaxinou a súa profesión de arquitecto técnico con outras actividades empresariais e culturais relacionadas co cinema. Participou na creación da distribuidora Musidora Films e no campo da exhibición coa creación dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago e dos Alphaville en Madrid. Nos anos 70 deulle un pulo decisivo á produción de curtametraxes en formatos profesionais, co que contribuíu a fortalecer os inicios do audiovisual galego. Como recoñecemento a ese labor, foi merecedor do primeiro premio de honra Fernando Rey que outorgou a Academia no ano 2002. As dúas entidades ofrecerán a proxección dunha selección das primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35mm e nas que foi determinante o papel de Ruppen como produtor, poderanse ver Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977). A sesión, que comezará ás 20:30 horas, estará presentada pola investigadora galega Sara Donoso, quen este ano recibiu un accésit na categoría de Ensaio escrito sobre audiovisual galego nos Premios Maria Luz Morales.

Ligazóns