O MARCO proxecta o 'NODO' cultural galego perdido de Antón Beiras

O documental 'RESCATADA' recolle gravacións de 1951-52 restauradas por Atlantis Multimedia

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do esquecemento por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia. O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun "contra NODO" destinado á cultura galega no exilio.

No ano 1951, Antón Beiras seguía embarcado na súa empresa de crear un arquivo documental do que acontecía en Galicia ao modo do que o NODO era para a España daquela época, consciente de que unha parte importante da nosa historia non quedaría rexistrada por non ser de interese para a oficialidade do momento. Nese contexto, son varias as gravacións que se realizan. En 2016, Miguel Piñeiro atopa no arquivo da Familia Beiras Cal unha película conservada nun estado moi deteriorado e da que se descoñecía o seu contido. Fanse consultas con laboratorios especializados de Madrid, Lisboa, e California, e descártase a posibilidade da súa recuperación por atoparse o material "cuarteado" e "avinagrado" -o que impedía calquera proceso automático de escaneado— ou ben polo elevado custo do proceso, dado o estado do filme, e sen de garantías de éxito. Nesas circunstancias, a recuperación da mesma fíxose cos medios que a produtora Atlantis Multimedia tiña ao seu alcance nun minucioso proceso que levou a investir 1.289 horas de traballo para sacar á luz o contido da película, que xa se daba por perdida.