03/07/2019
O primeiro Atlantic Pride busca colocar A Coruña no mapa das celebracións LGTBQI
A asociación Orgullo Coruña (ORCO) organiza entre os vindeiros días 7 e 14 de xullo a primeira edición de Atlantic Pride, unha semana de eventos lúdicos, culturais e reivindicativos cos que visibilizar a diversidade afectiva-sexual. O evento xurde co obxectivo de ser o referente no noroeste destas reivindicacións e colocar A Coruña no mapa nacional e internacional de cidades que conmemoran o Día Internacional do Orgullo LGTBQI. ORCO ven de presentar o cartel completo de actividades da Atlantic Pride que inclúen moitas propostas musicais, proxeccións audiovisuais, obradoiros infantís e diversos tipos de encontros coa literatura e as artes. Varias prazas e espazos da cidade acollerán os actos previstos, como a Fundación Luís Seoane ou a Casa-Museo Casares Quiroga. Os xardíns de Méndez Núñez acollerán boa parte das celebracións ademáis do fin de festa coa actuación do grupo catalán La Casa Azul. No programa tamén están previstas as actuacións de Dj’s e artistas galegos como Ortiga, o dúo Presumido, Los Jinetes del Trópico ou Os do fondo da Barra, entre outros. .
Amplía a nova>>
28/06/2019
Os editores estatais premian a serie Fariña
A serie
Fariña, producida pola empresa galega Bambú Producións, acaba de recibir o recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España. A entidade outorgoulle a esta produción o seu Premio Liber 2019 á mellor adaptación audiovisual polo seu traballo de translación do libro
Fariña de Nacho Carretero, á pantalla. Segundo destacan os editores "a serie concitou un consenso case unánime sobre a súa calidade como produto televisivo" a ser "a serie máis premiada dos últimos anos". Tamén sinalan que o proxecto "plasma en imaxes de enorme realismo a durísima realidade do narcotráfico dos años 80 e as súas implicacións sociais e políticas". Os premios Liber entréganse no marco da Feira Internacional do Libro de Madrid.
.
Amplía a nova>>
27/06/2019
Quince guións, curtas e longametraxes reparten as axudas ao talento audiovisual
A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo pública a resolución das subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. En total son 15 novos proxectos de escrita de guión e de produción de curtas e longametraxes, dous máis que no pasado ano, os que reparten os 150.000 euros con que conta esta liña de axudas, que viu incrementada a súa contía nun 7,5 por cento a respecto de 2018. Dos mesmos, 30.000 euros destínanse á escrita de seis guións de longametraxes cinematográficas en galego, 36.000 euros á realización de seis curtametraxes en versión orixinal galega e 90.000 euros a tres proxectos de longametraxes con dirección novel, segundo explica a Agadic..
Amplía a nova>>
07/06/2019
A sombra da lei de Dani de la Torre obtén un galardón no Celtic Media Festival
A 40 edición do Celtic Media Festival de Aviemore (Escocia) acaba de galardoar o filme
A sombra da lei do galego Dani de la Torre co Premio Torc ao mellor filme. Canda a esta produción protagonizada por Luís Tosar participaban no certame o documental
Caso Diana Quer: 500 días na categoría
Current affairs, o
Diario Cultural da Radio Galega, a competir na sección
Radio music programme e mais o programa da TVG
Historias mínimas no apartado
Factual Series.
.
Amplía a nova>>
04/06/2019
Comeza a rodaxe dunha nova serie coproducida por Galicia e Portugal
A produtora galega Portocabo, en colaboración coa lusa SP-i, comezan esta semana na comarca de vigo a rodaxe de
Auga seca. Esta nova serie, un thriller sobre o tráfico de armas, xorde3 dunha coprodución entre Galicia e Portugal. A TVG e a RTP portuguesa emitirán esta produción, que conta cun apoio de 260.000 euros da Axencia Galega das Industrias Culturais. Vitoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos encabezan o elenco deste proxecto do que tamén fan parte Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais canda a preto de 150 profesionais e 300 figurantes. A rodaxe, que se presentaba onte en Vigo, continuará en vindeiras datas en Lisboa..
Amplía a nova>>
03/06/2019
A Deputación da Coruña distribúe un millón de euros entre 63 festivais culturais
Un total de 63 festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas da Provincia da Coruña reparten 1.065.127 euros das axudas que concede a Deputación da Coruña a estas citas. A entidade publicaba o pasado venres no seu web da listaxe de beneficiarios desta liña de subvencións, que achega 545.608 euros a 28 festivais organizados por concellos e 519.519 a 35 desenvolvidos por outras entidades. Entre as citas que contan con máis apoio están eventos coma o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que obtén 95.000 euros, Cineuropa (76.000), Curtocircuíto (75.000) ou o Outono de Teatro de Carballo (56.050)..
Amplía a nova>>
31/05/2019
AGADIC convoca as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais
As subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega contarán na nova convocatoria bianual cun orzamento de 260.000 euros, anos 130.000 euros con cargo ao exercicio 2019 e 130.000 euros con cargo ao exercicio 2020. Así se recolle nas bases da convocatoria publicadas hoxe no DOG para esta liña de axudas da Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) que se outorgan por concorrencia competitiva. O orzamento supón un aumento de 20.000 euros respecto á convocatoria do ano 2018. Esta liña de axudas contempla catro modalidades de proxecto entre as que terán que elixir as empresas solicitantes: Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries); proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV); documental para cine e televisión; desenvolvemento de proxectos piloto de programas para televisión que destaquen por ofreceren formatos innovadores e alto potencial de internacionalización. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderán ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante. Os proxectos de animación, sexan longametraxes ou series, os proxectos de ficción para cine e as series e miniseries de ficción para TV poderán optar a axudas de ata 20.000 euros. Mentres, os proxectos de carácter documental, os programas piloto de TV e as longametraxes de ficción para TV terán unha axuda máxima de 10.000 euros. .
Amplía a nova>>
27/05/2019
Primeira película en galego e Premio do xurado de Cannes
Houbo que agardar 72 edicións do Festival de Cine de Cannes para poder ver nesta cita audiovisual de impacto global a proxección dunha película en galego, pero este fito non quedou só na proxección de
O que arde, senón que tamén incluíu o recoñecemento en forma de premio. Oliver Laxe (París, 1982), presentaba por terceira vez película en Cannes, aínda que era a primeira dentro da sección oficial, e con
O que arde, dentro da sección
Un certain regard triunfaba recibindo o premio do xurado. Anteriormente coa súa primeira longametraxe
(2010), gravada en Marrocos, participará na Quinzaine des Réalisateurs paralela ao festival, e con Mimosas (2016) acadou o Premio da Semana da Crítica de Cannes, outra sección paralela ao evento. Desta vez, cunha historia na que o director roda por vez primeira en Galicia e tratando un tema tan propio como o dos incendios forestais no rural, Laxe chega de Cannes cun premio oficial do xurado que xa será carta de presentación desta película, malia que o seu percorrido por certames aínda está comezando. A iso se lle suman as moi boas críticas acadadas polo filme en medios especializados de diferentes países grazas a esta proxección. O realizador franco-galego recollía o seu premio en compañía dos seus actores protagonistas non profesionais, Amador Arias Mon e Benedicta Sanchez. A película chegará ás salas previsiblemente a finais deste ano da man da distribuidora NUMAX. . Amplía a nova>>
27/05/2019
The Widow, de Noelia Muíño, álzase como triunfadora en Cans
Con tres galardóns, os de mellor guión, mellor realización e mellor dirección de fotografía para Asia Khmelova, a curta
The Widow, de Noelia Muíño, revelouse como a grande triunfadora do último Festival de Cans. O encontro audiovisual da aldea porriñesa fechaba na noite de sábado a súa décima sexta xeira cunha entrega de premios na que tamén destacou
Limbo, de Dani Viqueira, filme que obtivo os recoñecementos á mellor curtametraxe de imaxe real e á mellor banda sonora orixinal para Germán Díaz..
Amplía a nova>>
24/05/2019
Víctor Mosqueira e Josito Porto protagonizan as visitas teatralizadas da Ruta do Viño Rías Baixas
Os actores Josito Porto e Víctor Mosqueira levarán a cabo as visitas teatralizadas previstas nas VIII Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño Rías Baixas no Pazo de Fefiñáns en Cambados. Entre os dous populares actores de cine, televisión e teatro xuntan un impresionante palmarés de méritos pola súa calidade interpretativa. Víctor Mosqueira acumula catro premios de interpretación María Casares de teatro e Porto pola súa conta ten tamén tres de estes recoñecementos. Noutra orde de cousas os dous comparen actualmente cartel co espectáculo infantil
Cartoons de Producións Teatrias Excéntricas. Estes dous intérpretes destacados da escena teatral introducirán aos visitantes na cultura e na historia vitivinícola do pazo de da Denominación de Orixe encarnando a diferentes personaxes. As visitas teatralizadas terán varios pases, o sábado 8 de xuño ás 12.00, 17.00 e 19.00 horas e o domingo 9, ás 12.00 horas. A Ruta do Viño Rías Baixas está integrada no
Club de Producto de las Rutas del Vino de España. A programación con motivo das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, impulsadas por Turismo de Galicia, terá lugar entre os vindeiros 7 e 9 de xuño..
Amplía a nova>>