Novas | 1051 a 1060 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

14/03/2019
Música, fronteiras e mulleres protagonizan a 14 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

A MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) celebra entre os vindeiros 25 e 31 de marzo a súa 14 edición en Compostela. Un total de 16 filmes de dez nacionalidades diferentes, entre eles cinco estreas estatais e sete galegas compoñen o programa. Producións como Familienleben, de Rosa Hannah Ziegle, Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández ou Los que desean, de Elena López Riera comparten espazo cos proxectos galegos Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro, Hora silenciosa de Noelia Mª Muíño, Tecido resistente de Marina Chiavegatto e mais Stockroom de Sol Mussa entre outros.. Amplía a nova>>

12/03/2019
Antonio Durán Morris obtén un galardón da Unión de Actores e Actrices

O seu traballo na serie Fariña a interpretar a Manuel Charlín valeulle a Antonio Durán Morris facerse co premio a Mellor Actor Secundario TV que outorga a Unión de Actores e Actrices de España. Morris foi o único galego que obtivo un destes galardóns, aos que tamén optaban Javier Rey e Javier Gutiérrez, na categoría de protagonistas masculinos en televisión, e Luís Zahera, que concorría ao premio ao mellor intérprete secundario en cinema polo filme El Reino.. Amplía a nova>>

06/03/2019
Os premios Fotogramas de Plata recoñecen á serie 'Fariña' e o seu protagonista Javier Rey

Boa semana para o audiovisual galego. A entrega dos prestixiosos Premios Fotogramas de Plata que a revista de cine leva outorgando desde 1951 coroou á serie Fariña, da produtora galega Bambú Producciones e Atresmedia como a mellor aposta televisiva do pasado ano. A serie baseada no libro homónimo do xornalista Nacho Carretero, que conta a crónica do narcotráfico galego na década dos anos 80 do século XX e que reúne a un enorme elenco de actores e actrices habituais do audiovisual galego, conquistou aos críticos que, como xa ocorreu antes nos Premios Feroz dos informadores cinematográficos, acharon nela a Mellor Serie Española do ano 2018. Tamén se repetiu neste caso o galardón ao actor noiés Javier Rey, protagonista de Fariña pola súa interpretación do narcotraficante Sito Miñanco. Rey recolleou o seu premio saudando e despedindo en galego cun “boas noites” que puxo o acento galego nesta gala do audiovisual. A serie está arestora presente en todo o mundo grazas á distribución da mesma pola vía da plataforma Netflix.. Amplía a nova>>

06/03/2019
CGAI e Consello da Cultura anticipan o 8M co ciclo Olladas de Muller

Desde esta tarde e ata o vindeiro 9 de marzo a sede do Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña acolle unha nova edición do ciclo Olladas de Muller. A entidade colabora como cada ano co Consello da Cultura Galega para achegar unha selección de filmes dirixidos por realizadoras que ademais, en varios casos, exercen dende unha clara vontade feminista. O documental Arte + muller + Galicia, da comisaria Rosario Sarmiento, Tódalas mulleres que coñezo de Xiana do Teixeiro, Trinta lumes, de Diana Toucedo, Correspondencias, de Rita Azevedo Gomes e mais unha selección de curtametraxes que nos permiten descubrir o talento en ambas as dúas marxes do Miño compoñen o programa.. Amplía a nova>>

04/03/2019
O novo catálogo Films from Galicia presenta 43 producións audiovisuais

Unha mostra da produción audiovisual galega recente e dos proxectos actualmente en desenvolvemento, cun total de 43 propostas de cinema e televisión é a achega do novo catálogo Films From Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) presentaba a pasada semana esta publicación que comezou a súa distribución no European Film Market da Berlinale e que se repartirá nos diferentes mercados internacionais do audiovisual que contan con presenza galega. . Amplía a nova>>

27/02/2019
Asociacións e colectivos apoian a Chano Piñeiro para o Día das Letras Galegas

Fai uns poucos días que as institucións do país presentaron as actividades e iniciativas que este ano ofrecerá a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas Fraguas e xa aparece nos medios a proposta de impulsar o recoñecemento de Chano Piñeiro para a celebración no 2020. A intención non é nova dado que xa comezou a campaña o pasado ano o escritor Francisco Rozados, biógrafo do malogrado cineasta, co obxectivo de facer coincidir a data co 25 cabodano de Piñeiro (1954- 1995). Agora esta campaña viva nas redes sociais colle pulo co apoio recibido por parte de numerosas persoas e colectivos segundo recolle Atlántico Diario. A idea de trasladar a petición á Real Academia Galega da toma en consideración do cineasta que asinou a curtametraxe Mamasunción (1984) e a primeira longametraxe íntegra en galego, Sempre Xonxa(1989) está actualmente apoiada pola Irmandade da Sanidade Galega, Fundación Lois Peña Novo, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Academia Galega do Audiovisual, Ateneo de Pontevedra, Fundación Carlos Velo, Escola de Imaxe e Son de Vigo, Colexio de Boticarios de Pontevedra e a Academia de Farmacia de Galicia. Como é habitual a RAG decidirá entre xuño e xullo o nome da persoa a homenaxear no vindeiro ano, de resultar elixido Piñeiro sería o primeiro intelectual do sector audiovisual en recibir este recoñecemento.. Amplía a nova>>

25/02/2019
A Federación de Cineclubes recibe o Premio José Seller da Academia do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) o Premio Especial "José Sellier", que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. Con este premio, a Academia quere poñer en valor que "os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade". A AGA salienta que no ámbito dos cineclubes, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadores receptivos e críticos co cinema. A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc. O presidente da FECIGA, Manuel Precedo, recolleu o galardón no Encontro de Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo que se celebrou no Palexco da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías, a directora da gala -Sonia Méndez-, e numerosas autoridades.. Amplía a nova>>

22/02/2019
As institucións do país únense arredor da figura de Antonio Fraguas

Don Antonio Fraguas era "un home das institucións e dos retos da vida pública", en palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, e as institucións acudían hoxe á chamada para homenaxealo presentando unha ampla programación para celebrar ao longo do ano o Día das Letras Galegas que se lle dedica ao intelectual e investigador. No auditorio do Museo do Pobo Galego, unha das entidades ás que estivo máis vencellado desde a súa fundación e que mesmo dirixiu Antonio Fraguas, acudiron representantes de outras institucións, ademais da Xunta, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Cerdedo-Cotobade, a CRTVG e o propio Museo e Fundación Antón Fraguas, representadas ambas polo seu presidente común Justo Beramendi. Todos eles presentaron as iniciativas, exposicións, publicacións e actividades que, un por un, ou en cooperación entre eles, conforman a primeira batería de accións prevista para dar a coñecer en poñer en valor a vida e a obra de Antonio Fraguas, así como para apoiar a dinamización lingüística e as letras galegas en xeral dentro deste ano 2019.. Amplía a nova>>

20/02/2019
Crece a oferta da Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña

Os concellos da provincia da Coruña poderán escoller para programar entre os 1.776 espectáculos que se inclúen no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña, unha oferta con case catrocentas propostas máis que no 2018. Este incremento débese a que nesta nova edición a convocatoria abriuse a todas as compañías e produtoras galegas, non só as domiciliadas na demarcación provincial. Para este 2019 a área de Cultura da Deputación destina máis de dous millóns de euros á Rede Cultural que o pasado ano chegou a programar case dous mil espectáculos e proxeccións. Escena ao vivo!, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo. Máis da metade das propostas da oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 1.076 espectáculos dos que 508 corresponden a teatro e monicreques, 513 a música e 55 a danza.. Amplía a nova>>

19/02/2019
As mulleres protagonizan a IV Escolma de Cinema Galego de Sarria

Do vindeiro 22 ao 24 de febreiro Sarria celebra a súa IV Escolma de Cinema Galego. A tarde do sábado 23 concentra as proxeccións cun importante protagonismo das cineastas do país. Os fillos da vide, de Ana Dominguez, A estación violenta de Anxos Fazáns e mais Trinta lumes de Diana Toucedo centran a xornada, coa presenza das dúas últimas directoras. No día 22 proxectaranse as pezas que desenvolveu o alumnado do IES Xograr Afonso e do IES Gregorio Fernández no marco dun obradoiro con Anxos Fazáns. Tres pezas de Adrián Canoura (Salitre nas Veas / O porco e o seu espírito / Caerán) na sesión vermú do mesmo día e mais un concerto de Baiuca con proxeccións do mesmo autor completan o programa desta xeira.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org