Música, fronteiras e mulleres protagonizan a 14 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

Compostela acolle as proxeccións do evento entre o 25 e o 31 de marzo

A MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) celebra entre os vindeiros 25 e 31 de marzo a súa 14 edición en Compostela. Un total de 16 filmes de dez nacionalidades diferentes, entre eles cinco estreas estatais e sete galegas compoñen o programa. Producións como Familienleben, de Rosa Hannah Ziegle, Boca de Fogo, de Luciano Pérez Fernández ou Los que desean, de Elena López Riera comparten espazo cos proxectos galegos Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro, Hora silenciosa de Noelia Mª Muíño, Tecido resistente de Marina Chiavegatto e mais Stockroom de Sol Mussa entre outros.

Dentro das novidades do ano destasca a sección paralela Impropias, que "xirará arredor das fronteiras físicas e simbólicas vistas dende unha perspectiva de xénero". O evento acollerá tamén o segundo Seminario Co(m)xénero, que contará coa presenza das docentes e investigadoras Ana Catarina Pereira e Elena Oroz. No palmarés, incorpórase o premio da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO), que recoñecerá a profundidade antropolóxica nos traballos presentados. Da man do Cineclube de Compostela, pola súa banda, chega por terceiro ano consecutivo a sección Trazas, centrada "na relación da música e o son coa etnografía". O Teatro Principal, a sala NUMAX, o Museo do Pobo e o Museo das Peregrinacións acollerán as proxeccións do evento.