CGAI e Consello da Cultura anticipan o 8M co ciclo Olladas de Muller

O ciclo abre esta tarde coa proxección de Arte + Muller + Galicia

Desde esta tarde e ata o vindeiro 9 de marzo a sede do Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña acolle unha nova edición do ciclo Olladas de Muller. A entidade colabora como cada ano co Consello da Cultura Galega para achegar unha selección de filmes dirixidos por realizadoras que ademais, en varios casos, exercen dende unha clara vontade feminista. O documental Arte + muller + Galicia, da comisaria Rosario Sarmiento, Tódalas mulleres que coñezo de Xiana do Teixeiro, Trinta lumes, de Diana Toucedo, Correspondencias, de Rita Azevedo Gomes e mais unha selección de curtametraxes que nos permiten descubrir o talento en ambas as dúas marxes do Miño compoñen o programa.