Novas | 1041 a 1050 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

01/04/2019
O sabor das margaridas: a primeira serie en galego en Netflix

A serie da Televisión de Galicia O sabor das margaridas convertiuse na primeira serie en galego presente no catálogo de Netflix. Este thriller policial foi producido por CTV e emitido pola Televisión de Galicia en 2018. Ambientado no rural galego, a serie está protagonizada por María Mera, Nerea Barros, Ricardo de Barreiro e Toni Salgado. O sabor das margaridas recibiu o Premio Mestre Mateo a mellor serie de televisión en 2019. . Amplía a nova>>

01/04/2019
A etnografía reivindícase como notaria da contemporaneidade cos premios da 14ª MICE

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou os premios correspondentes á súa 14ª edición. A película Nimble Fingers, de Parsifal Reparato, acadou o premio á Mellor Película Etnográfica: "por facer un retrato rigoroso das condicións e vicisitudes do traballo feminino en Vietnam e por mostrar, a través do cotián, aos aspectos subxacentes das transformacións socioeconómicas da globalización", segundo o xurado. O premio á Mellor Película Galega recaeu en Hora Silenciosa, de Noelia Mª Muíño. O xurado destacou dela "o tratamento do silencio, a ritualidade e a sociabilidade dunha comunidade e dunha forma de vida (a das relixiosas de clausura do convento de San Paio de Antealtares) que está en progresiva desaparición". O xurado tamén decidiu facer unha mención honorífica a Stockroom, da viguesa Sol Mussa "pola vontade de reflectir as tensións sociais do colectivo migrante en Reino Unido dende a subxectividade e a reflexión persoal". . Amplía a nova>>

28/03/2019
O actor Carlos Blanco recibirá o premio Pedigree do Festival de Cans

A "súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación" así como "a súa disposición sempre para traballar con creadores e creadoras novos e, sobre todo, con curtametraxistas", ademais do seu labor como cidadán crítico e persoa comprometida coa socidade valéronlle ao actor Carlos Blanco facerse co premio Pedigree do Festival de Cans. A organización do evento que se celebra no Porriño daba a coñecer onte os galardóns da súa XVI edición, que se celebrará entre o 22 e o 25 de maio vindeiros. . Amplía a nova>>

27/03/2019
A mostra 'Recreando personaxes' achega a historia da interpretación galega no audiovisual

A exposición Actrices, actores e animados galegos RECREANDO PERSONAXES da literatura e da historia no audiovisual, ven de inaugurarse hoxe na Biblioteca de Galicia do complexo da Cidade da Cultura no Monte Gaiás de Santiago onde estará ata o 28 de maio. A directora de arte Marta Villar é a comisaria desta exposición. Vinte paneis ofrecen 152 fotogramas nun percorrido polo audiovisual galego desde os anos trinta do século pasado ata os nosos días amosando as creacións interpretativas de 48 actores, 31 actrices e 8 personaxes de animación en 71 títulos para cinema e televisión, entre os que se recollen 46 producións galegas. Entre moitos outros, reúnense nesta exposición fotogramas de Luis Tosar, María Vázquez, Antonio Durán “Morris”, Celso Bugallo, Luis Zahera, Ernesto Chao, Mabel Rivera, Cesar Cambeiro, Uxía Blanco, Manuel Manquiña, Tamar Novas ou Rosa Álvarez nalgúns dos seus papeis máis famosos, pero tamén noutros traballos cinematográficos non tan coñecidos polo gran público. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a apertura desta mostra divulgativa organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia (CGAI), a Academia Galega do Audiovisual, CRTVG, RTVE e Fundación Aisge. . Amplía a nova>>

27/03/2019
Marín acollerá o seu primeiro festival de cinema para infancia e mocidade

Entre os vindeiros 5 e 7 de abril Marín acolle a primeira edición de Infancinemarín, festival de cinem apara infancia e a mocidade. O evento, organizado pola Asociación Big Ajajai e dirixido polo guionista e cineasta Ángel Manzano, proxectará un total de 42 curtametraxes divididas nas seccións Nautilus, para público de entre 3 e 11 anos, e Sputnik, para espectadores de entre 12 e 16. Ademais dos filmes a concurso, seleccionados entre 300 producións internacionais, o programa inclúe tamén obradoiros de dobraxe e animación stop-motion, concertos de Pulpiño Viascón e Caspervek Trío ou o espectáculo Cinema de historias de Raquel Queizás sobre a pioneira do cinema Alice Guy.. Amplía a nova>>

26/03/2019
A Industria audiovisual contará con novas axudas para asistir a mercados internacionais

As liñas de axuda publicadas onte do Diario Oficial de Galicia traen algunhas novidades como o feito de que agora están dirixidas xa non ao “cinema galego” senón ao “audiovisual galego” ou aos “contidos audiovisuais”, un cambio de denominación que implica a apertura a formatos variados de produción audiovisual máis alá do puramente cinematográfico o que inclúe produtos televisivos e webseries, por exemplo. Outra das novidades destas axudas pensadas todas elas para impulsar a proxección exterior do audiovisual galego, tanto a nivel empresarial como artístico, é a convocatoria en concorrencia non competitiva de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais deste sector, que veñen engadirse a unha nova convocatoria das axudas para presencia e exhibición en mostras e festivais nacionais e internacionais. . Amplía a nova>>

26/03/2019
Un total de 34 webseries de todo o mundo competirán no Carballo Interplay

O Concello de Carballo acollía onte a presentación da VI edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se presenta como a máis ambiciosa da historia deste evento. Entre os vindeiros 3 e 6 de abril o evento proxectará un total 34 webseries a competición, 7 galegas e en galego, 10 do resto do estado e 17 do estranxeiro, seleccionadas entre as 200 propostas que se presentaron a concurso. As webseries finalistas son na súa maior parte comedias, (14 das 34), con producións de drama (6), documental (4) ou terror (3). . Amplía a nova>>

22/03/2019
Chega aos cinemas Entre la roca y la ola, un documental sobre percebeiros

A primeira longametraxe do director coruñés Manuel Lógar, o documental Entre la roca y la ola chega hoxe ás salas de cinema do noso país. Cinemas da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol, Cee e Viveiro acollen a presentación desta obra rodada na Costa da Morte que acompaña un grupo percebeiros nas súas tarefas cotiás. A partir disto, o filme propón unha reflexión sobre a relación do ser humano e o medio co pano de fondo do desastre do Prestige. O director estará presente na estrea no cinema coruñés dos Cantóns, onde participará nun coloquio logo da proxección. . Amplía a nova>>

18/03/2019
Isabel Blanco galardoada co XXXVº Premio Celanova Casa dos Poetas

A actriz, directora de televisión e presentadora Isabel Blanco ven de ser recoñecida co premio Celanova, Casa dos Poetas. O xurado da XXXVª edición deste galardón honorífico acordou onte concedelo este ano a Blanco "polo seu compromiso vital con Galicia a través dunha impecable traxectoria profesional no ámbito do cine e a televisión non só en Galicia senón no resto do Estado". O xurado do premio concedido pola Fundación Curros Enríquez valora tamén "a súa actitude positivista e afable, a cultivar unha visión amable da sociedade galega, tanto do aquén coma do alén das nosas fronteiras culturais e emocionais". O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, do Consello da Cultura Galega, da Deputación Provincial de Ourense e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2018 e planificar as actuacións para 2019.. Amplía a nova>>

15/03/2019
Humor, videoxogos e muller centrarán os contidos do VI Carballo Interplay

O vindeiro tres de abril arrincan dúas das principais citas audiovisual da primavera galega, o Carballo Interplay e o Play-Doc de Tui. O festival de contidos dixitais da Costa da Morte, pendente de dar a coñecer a súa sección oficial, anunciou un intenso programa no que o humor feminista, a sororidade e os videoxogos centran as propostas. Entre as máis destacadas pola organización está a estrea en Galicia de Hermostra, espectáculo de humor de Charo López e Malena Pichot, e mais a mesa redonda sobre sororidade nas redes a cargo de Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman. Unha palestra sobre mulleres na industria dos videoxogos e un obradoiro de creación de contidos deste tipo para rapazas a cargo de Isabel Cano son outras propostas neste sentido. Manuel Bartual e El Hematocrítico a falar sobre Narrativas de ficción en Twitter, Los Prieto Flores, o podcast Jirafas de David Sainz para Playz, ou a preestrea da serie Terror y feria producida polos Javis para Flooxer supoñen outros contidos destacados do programa.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org