
A vertente fotográfica desta exposición complétase con outra serie de materiais que apoian o percorrido, como textos explicativos, edicións especiais dos libros levados á pantalla, elementos identificativos dos personaxes ou debuxos, entre outros. Ademais, a través da aplicación móbil Roar Augmented Reality, a mostra ofrece a posibilidade de ampliar información sobre os filmes e fotografías que se atopan identificados co símbolo correspondente.
Catro seccións: internacional, literatura, Camiño e Mulleres
A mostra articúlase en catro seccións. A primeira delas pon o foco nos traballos interpretativos, comezando por dous grandes nomes do cinema internacional nacidos en Galicia: María Casares e Fernando Rey que, entre outros, lle deron vida á duquesa Gina de Sanseverine de A Cartuxa de Parma ou a Don Quijote.
A literatura ocupa a segunda das seccións, centrándose fundamentalmente en adaptacións cinematográficas de grandes autores galegos como Castelao, Álvaro Cunqueiro, Wenceslao Fernández Flórez, Ánxel Fole, Avilés de Taramancos, Manuel Murguía, Roberto Vidal Bolaño e Eduardo Blanco Amor.
Pola súa banda, a construción e expansión do Camiño de Santiago protagoniza o arranque do apartado que Recreando personaxes lle dedica de xeito específico á historia, con títulos como O final do Camiño, Camiño de Santiago: A orixe ou o filme de animación O Apóstolo. Nas vitrinas e paneis desta sección, tamén hai lugar para dous traballos televisivos ambientados na Galicia de finais do XVIII (Hospital Real) e na posguerra e ditadura franquista (Os fillos do sol), así como para unha ollada social cara ao noso pasado máis recente co filme Heroína e a serie Fariña.
A achega feminina a este percorrido conta coa súa propia sección, vertebrada en torno a catro grandes figuras da cultura e a historia de Galicia que recentemente foron inmortalizadas polo noso audiovisual en catro producións de Zenit TV: Contou Rosalía, Juana de Vega, a condesa do arado; Concepción Arenal, visitadora de cárceres e Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde. Trátase nos catro casos de recreacións en clave biográfica, pero tamén reivindicativas do seu papel proactivo e adiantado ao seu tempo, nun contexto social que relegaba á muller a un papel secundario.