22/12/2025
Agadic axusta á alza as axudas a festivais audiovisuais
O Diario Oficial de Galicia deste 22 de decembro publica a convocatoria de axudas á realización de festivais de cinema de carácter profesional por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Esta liña ven de incrementar a súa contía por vez primeira en varios anos, axustando a suba a valores próximos á inflación ao subir 10.000 euros respecto aos últimos anos chegando deste xeito aos 310.000 de orzamento total que se distribuirán en tres anualidades. .
Amplía a nova>>
22/12/2025
Falece o actor Celso Bugallo
Co solsticio de inverno chegou a mala nova da morte dun dos grandes intérpretes secundarios do noso audiovisual. En Pontevedra falecía aos 78 anos Celso Bugallo Aguiar (Vilalonga, Pontevedra, 1947). O actor, un dos secundarios máis emblemáticos e característicos, que tomaba a pantalla coas súas aparicións, xa fose con moitas ou poucas liñas, grazas ao seu manexo maxistral da expresión corporal, deixounos co pesar de todo o sector, compañeiros e compañeiras en moitas producións televisivas ou cinematográficas na súa longa traxectoria. No seu extenso palmarés persoal, o actor contaba co Premio Mestre Mateo 2002 ao mellor actor de reparto pola súa participación na película de Fernando León de Aranoa, 'Los lunes al sol', rodada en Vigo e na que compartía pantalla con Luís Tosar e Javier bardém. Pouco despois vería afianzada a súa proxección no cine estatal grazas ao seu traballo en 'Mar adentro' de Amenabar, tamén rodada en Galicia e tamén compartida con Javier Bardém e polo que acadou o Galardón ao mellor actor de reparto nos premios Goya do cine español (2005), premio que na categoría feminina levou a súa compañeira de produción Mabel Rivera . .
Amplía a nova>>
18/12/2025
Premio José Sellier da Academia Audiovisual para AGAPI
A Academia Galega do Audiovisual ven de entregar o XIV Premio José Sellier á Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), en recoñecemento á súa traxectoria exemplar, ao seu carácter pioneiro e á súa contribución decisiva á construción, consolidación e proxección do sector audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas. Fundada en 1994, AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como fin primordial a defensa xeral dos intereses das produtoras independentes, así como a promoción de políticas favorables para o desenvolvemento dunha industria audiovisual galega competitiva e sostible. Ao longo da súa traxectoria, AGAPI impulsou fitos fundamentais para o audiovisual galego, como a creación dos Premios AGAPI (1996-2001), que en 2003 pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo, e a creación do Clúster Audiovisual Galego (Clag) ese mesmo ano. Foi tamén pioneira na internacionalización do sector, organizando en 2004 a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes. Na súa xustificación, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou que AGAPI "non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente", actuando como un motor vertebrador do sector, cunha visión estratéxica e un compromiso sostido co país, coa cultura e co futuro dunha industria que hoxe é referencia industrial, creativa e identitaria. .
Amplía a nova>>
17/12/2025
'Sirât' pode aspirar a cinco premios Óscar
O calendario cinematográfico dos premios Óscar da poderosa industria cinematográfica estadounidense tiña marcado este 16 de decembro para dar a coñecer as "listas curtas" de precandidaturas aos galardóns nas diversas categorías. Os ollos estaban postos no que acontecería respecto a 'Sirât', o filme de OliverLaxe, candidato oficial da cinematografía española ao premio a Mellor Película Internacional e as decisións da Academia estadounidense veñen de superar todas as previsións. O filme entra nas "shortlists" de ata cinco categorías, manténdose na carreira por ser finalista para os galardóns de Mellor fotografía, Mellor banda sonora orixinal, Mellor Son e cásting, ademais da de Mellor Película Internacional. Esta acumulación de precandidaturas nos premios Óscar é un fito xa dentro da historia do cine español, independentemente do que poida ocorrer cando o vindeiro 22 de xaneiro de 2026 se dean a coñecer xa as cinco películas candidatas de cada categoría. Antes diso, o vindeiro 11 de xaneiro terá lugar a gala de entrega dos Premios Globos de Ouro que a Asociación da Prensa estranxeira en Hollywood outroga cada ano e nos que o filme de Laxe é finalista xa en dúas categorías: Mellor Película de Fala non inglesa, e Mellor Banda sonora para a asinada por Kangding Ray..
Amplía a nova>>
16/12/2025
Luis Tosar galardoado coa Medalla de Ouro das Belas Artes
O Consello de Ministros ven de aprobar hoxe a lista de galardoados deste anos coa Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, proposta polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Entre as 35 personalidades e institucións do mundo da cultura está o actor lucense Luis Tosar (Lugo, 1971) . A Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes é un recoñecemento que distingue ás persoas e entidades que destacaran no campo da creación artística e cultural ou teñan prestado notorios servicios no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura ou na conservación do patrimonio artístico..
Amplía a nova>>
16/12/2025
Agadic convoca as axudas ao talento audiovisual
O Diario Oficial de Galicia deste 16 de decembro publica a convocatoria de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego. Esta liña de axudas, que ten o prazo aberto dun mes, mantén o orzamento inalterable das dúas anteriores convocatorias, achegando uns fondos de 176.000 euros a dividir nas dúas anualidades que comprende. Na convocatoria anterior, unha vez adxudicado todo o rozamento quedaron fóra ata o 90 cento das solicitudes presentadas. No relativo aos posibles proxectos beneficiarios e contías asignadas, nada muda respecto á convocatoria anterior, dividíndose entre proxectos de curtametraxes e de longametraxes, todas elas gravadas en versión orixinal en galego. A previsión de alcance, de 11 producións, tampouco muda respecto á anterior convocatoria, permitindo axudas ata a 8 proxectos de curtametraxes e 3 de longametraxes. Filmes en proxecto e outros pendentes de traballos de postprodución poden acollerse a estas liñas de axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, da Xunta de Galicia..
Amplía a nova>>
16/12/2025
Xogalego repasa a produción de videoxogos na nosa lingua
O proxecto Recuncho Gamer acaba de facer público Xogalego, un catálogo que recolle os videoxogos realizados na nosa lingua. A iniciativa, que arrinca con noventa referencias, prevé se ampliar e chegar en breve a unhas duascentas. Segundo explica a entidade responsable, Xogalego "nace polas dificultades actuais para atopar xogos na nosa lingua en páxinas como Steam ou nas tendas de Sony, Nintendo ou Microsoft"..
Amplía a nova>>
15/12/2025
Stefan Djordjevic imponse no palmarés do X Novos Cinemas
A décima xeira do festival Novos Cinemas fechaba as súas portas este 14 de decembro coa entrega dos seus galardóns. O filme
Wind Talk To Me, dirixido polo serbio Stefan Djordje impúxose no certame ao obter o Premio Novos Cinemas e mais o do público..
Amplía a nova>>
15/12/2025
Benigno López Moure gaña o Premio de Guión en Galego da AGAG
O VII Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego que convoca a Asociación Galega de Guionistas recaeu este ano en Benigno López Moure, pola súa obra 'Monstros'. O galardón organizado por AGAG, coa colaboración da Fundación SGAE e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, está dotado con 2.000 euros. Xunto á obra gañadora, tamén foron recoñecidas como finalistas: 'Amparo, pero non olvido', de Luis Miles e 'Onda tras onda', de Daniel Cornes. Do traballo gañador o comité avaliador destacou "o dominio impecable dos códigos do thriller, a profundidade psicolóxica dos personaxes e a valentía de abordar unha temática incómoda cunha mirada autoral comprometida coa complexidade moral da historia". No acto de entrega do galardón celebrado o venres pasado na sede da SGAE de Santiago de Compostela, participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para expresar o apoio do Goberno galego ao labor da escrita individual como punto de partida determinante dos proxectos que chegan con éxito ás pantallas. Con esta nova edición do premio, AGAG reafirma o seu obxectivo de impulsar a creación de contidos en galego, apoiando o traballo das autoras e autores e fortalecendo a presenza da nosa lingua no audiovisual..
Amplía a nova>>
09/12/2025
Sirât candidata a dous premios Globos de Ouro
O filme Sirât do realizador galego Oliver Laxe vai engadindo co paso das semanas máis méritos que afianzan o incuestionable do seu éxito e impulsan a película de cara aos premios Oscar da industria estadounidense. Nos galardóns Globos de Outro, convocados pola Asociación da Prensa Estranxeira en Hollywood o filme Laxe ven obter dúas candidaturas finalistas. Unha delas, a de Mellor Película de Fala non inglesa, mentres que na outra será a potente e presente banda sonora asinada por Kangding Ray a que aspira a galardón. Ademais disto o filme foi designado pola prestixiosa revista The New Yorker, como a mellor longametraxe deste ano 2025. .
Amplía a nova>>