Filmes de dez países no palmarés do Curtas festival de Vilagarcía

'Hippocampus' de Xaime Miranda con guión de Nuno Pico gaña na sección Galicia

'Hippocampus', a curtametraxe de Xaime Miranda con guión do director e Nuno Pico (Grande Amore) resultou a gañadora na sección de curtas galegas da 53 edición de Curtas festival do imaxinario de Vilagarcía de Arousa. A película, protagonizada por Adrián Ríos e Lidia Veiga, conta a historia de Tomás, un home atormentado pola lembranza dunha tarde que pasou con Marta, o amor platónico da súa vida, moitas décadas atrás. Pero grazas a un novo dispositivo tecnolóxico, Tomás pode revivir ese momento e talvez darlle un xiro. Foi seleccionada polo xurado de entre as doce obras competidoras da sección de curtametraxes galegas.

O palmarés da edición deste festival dedicado ao xénero fantástico, de terror ou ciencia ficción complétase con varios galardóns máis das seccións oficiais que se distribúen en obras de dez países. O de Mellor Longametraxe foi para 'The Book of Sijjin and Illiyyin' (Indonesia, 2025) de Hadrah Daeng Ratu, que tamén levou o premio a Mellor Dirección nesa sección. En curtametraxes o galardón da sección oficial foi para 'Last Night Stand' (Canadá, 2025) de Pierre-Luc Gosselin, mentres que o de mellor dirección recaeu en Jorge Sermini por 'Daughter' (Bélxica, 2025). A Mellor Interpretación, segundo o xurado foi a de Colby Minifie por 'The Surrender' (Canadá).


A Mellor Curtametraxe de Animación foi, segundo o xurado da edición, 'The Boy who cheated Death' (Francia, Vietnam, 2025) de Pipou Phuong Nguyen. O Premio Roberto Camba aos efectos especiais foi para a longa 'Hold the Fort' (Estados Unidos, 2025) e a cinta arxentina 'Los Ojos del Diablo' de Daniel de la Vega acadou o Premio Especial do xurado. No relativo ao galardón á Mellor película latinoamericana foi para o filme 'Consequências Paralelas' (Brasil, 2025) de Gabriel França e CD Vallada. O palmarés pechase co galardón a Mellor videoclip para 'I've been fallin' (Turquía, 2025) de Ugur Savaş.