Diálogos confinados (III): As fundacións literarias rurais ven neste o momento dos pequenos

A Fundación Eduardo Pondal e a Fundación Uxío Novoneyra consideran unha oportunidade o escenario post-crise da COVID-19

A Fundación Eduardo Pondal e a Fundación Uxío Novoneyra consideran unha oportunidade o escenario post-crise da COVID-19
SanMontes, Uxío Novoneyra e José María Varela no Diálogo Confinado
Cada colectivo e cada tipo de axente cultural está a encarar o momento actual dun xeito acorde coa súa natureza e obxectivos. No mundo das fundacións culturais hainas de varios tipos tamén e con respostas moi diferentes á situación. Grazas ao encontro organizado polo Consello da Cultura Galega falamos con Uxío Novoneyra e José María Varela, representantes de dúas entidades que teñen varias cousas en común. A Fundación Uxío Novoneyra e a Fundación Eduardo Pondal, levan pouco máis de dez anos funcionando como fundacións de legado de dous escritores galegos poetas, imbricadas en dúas aldeas pequenas (Parada do Courel e O Couto) como exemplares axentes dinamizadores do seu entorno e cun programa no que ademais de numerosas iniciativas manexan dous eventos anuais de especial proxección (Festiletras e Festival dos Eidos) aos que a circunstancia da crise sanitaria afecta especialmente. Pero as dúas tamén teñen en común, e iso vese neste Diálogo, a visión da crise como unha oportunidade na que as súas pequenas fundacións poden ter un papel relevante a través de accións ben focalizadas.



Primeiras decisións a pé cambiado

O decreto do estado de Alarma colleu a estas entidades, como a todo o mundo, por sorpresa e a pé cambiado. As implicacións non eran só as organizativas, tamén as relativas á seguridade das persoas, como confirma Uxío. "Ao primeiro nós entramos cun pavor total, tanto que estou confinado na Coruña e non no Courel porque como estiveramos traballando en Madrid con obxecto dunha coprodución escénica alí sete días antes do Estado de Alarma decidín que era mellor que non volvera para a sede no Courel por si acaso levaba o virus comigo", asegura ao tempo que recorda que a o 65% da poboación de Folgoso do Courel ten máis de 65 anos e viuse na obriga de protexelos de riscos nese sentido, "para nós son un tesouro como últimos depositarios da cultura que o meu pai valoraba máis, a popular". Tamén para o xerente da Fundación Eduardo Pondal a situación caeu a pé cambiado, xusto cando viñan de facer un acto de celebración o 8M na Casa da Muller e xa preparando outras actividades como unha presentación dun libro o 14 de marzo e pechando o programa dun dos seus eventos máis significativos, o Festiletras que estaría a ter lugar xusto esta semana do 10 ao 17 de maio. "Estabamos cun traballo moi intenso e pillounos co pé cambiado e pensamos ¿Que facemos agora?". Na Fundación Pondal o Festiletras que se celebra cada ano onde a súa sede na aldea do Couto, de Ponteceso, inclúe unha programación intensa arredor das nosas letras, artes e ciencias. "Cando pasamos a estar confinados o primeiro que nos veu a mente foi intentar cambiar xa as datas porque tiñamos moitísimos compromisos pechados sobre todo con grupos musicais e teatrais que ían participar e había que buscarlle unha nova data no calendario", asegura José María Varela e deixa ver que foi cun optimismo talvez excesivo que a fixaron para a primeira semana de setembro "en previsión de que as cousas vaian liberándosenos".


A partires de aí as dúas entidades comezaron a repensar as súas posibilidades presentes e as previsibles cun panorama aínda moi por definir en cousas tremendamente importantes. Desde a Fundación Novoneyra preocupáronse de manter unha actividade virtual a través das súas redes sociais coas que son moi activos. "Puxémonos a facer contidos en liña", di Uxío, "estamos facendo unha colección de flores, compartimos contidos audiovisuais de arquivo sonoro, de arquivos de videodanza, que é o que podemos ofrecer para que a xente poida seguir consumindo cultura na casa". Nese sentido aseguran que a situación incluso os levou a repensar o xeito no se comunican a través das páxinas web que a fundación mantén e que, segundo o secretario implica volvelas facer seguindo un novo "paradigma", que require actualización deses formatos. Ademais desde a fundación do poeta do Courel xa están a deseñar, con vistas ao escenario post-covid, un proxecto de visita exterior á casa museo pola horta, as cortes, a fragua, para evitar a aglomeración no interior.

Nesa mesma liña, Varela tamén asegura que desde a Fundación Eduardo Pondal tamén están xa a traballar nas novas situacións coas que o "día despois" do Estado de Alarma, poida condicionar o resto das súas actividades habituais como as Escolas de Verán ou os Campamentos. "Estamos intentando reinventarnos, a ver que podemos facer", di o xerente da Fundación pondaliana, "atentos ás instrucións que as autoridades nos vaian dando para saber como podemos facer eses microproxectos que nós pensamos, miniconcertos, miniactividades un pouco na liña de por onde vemos que van indo as propostas que nos van mandando as autoridades".


O momento do pequeno
Implantadas en pequenas aldeas, illada unha no Courel e outra plenamente accesible na Costa da Morte, as dúas fundacións non esconden as súas liñas de relación coa dinamización da zona no relativo ao movemento turístico, sempre dentro dun enfoque de achegamento sostible e real, con fortes lazos coa cultura popular do seu entorno. Polo tanto todo o que afecte á mobilidade turística tamén lles afecta. "As fundacións somos culturais, educativas e turísticas á vez", asume Novoneyra, "O Courel foi un territorio moi isolado e depauperado polas sucesivas ondas da emigración e moi orientado economicamente á minaría durante os anos 80 e 90 e estabamos a conseguir, revalorizalo e orientalo ao turismo, un turismo interior que non é coma os grandes turismos e que pode que teña unha saída despois desta crise, e si que estamos nun momento de gran dificultade con iso". Malia todo ve que as restricións de mobilidade fan precisa unha reorientación dos públicos. "Se non nos podemos mover máis que dentro do país vamos ter que orientarnos ao traballo coas comunidades propias, unha política de públicos moi centrada nos do propio territorio."


Para José María Varela é xustamente por esa circunstancia que hai moitas posibilidades abertas agora, concretamente para o turismo de proximidade, que deben ser aproveitadas. "Estamos moi atentos a foros que promova a Deputación da Coruña ou a Xunta de novas oportunidades para o sector turístico e temos que empezar a pensar moitísimas cousas e novas actividades", asegura Varela. Para el ese turismo de proximidade "pode significar unha oportunidade para que os galegos coñezamos máis o noso país, na medida que poidamos viaxar", nese sentido declarase abertamente optimista considerando unha vantaxe o redimensionamento obrigado das circunstancias a favor do menos multitudinario e máis achegado. "Pode ser o gran momento do pequeno, o gran momento do rural, das nosas artes, das nosa letras e da nosa cultura. Eu quero velo como un canto de esperanza, unha oportunidade", afirma.

Desde a Fundación Novoneyra tamén ven que o menor tamaño pode ser un valor engadido nestas circunstancias de futuro máis próximo, incluso de cara ao Festival dos Eidos, un dos seus eventos máis recoñecidos que pasará de celebrarse en agosto ao outono, cun formato pequeno. "O festival dos Eidos o volveremos facer porque non é só o noso festival literario, son as festas da nosa aldea, o faremos nun formato pequeno, xa é un festival pequeno, non xunta máis de 500 persoas. Penso que o que debemos de facer é pensar estratexicamente", asegura Uxío Novoneyra. Botando man das verbas dos escritores aos que as dúas fundacións protexen e difunden Varela e Novoneyra elixen como moi acaídas aos tempos actuais dúas achegas para rematar este diálogo. O xerente da Fundación Eduardo Pondal, nesa liña de esperanza e optimismo ante as oportunidades do novo escenario, elixe do bardo a frase "os tempos son chegados" do seu poema Os Pinos, letra do himno de Galicia. Pola súa banda Uxío Novoneyra elixe unha cita dunha entrevista ao seu pai, que confesa que lle volveu moito pola cabeza estes días na que o poeta do Courel dicía que "ás veces gustáballe que lle engulira o caos, porque o devolvía novo".